Miramontes, María

1.María Miramontes

María Miramontes (Guísamo, Bergondo, 1895 - Bos Aires, 1964) foi unha activista e intelectual nacionalista galega. 

Nome completo: María de los Dolores Miramontes Matos

Datas: 1895-1964

Lugares: Guísamo, Bergondo - Bos Aires

Campo de actividade: Moda; Costura; Política; Edición 

Grupo asociado: Irmandades da Fala; Partido Galeguista; Editorial Nós

Ocupación: Modista; Política; Editora

Lingua: galego, castelán

De pais xornaleiros, múdase con eles á Coruña en 1905, onde María comeza a traballar con 11 anos nun obradoiro de costura, comezando así a súa formación como modista. Na Coruña destes anos teñen lugar as grandes folgas de consumos, protagonizadas polas mulleres. A cidade tamén ten unha fonda tradición republicana que se evidencia na súa vida cultural e no seu comportamento político; asemade, xermola o pensamento galeguista en lugares como a Cova Céltica. María Miramontes edúcase neste mundo, frecuentando os núcleos republicanos na compañía de Elvira Bao, Pilar Castro, Amparo López Jean e, moi nova aínda, milita nas Irmandades da Fala, entidade que chega a ter máis de 200 socias. María estará na súa Xunta Directiva. Seguramente é alí onde coñece a Ánxel Casal, co que casa en 1920.

O matrimonio instálase na rúa Panadeiras da Coruña, onde abren un comercio de venda de teas. Á vez, a parella alimenta varias iniciativas do nacionalismo e da cultura de Galicia: as Irmandades da Fala; a editorial Lar, despois a editorial Nós; e a Escola de Insiño Galego.

En 1927, María sofre un aborto que a deixará física e psiquicamente destruída, xa que non poderá ter máis fillos. Con valentía e tesón afronta a situación e de novo o traballo como modista e a militancia fan dela a muller responsábel, cariñosa e valente que sempre foi.

Aos poucos meses da proclamación da República en abril de 1931 deciden trasladarse a Compostela para estar máis preto do Seminario de Estudos Galegos, xa que a Editorial Nós publicaba todas as obras desta institución. Cando en decembro de 1931 nace o Partido Galeguista, María, xunto a Genoveva Casal e outras poucas mulleres, traballa en convencer ao pobo de Galicia, e especialmente ás mulleres, da necesidade para Galicia dunha forza política propia.

Seguramente non foi doado para María atopar clientela como modista entre as damas da "boa sociedade compostelá", mais a súa habilidade coa agulla e a tesoira, a súa capacidade creativa cos patróns e as teas, van romper esa barreira e nos bailes do Casino, nos actos institucionais da sociedade compostelana, nos actos universitarios do Paraninfo, a roupa que crea María ten sona do bon facer.

O seu traballo compatibilízao coa súa militancia política e coa súa participación nas tertulias da Editorial Nós. Mais a súa preocupación estaba nas mulleres e no convencemento de que no Partido Galeguista tiña que haber unha organización propia feminina. Así, o 25 de xullo de 1933 un grupo de mulleres do Partido Galeguista, incluída María, asina un chamamento dirixido a todas as mulleres para que tomen conciencia dos valores galegos, o cal se publicou o 3 de agosto no xornal La Razón de Lalín e 3 días despois en A Nosa Terra. Coincidindo con isto, neste último xornal créase unha sección fixa dedicada ás mulleres.

María participou na campaña de apoio ao Estatuto que se vai referendar en xuño de 1936. O 17 de xullo Ánxel Casal facía entrega do Estatuto, xunto á Comisión designada para esta función, ao Presidente das Cortes e ao Presidente da República. O 18 de xullo ten lugar a sublevación militar. O 20 de xullo, Ánxel Casal, recén chegado de Madrid, faise cargo da alcaldía e ponse á fronte do Comité Republicano de Santiago. Pero ese mesmo día, ás 12 da noite, a autoridade militar obrígao a ceder o mando. María e Ánxel vanse a Vilantime (Arzúa), aldea da familia del. O 4 de agosto, após ser delatado por un veciño, Ánxel foi detido e conducido á cadea de Santiago. Comeza para María unha etapa de dor, de sufrimento. Intentará por todos os medios manter con vida a Ánxel Casal, mais el será asasinado nunha gabia en Cacheiras na noite do 18 ao 19 de agosto. María vive unha curta temporada na Coruña na casa dos Casal preparando o seu exilio e recompilando e gardando todos os obxectos persoais, fotografías e correspondencia que poden aínda conservar a lembranza, o amor e a complicidade de Ánxel.

En novembro de 1936 embarca, vía Lisboa, rumbo a Bos Aires, onde ten parte da súa familia emigrada. Alí retoma a profesión de modista, mais a súa agulla e as súas teas nunca van ter a alegría e a ilusión da súa vida en Galicia. Algúns anos máis tarde casa cun curmán, Pedro Miramontes. Mais as súas conversas e a súa vida estaban máis vinculadas á familia Seoane: con Rafael, con Maruxa e con Luís podía falar de Compostela, do Estatuto, da esperanza dun país novo cun pobo libre e, sobre todo, podía falar, evocar e chorar a memoria de Ánxel.

Morreu en setembro de 1964 na capital porteña. O xornal A Nosa Terra de Bos Aires publicou en marzo de 1965 unha nota necrolóxica escrita por Maximino Brocos (pseudónimo de Luís Seoane). Mais a partir de entón o silencio e o esquecemento fixeron de María Miramontes unha muller invisibilizada.

En 2007 dedicóuselle unha rúa en Santiago de Compostela. 

Bibliografía: