Carlos Maside

1.Carlos Maside

Pintor, debuxante e gravador, nacido en San Xulián (Pontecesures) , pero fortemente ligado a cidades como Santiago de Compostela ou Vigo.

A primeira, pola presenza da súa familia e a segunda, polas súas vinculacións laborais e ideolóxicas co mundo urbano en relación cos cambios que vivía a sociedade galega nesas primeiras décadas do século XX, cando se produce o tránsito entre o Antigo Réxime e o novo sistema liberal.

Nome completo: Carlos Maside García

Datas: 1897-1958

Lugares: Pontecesures, Pontevedra-Santiago de Compostela

Campo de actividade: Arte; Pintura; Gravado

Grupo asociado:

Ocupación: Pintores; Gravadores

Lingua: Galego

As súas primeiras ensinanzas artísticas chegan da man da escola dos mestres Gende e Trasmonte que, en parte, deixarán unha marca de identidade no legado de Carlos Maside.

A súa obra debemos entendela sobre un principio claro de renovación e difusión da identidade galega, no contexto da expansión do movemento vangardista. Unha obra que mestura principios do cubismo, do expresionismo e do realismo máxico, que fai que se comece un novo ciclo dentro das vangardas pictóricas galegas.

Cabe resaltar o seu traballo co óleo, onde predominan as figuras femininas que, en numerosas ocasións, son sorprendidas nos seus labores diarios, con facianas totalmente ensimesmadas, atemporais e case sen expresións, nuns contidos que iran evolucionando cara unhas liñas máis xeométricas.

2.
3.

A relación entre pintura e arquitectura será unha das maiores preocupacións deste artista, que na súa época final tenta achegarse máis aos plantexamentos do Escola de Bauhaus e do movemento das vangardas ruso.

Ademais do seu papel artístico, non podemos esquecer as súas grandes relacións co mundo intelectual e artístico da preguerra, de gran trasfondo persoal e ideolóxico. Dende a Xeración Nós ata Castelao, pasando por Luís Seoane e Ánxel Casal, fan que a vida e obra Carlos Maside estea chea de reivindicacións de carácter político e social.

Coa chegada da Guerra, é cesado no seu posto de profesor, polo que comezará unha andaina dentro da difusión cultural. Unha época que finalizará cun dos aspectos máis difíciles da súa vida e que o levarán a un exilio interior, unha reclusión en si mesmo, fuxindo dos contactos coa realidade social e política.

Todos estes aspectos deixarán unha fonda pegada na súa obra, que converteu o seu estudo no número 42 da Rúa do Vilar, nun dos epicentros da cultura, da política e da reivindicación social galega da época.

Bibliografía:

  • Sobrino Manzanares, María Luísa, En torno a la fotografía popular de Carlos Maside. En: Quintana: revista de estudios do Departamento de Historia da Arte, ISSN-e 1579-7414, Vol. 1, Nº. 1, 2002, págs. 324-325

  • Rodríguez Losada, M. E. (1993) Carlos Maside. Deputación da Coruña.

  • BERNÁRDEZ, Carlos L. (2011) Do idilio á diaspora : modernidade e compromiso na pintura galega de Castelao a Seoane.Vigo. Nigatrea.

Imaxes:

  1. Carlos Maside: Vida gallega : ilustración regional: Ano XIII Número 182 - 1921 outubro 25 Copia dixital en Galiciana marcado como dominio público, para máis detalles véxase CC0 1.0