María do Cebreiro

1.María do Cebreiro

María do Cebreiro é unha tradutora, investigadora, profesora de Universidade, escritora e poeta nacida en Santiago de Compostela o 5 de xullo do 1976.

É filla dos escritores Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes, que lle transmitiron dende moi nova o seu amor pola poesía, gañando así en 1990 e con só 14 anos, o primeiro premio no XVI Certamen Poético Antonio García Hermida.

Nome completo: María do Cebreiro Rábade Villar

Datas: 1976

Lugares: Santiago de Compostela

Campo de actividade: Literatura; Teoría da Literatura; Filoloxía

Grupo asociado: Universidade de Santiago de Compostela

Ocupación: Escritoras; Profesoras; Científicas; Tradutoras; Poetas

Lingua: Galego

Web: http://mariadocebreiro.net/

Twitter: https://twitter.com/mariadocebreiro

En 1998 publicou o seu primeiro poemario, O estadio do espello e licenciouse en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela, onde actualmente traballa como investigadora e profesora de Teoría da Literatura.

A súas principais liñas de investigación son a teoría do poema, o estudo comparado das antoloxías de poesía no ámbito peninsular e a narrativa do século XIX, temas sobre os que escribiu artigos que aparecen en revistas como Bulletin of Hispanic Studies, Rilce, Revista de Literatura, Romance Notes...

En relación á súa obra poética, ao seu libro O estadio do espello, seguiuno nós, as inadaptadas (accésit do XXI Premio Esquío de Poesía en Lingua Galega), Non queres que o poema te coñeza (Premio de Poesía Caixanova 2003), O barrio das chinesas e Os hemisferios, entre outros.

No ano 2002 foi galardoada co Premio de Investigación Dámaso Alonso pola súa obra As antoloxías de poesía en Galicia e Cataluña, extraída da súa tese doutoral, e en 2005 publica As terceiras mulleres, ensaio centrado na nova maneira de entender a representación da subxectividade feminina e a creación artística feita por mulleres.

Por último, cabe destacar que tamén é profesora de literaturas comparadas na Escola das Artes da Universidade de Porto e que coordinou coleccións como A poesía é o gran milagre do mundo (2001) que é unha mostra de poesía galega traducida ao inglés e Damas negras (2002), unha antoloxía e tradución ao galego de cancións realizadas por mulleres.


Obra poética:

  • O estadio do espello (Xerais, 1998).

  • (nós, as inadaptadas) (accésit do XXI Premio Esquío de Poesía en Lingua Galega; Sociedade de cultura Valle-Inclán, 2002).

  • Non queres que o poema te coñeza (gañador do II Premio Caixanova de Poesía 2003; P.E.N. Clube de Galicia 2004).

  • O barrio das Chinesas (O Correo Galego, 2005).

  • Os hemisferios (Galaxia, 2006).

  • Cuarto de outono (Sotelo Blanco, 2008).

  • Non son de aqui (Xerais, 2008).

  • Poemas históricos (2010).

  • O grupo (2011).

  • A guerra (Barbantesa, 2013) con Daniel Salgado.

  • A ferida (2013) con Ismael Ramos.

  • Os Inocentes (Galaxia, 2014).

  • O deserto (Apiario, 2015).

  • A lentitude (Chan da pólvora, 2017).

  • Soños. Arquivos. Cartas (Xerais, 2018).


Ensaio:

  • As antoloxías de poesía en Galicia e Cataluña (Universidade de Santiago de Compostela, 2004).

  • As terceiras mulleres (Galaxia, 2005).

  • Fogar impronunciable. Poesía e pantasma (Galaxia, 2011).


Antoloxías coordinadas:

  • A poesía é o grande milagre do mundo / Poetry is the world´s great miracle (P.E.N. Clube de Galicia 2001).

  • Damas negras: música e poesía cantada por mulleres (Xerais, 2002).


Bibliografía:

Imaxes:

  1. María do Cebreiro: Pepepapa678, María do Cebreiro, CC BY-SA 4.0