Manuel López Garabal

1.Manuel López Garabal

Manuel López Garabal (1907-1981) foi un pintor compostelán, fillo de Concepción Garabal, comerciante e Raimundo López, escultor e simpatizante do Partido Republicano que alcanzou a alcaldía en Santiago.

Garabal permaneceu case toda a súa vida na súa cidade natal, o que marcou a súa traxectoria pictórica. Ademais de profesor de debuxo e pintura, foi un recoñecido retratista.

Nome completo: Manuel López Garabal

Datas: 1907-1981

Lugares: Santiago de Compostela

Campo de actividade: Pintura

Grupo asociado: Real Sociedade Económica de Amigos do País

Ocupación: Pintores

Lingua: Castelán

Garabal sempre resaltou a contorna de artistas que existía na súa familia xa que comezou a asistir ao taller do seu primo Cándido Garabal, que influíu na súa formación artística. Con 15 anos, matriculouse na Sociedade Económica de Amigos do País como discípulo de Perico Vázquez e asistiu á Exposición Rexional de Belas Artes, onde entrou en contacto cos pintores galegos.

En 1926 expuxo as súas primeiras obras e tras o éxito, trasladouse a Madrid onde frecuentou o Círculo de Belas Artes. En 1928, tivo que regresar a Santiago para realizar o servizo militar. A tuberculose afectou parte da súa vida, obrigándolle en certas épocas a afastarse da produción pictórica. Tras a Guerra Civil (1936-1939), entrou a formar parte da fábrica de Cadaqués en Santiago de Compostela como técnico de policromía. En 1939 casou coa pintora Concha Vázquez e, pouco tempo despois, terminou os seus estudos e gañou a oposición a profesor, traballando como interino na Escola de Artes e Oficios.

Na década dos 40, a súa traxectoria profesional divídese en dous momentos. O primeiro, entre 1944 e 1948 no que produciu gran cantidade de obras, lenzos e debuxos e levounos a exposicións de carácter particular por Vigo, Santiago de Compostela, A Coruña…

A segunda etapa comeza no ano 1948, cando a súa esposa Concha Vázquez renova a súa actividade artística e o matrimonio realiza exposicións de forma conxunta. Nun primeiro momento, expuxeron en cidades galegas como Betanzos, Ferrol, A Coruña pero, sobre todo, en Santiago e despois realizaron exposicións en Madrid obtendo boas críticas e a atención do público. As exposicións do matrimonio Garabal estiveron interrompidas entre 1957 e 1963 por mor da enfermidade da pintora e cesaron definitivamente en 1971 co falecemento de Concha Vázquez. O pintor continuou a súa produción artística ata a súa morte en 1981.

Como recoñecemento á súa figura, o Concello de Santiago deu o seu nome a un premio de pintura na escola onde foi profesor.


Produción artística

A produción artística de Garabal foi inmensa e recolle desde obras, óleos e debuxos, pasando por algunha obra escrita, crítica de prensa e radio.

Foi un pintor vinculado á corrente realista e de estilo rexionalista galego. Destacou pola forma viva e realista de interpretar Galicia. A temática das súas obras trata motivos composteláns, retratos, paisaxes, floreiros e algunhas composicións.

Entre as súas obras máis destacadas atopamos La Embaucadora (1926), El Místico (1927), los retratos de Rosalía de Castro o Valle-Inclán, Camino de Santiago (1943), El zagal dormido (1941), A do boliche (1944), Moza de Finisterre (1945), Paisaxe de Gondelle (1960) ou Mar de Fóra (1973).


Bibliografía:

LÓPEZ VÁZQUEZ, J., MONTERROSO, J. (textos). Pintores Composteláns. Historia e renovación entre os séculos XIX e XX. (Exposición celebrada en Santiago de Compostela, Auditorio de Galicia, del 10 xuño al 25 xullo 2004). Santiago de Compostela: Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, Auditorio de Galicia, 2004.

López Vázquez, José Manuel B., Manuel López Garabal, en Real Academia de la Historia, Diccionario Biográfico electrónico (en red, http://dbe.rah.es/biografias/32537/manuel-lopez-garabal )(Consultado en 29-04-2019).

A Fundación, Obra Social Abanca, Manuel López Garabal Recuperado de: https://www.afundacion.org/es/coleccion/autor/lopez_garabal_manuel (Consultado en 30-04-2019).

Imaxes:

  1. Manuel López Garabal: Hoja oficial del lunes : al servicio de España: Num. 662 (01/03/1948) Copia dixital en Galiciana marcado como dominio público, para máis detalles véxase CC0 1.0