Antonio López Ferreiro

1.López Ferreiro

Antonio López Ferreiro (Santiago de Compostela, 1837 - 1910) foi un escritor e historiador galego. Naceu o 9 de novembro de 1837 na praza da Universidade (Santiago de Compostela) e cursou estudos de Filosofía e Letras e Dereito na Universidade Literaria. Posteriormente decantouse pola carreira eclesiástica, ordenándose presbítero en 1862.

No ano seguinte realizou o doutoramento en Teoloxía na Universidade Central, para despois matricularse na Escola Diplomática de Madrid, conseguindo en 1865 o título de arquiveiro bibliotecario.

Nome completo: Antonio López Ferreiro

Datas: 1837-1910

Lugares: Santiago de Compostela

Campo de actividade: Historia; Literatura; Clero

Grupo asociado: Catedral de Santiago; Seminario Mayor de Santiago de Compostela; Real Academia de la Historia; Real Academia Galega

Ocupación: Relixiosos; Historiadores; Escritores

Lingua: Galego; Español; Latín

En 1866 converteuse no sancristán da Igrexa de San Antonio de los Alemanes en Madrid e, nese mesmo ano, regresou a Galicia para ser sancristán en Santa Eulalia de Vedra. Máis tarde foi nomeado cóengo da Catedral de Santiago e escribiu folletos que tiveron unha gran repercusión, como é o caso de "El matrimonio civil en sus relaciones con la religión, la moral y la libertad", no que refutaba o discurso pronunciado por Montero Ríos nas Cortes en defensa da lei do casamento civil de 1870.

A partir de 1871 toda a súa vida transcorre xa en Santiago de Compostela, onde desenvolveu todo o seu labor investigador. Antonio López Ferreiro foi unha persoa que estaba moi interesada en coñecer o pasado de Galicia e, de feito, xogou un papel importante no redescubrimento das reliquias do apóstolo Santiago, exercendo durante anos como catedrático de Arqueoloxía Sagrada no Seminario de Santiago de Compostela.

Ao longo da súa vida, López Ferreiro escribiu unhas cincuenta obras nas que abordou temas históricos como, por exemplo, o priscilianismo, a cuestión dos foros, o pórtico de Praterías, a vida de Afonso VII, de San Pedro de Mezonzo, etc... e destacou o seu intenso labor na revista Galicia histórica, que entre 1901 e 1903 se publicou en Santiago de Compostela.

López Ferreiro non só escribiu obras históricas, senón que tamén compuxo obras literarias, como A tecedeira de Bonaval (1894), O castelo de Pambre (1895) ou O niño das pombas (1905), obras ambientadas nos séculos XVI, XIX e XII respectivamente.

Antonio López Ferreiro tamén é visto por moitos como o gran historiador galego e como unha persoa que xogou un papel moi relevante na construción da consciencia histórica do ser galego, sendo un pioneiro na denominada literatura local e sendo, posiblemente, o primeiro autor galego en escribir novelas históricas. Cómpre destacar o feito de que para a maioría dos autores López Ferreiro foi o primeiro historiador galego que utilizou fontes manuscritas, numismáticas e arqueolóxicas.

Ademais do seu labor de historiador e novelista, López Ferreiro tamén escribiu abundantes artigos e documentos en xornais e revistas compostelás como por exemplo El Porvenir, El libredón, Revista Compostelana de Instrucción y Recreo, Galicia Diplomática, Galicia Católica ou a xa mencionada anteriormente Galicia Histórica.

Politicamente, Antonio López Ferreiro estivo vinculado ao carlismo. De feito, segundo indica Fandiño Veiga, interpretaba a Historia a partires de Deus, Patria e Rei. Ademais, foi socio da Real Academia de Historia, académico da Real Academia de Buenas Letras de Barcelona, membro da Asociación Artística Arqueolóxica de Barcelona e tamén, dende 1905, académico numerario da Real Academia Galega.

López Ferreiro faleceu en Vedra o 10 de marzo de 1910 e no ano 1978, a Real Academia Galega adicoulle o Día das Letras Galegas. Ademais, foi nomeado fillo predilecto da cidade de Santiago de Compostela.

Bibliografía:

  • López Ferreiro, A. e Fandiño Veiga, X.R. (ed.), Apuntes históricos sobre Santiago: obra dispersa y olvidada, 1868-1903. Santiago de Compostela: Alvarellos, 2010.

  • Santos Fernández, C., Antonio López Ferreiro (1837-1910): canónigo compostelano, historiador y novelista. Santiago de Compostela: Alvarellos, 2012.

  • Santos Fernández, C., De Santa Baia a Vilanova: Antonio López Ferreiro no concello de Vedra. Vedra: Concello de Vedra, 2010.

Imaxes:

  1. López Ferreiro: Unknown author, Antonio López Ferreiro, marcado como dominio público, para máis detalles véxase Wikimedia Commons