Lorenzana, Pura

1.Título da foto

Pura Lorenzana (Vilasante, O Saviñao, 1907 - Santiago de Compostela, 1997) foi unha mestra e arqueóloga galega. 

Nome completo: María Pura del Rosario Lorenzana Prado

Datas: 1907-1997

Lugares: Vilasante, O Saviñao - Santiago de Compostela

Campo de actividade: Ensino; Arqueoloxía

Grupo asociado: Universidade de Santiago de Compostela; Seminario de Estudos Galegos

Ocupación: Profesora; Arqueóloga

Lingua: castelán, galego

Nada nunha familia acomodada, logo de facer o bacharelato no Instituto de Lugo comezou no curso 1924-25 as carreiras de Filosofía e Letras e Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. Terminou a primeira en 1928, con Premio Extraordinario, e posteriormente doutorouse na Universidade de Madrid. Pertenceu ao 10% de mulleres galegas que foron á universidade no primeiro terzo do século XX.

As noticias que hai dela nestes anos sitúana no círculo de alumnos universitarios de Filosofía e Letras e Dereito, brillantes, máis ou menos galeguistas e con inquedanzas literarias, artísticas e de estudo e investigación, o círculo que se movía arredor do Seminario de Estudos Galegos (SEG) ou de profesores novos, como Ciriaco Pérez Bustamante, catedrático de Historia de España, decano da Facultade de Filosofía e Letras e impulsor de investigacións en Arqueoloxía Prehistórica e Historia de América. En 1927 aparece entre o grupo de estudantes de Historia, case todos membros do SEG —Carmen Rey, Celsa Ferrín Moreiras, Xosé María Castroviejo, Antón Fraguas, Sebastián González, Vidal Fraga e Villares Méndez—, que custea a edición do primeiro fascículo da Facultade de Filosofía e Letras, Hispanoamérica e Iberoamérica, do americanista mexicano Carlos Pereyra. Ese mesmo ano é elixida representante dos alumnos da Facultade de Filosofía e Letras no Padroado da USC. En 1928 publica, con Sebastián González e Ciriaco Pérez Bustamante, o traballo "La población de Nueva España en el siglo XVI" (Boletín de la Biblioteca Menéndez y Pelayo), anunciado como o primeiro dunha serie que publicará o Instituto Americanista da Universidade de Santiago, que dirixía Pérez Bustamante e do que tamén debían formar parte os compañeiros que custearan o folleto de Carlos Pereyra. Neste mesmo ano asistiu, xunto con Carmen Rey, a dúas sesións do SEG, no que ingresou en maio de 1930, lendo o seu traballo de ingreso "Mámoas do Saviñao. A anta de Abuime e a necrópole do Monte da Morá", que realizara con Florentino López Cuevillas e Antón Fraguas en agosto de 1929, e que aparecerá publicado no vol. V dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos (1930).

Na primavera de 1929 dita unha conferencia sobre o nacionalismo galego na asociación Xuventude Católica Femenina de Santiago, no marco da Casa Social Católica Femenina de Compostela, que será publicada en 1931 por Ánxel Casal en dous suplementos da revista Nós. Con anterioridade á proclamación da Segunda República, formou parte da Asociación Nazonalista de Santiago, formación política que se encadraba na dereita do galeguismo.

Logo de exercer durante o curso 1930-31 como axudante de clases prácticas na Facultade de Filosofía e Letras, comeza os cursos de doutoramento na Universidade de Madrid, ao tempo que traballa como profesora de Lingua e Literatura Española nun instituto da capital (1931-36), onde tamén dirixe o colexio relixioso Nuestra Señora de Loreto. Por estes anos tamén pertenceu á Sociedad Anónima de Enseñanza Libre (SADEL), institución creada pola Confederación Católica de Padres de Familia para dar cobertura legal ao ensino das Ordes Relixiosas, que o tiñan prohibido, e que agrupaba aos colexios relixiosos con profesorado segrar. Tamén formou parte da xunta de goberno do Colexio de Doutores e Licenciados (1935), a única muller entre dez homes.

Apoiou o golpe de Estado de 1936. Pasa a exercer como profesora de Lingua e Literatura Española no Instituto de Tui durante o curso 1936-37. Entre 1937 e 1939 ocupa a praza do expedientado Ramón Otero Pedrayo como profesora de Xeografía e Historia no Instituto de Ourense, cidade onde tamén exercerá diversos cargos políticos para o Goberno de Burgos: Depuradora das Bibliotecas Públicas, Delegada Provincial de Frontes e Hospitais e Organizadora dos servizos culturais do Fogar e do Ferido. En 1940 o Ministerio de Guerra concédelle a Medalla de Campaña de Retaguardia por méritos e servizos.

No curso 1939-40 imparte clases de Xeografía e Historia no Instituto Rosalía de Castro de Santiago e de Historia de España contemporánea na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade compostelá. O curso seguinte é trasladada a un instituto madrileño, para volver no 1941-42 a Santiago como catedrática de Xeografía e Historia, primeiro no Instituto Xelmírez e a partir de 1942-43 no Instituto feminino Rosalía de Castro, do que será fundadora e primeira directora, cargo que desempeñará ata 1955. Durante estes anos, exercerá tamén como docente na Facultade de Filosofía e Letras, nas materias de Historia Universal Moderna e Contemporánea e Historia da Cultura Moderna e Contemporánea, e participará no curso de verán de 1950 da Universidade compostelá, ditando, xunto co profesor Ángel Rodríguez González, dez leccións de Historia de España.

Neses anos desenvolveu unha intensa actividade no campo da reforma do ensino medio e do bacharelato feminino na España da época, asistindo como relatora a reunións e congresos nos que se debatía sobre estes temas. Foi membro do Primeiro Consello Nacional do Servizo Especial do Profesorado de Ensino Medio da Delegación Nacional de Educación e estivo cunha bolsa do Ministerio de Educación estudando en París o réxime de Centros Docentes Femininos de Ensino Medio.

En canto ao seu labor como historiadora, participou en escavacións prehistóricas galegas e na recollida de folclore; presentou a súa tese doutoral, El viaje de Sebastián Vizcaíno a las costas de California, cualificada con sobresaínte, en Madrid, en 1949; e pertenceu ao Instituto González Fernández de Oviedo, do CSIC. Tamén foi membro da Primeira Xunta de Goberno do Padroado Rosalía de Castro, fundado en Santiago en 1947. 

Contra 1956 obtivo praza de inspectora de ensino medio e trasladouse a Madrid, onde exerceu como inspectora xeral de Distrito ata a súa xubilación. En 1963 concedéuselle a encomenda da Orde de Afonso X o Sabio. Faleceu en Santiago de Compostela en 1997.

Bibliografía:

Imaxes: