Margarita Ledo

1. Margarita Ledo

Margarita Ledo, nada en Castro de Rei o 5 de febreiro de 1951, é unha xornalista, cineasta, escritora e profesora de Comunicación Audiovisual galega.

Entre a súa prolífica traxectoria profesional conta con innumerables publicacións no campo da poesía, o ensaio e a narrativa, e tamén dirixiu un total de seis longametraxes entre os anos 2004 e 2020.

Dende 2008, Ledo forma parte da Real Academia Galega.

Nome completo: Margarita Ledo Andión

Datas: 1951 -

Lugares: Castro de Rei.

Campo de actividade: Cinema; Literatura; Ensino; Xornalismo.

Grupo asociado: Real Academia Galega; Universidade de Santiago de Compostela.

Ocupación: Cineasta; Escritora; Profesora.

Lingua: Galego; Castelán.

Twitter: https://twitter.com/margaledo

Biografía:

Margarita Ledo criouse na cidade de Lugo, e estivo vinculada dende moi cedo ao republicanismo de esquerdas por influencia do seu pai. Tal e como relata a propia autora na súa autobiografía, tanto ela coma os seus irmáns acudiron á escola rural de Barxa, que ademais de seren mixta non tiña mestres falanxistas.

Rematados os seus estudos secundarios en Lugo, e tras un breve paso como estudante pola Universidade de Santiago de Compostela, Margarita marchou a Barcelona en 1969 para estudar xornalismo. Alí, nunha gran cidade que vivía o contexto do movemento estudantil que dera comezo no 1968, Ledo participou das manifestacións e comezou a súa militancia na Unión do Povo Galego (UPG). Tras licenciarse no 1973, un ano despois iniciou a súa traxectoria como profesional do xornalismo na redación de El Ideal Gallego, mais pronto o seu activismo en contra do réxime franquista levouna a exiliarse en Portugal, onde viviu até 1976. Á súa volta retornou a Galicia para fundar A Nosa Terra, un xornal semanal escrito integramente en galego e de corte nacionalista ao cal dirixiu entre 1977 e 1980.

Durante a nova década, Margarita marchou de novo a Portugal, onde, afastándose da imprensa en prol da escrita e do mundo académico, iniciou unha etapa de investigación grazas á bolsa da Fundação Calouste Gulbenkian de Lisboa. Xa no 1983, Ledo viaxou unha vez máis a Barcelona para doutorarse en Ciencias da Información na UAB, obxectivo que conseguiu tras a presentación da súa tese Foto-xoc e xornalismo de crise tres anos despois. Tras ilo mantívose na universidade como profesora titular ata que, no 1991, trasladouse a Santiago e puxo en marcha a Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, da que foi a súa primeira decana e onde segue a exercer como catedrática na actualidade. A súa aportación e lonxevidade como docente levárona a ser nomeada profesora emérita da USC no ano 2021.

Xa no 2008, Ledo foi seleccionada para ingresar na Real Academia Galega, sendo a quinta muller en acadar tal logro. Ademais, entre 2013 e 2017 foi tamén arquiveira-bibliotecaria desta institución.

No 2017 conseguiu ser a primeira muller obsequiada co Premio Otero Pedrayo, concedido dende 1977 en recoñecemento á contribución e fomento da cultura galega.

Na literatura:

As andaduras de Margarita Ledo no ámbito literario remóntanse á súa etapa como estudante, cando comezou a entrar en contacto co nacionalismo galego, a cultura alternativa e algúns dos autores máis relevantes da época, como Manuel María, que foi quen publicou o seu primeiro poemario, Parolar cun eu, cun intre, cun inseuto?, en 1970.

O seu exilio en Portugal e a súa labor como activista e xornalista explican que a súa faceta literaria cesara entre 1973 e 1980, ano no que publicou o seu primeiro libro de narración, Mamá-Fe. Dende entón, a súa produción na escrita ten sido extremadamente fértil e diversa, con novelas como Porta blindada (1990) ou O serrote do Gil (2009); poemarios como Linguas mortas: serial radiofónico (1989); obras colectivas como 150 cantares para Rosalía de Castro (2015); ou múltiples ensaios tanto en galego como en castelán.

No cine:

O primeiro proxecto cinematográfico de Margarita Ledo iniciouse no ano 2000, e presentouse no Teatro Principal de Santiago en 2004 baixo o título Santa Liberdade, unha longametraxe que constrúe unha crítica ás ditaduras de Franco e Salazar a partir do secuestro do trasatlántico Santa María que tivo lugar en 1961.

Paralelamente á dirección deste filme, Ledo tamén fundou, xunto co seu irmán Xosé Lois e Nemesio Barxa, a Produtora Cinematográfica Galega NOS, que produciu tanto series para a Televisión de Galicia como outras longametraxes da propia Margarita Ledo, como A cicatriz Branca (2012) ou Liste, pronunciado Líster (2007), un documental sobre un dos líderes comunistas máis destacables da Guerra Civil española.

O seu gran último filme, Nación (2020), foi presentado no Festival de Cinema Europeo de Sevilla e galardoado co Premio Especial á mellor dirección da película española que teña a súa estrea nacional ou mundial.

Bibliografía:

Imaxes:

  1. Santos Díez (Ollo de Vidro-ACAB), Margarita Ledo (AELG)-1, CC BY-SA 3.0.