Ksado

1.Ksado

Luís Casado Fernández (Ávila, 1888 - Santiago de Compostela,1972), coñecido artisticamente como Ksado, foi un recoñecido fotógrafo a nivel nacional.

Nacido en Ávila aínda que criado en Ourense, con dez anos xa comezou a súa traxectoria como fotógrafo despois de que empezase a traballar como aprendiz no estudo de Xosé Pacheco.

En 1915 estableceu un estudo pola súa conta no número 23 da Rúa do Vilar, en Santiago de Compostela.

Nome completo: Luís Casado Fernández

Datas: 1888-1972

Lugares: Ávila; Ourense; Santiago de Compostela

Campo de actividade: Fotografía

Grupo asociado: Agrupación Fotográfica Galega; 

Ocupación: Fotógrafos

Lingua

Dous anos despois creou un novo procedemento fotográfico perfeccionando a súa técnica e en 1919 viaxou a París para adquirir novo material para o seu estudo. Así, en 1922 expandiu o seu negocio e estableceu un novo estudo na rúa do Príncipe, en Vigo, quedando a súa irmá Carmiña a cargo do estudo da rúa do Vilar.

Durante a ditadura de Primo de Rivera publicou o libro Estampas Compostelanas, adicado á arquitectura e monumentos da cidade compostelá. Pero a súa obra cume é Estampas de Galicia (1936), que foi editado como un álbum no que se debían pegar os 405 cromos de diferentes tamaños que o compoñían. Nesta obra realízase un percorrido por toda Galicia presentando vistas das cidades e vilas, rúas e monumentos, paisaxes, escenas do traballo nos portos e da vida campesiña. Tal como el mesmo o definiu, con esta obra pretendía "exaltar os valores panorámicos, monumentais, históricos, artísticos, típicos e lendarios da nosa terra". Eran anos nos que se prestaba moita atención á mitoloxía celta co obxectivo de buscar e explicar elementos diferenciadores da nosa identidade colectiva, establecendo Ksado unha boa relación con intelectuais galeguistas vinculados ao Seminario de Estudos Galegos. 

A súa actividade veuse interrompida pola Guerra Civil, e así, en 1937 pechou o seu estudo en Vigo e volveu a Santiago de Compostela centrándose nos labores habituais dun estudo fotográfico e abandonando a pegada artística que caracterizaran os seus traballos anteriores. Sen embargo, en 1948 e coincidindo co Ano Santo, reeditou Estampas Compostelanas.

A pesar de que a súa obra a nivel estético pode conectarse coas correntes primitivistas internacionais, o certo é que as concepcións estéticas da obra de Ksado non abandonaron os clásicos parámetros propios da fotografía do século XIX, e a maioría das súas fotografías caracterízanse por un gran estatismo e unha estudada composición.

Ao longo da súa vida colaborou en numerosos medios de comunicación, como Faro de Vigo, El Pueblo Gallego, Galicia ou Vida Gallega, publicando fotografías en publicacións como Céltiga ou Mundo Gráfico e en xornais como ABC ou La Vanguardia. Ksado foi considerado como un auténtico artista, logrando un recoñecemento superior ao da maioría de fotógrafos, realizando exposicións en cidades como Bos Aires, Madrid, Vigo ou Ponferrada.

En 1961 Ksado foi homenaxeado pola Agrupación Fotográfica Galega, que o nomeou presidente da sección de Santiago. 

Luís Fernández Casado finou en 1972 en Santiago de Compostela e, antes de falecer, traspasou o seu estudo fotográfico ao fotógrafo Sandine. 

Dende o ano 1997 e na súa honra, a Deputación da Coruña celebra o Premio de Creación Fotográfica Luís Ksado. Dende 2011, o seu arquivo fotográfico pertence ao Centro Galego de Fotografía.

Bibliografía:

Imaxes: