Juan Luis López

1.Juan Luis López

Juan Luis López García foi un pintor nacido en Santiago de Compostela en 1894.

O seu pai tiña un taller onde traballaba no policromado de imaxes e na decoración e restauración de retablos xunto a outros artistas.

A súa formación pictórica correu a cargo de Tito Vázquez, o creador, segundo o crítico de Blanco y Negro A. Méndez Casal, da “escola compostelá de pintura".

Nome completo: Juan Luis López García

Datas: 1894-1984

Lugares: Santiago de Compostela

Campo de actividade: Pintura

Grupo asociado:

Ocupación: Pintores

Lingua:

Realizou os seus estudos na Escola de Artes e Oficios, reproducindo as obras clásicas. Alí foi alumno de José María Fenollera.

En 1912 realizou a súa primeira exposición no Centro Galego de Madrid coas súas obras Autorretrato e A Avoa, acollidas con éxito. En 1913 e coa morte repentina do seu pai, viuse obrigado a poñerse á fronte do taller e coidar da súa familia. O mesmo ano, o Concello ofreceulle unha bolsa que lle permitía acudir a Madrid durante tres meses para perfeccionar os seus coñecementos artísticos, visitar museos e talleres.

A bolsa permitiulle traballar no Museo do Prado no que realizaba copias dos pintores venecianos, Velázquez ou Goya, entre outros. O que centraba a atención de Juan Luís eran os pintores italianos e a intención literaria e ambiente modernista que recollían os lenzos. Estableceu amizade con Bello Piñeiro, quen lle abriu as portas para coñecer a outros artistas que residían en Madrid como Francisco Asorey ou Julio Romero de Torres.

Casou con Josefa Carballo e mantivo a súa residencia en Santiago de Compostela. Estableceu o seu estudo detrás da capela da Igrexa de Santo Domingo de Bonaval e abriu un taller en Madrid coa axuda de Asorey. En 1926, conseguiu unha bolsa ofrecida pola Deputación da Coruña pola súa obra Mujercitas que lle permitiu viaxar a París. En 1928, realizou unha exposición individual en Vigo e algunhas das súas obras foron seleccionadas pola Exposición de Arte Española e levadas a mostras de diferentes cidades europeas.

Juan Luís foi nomeado Caballero de Compostela pola Corporación de Santiago e recibiu o diploma ao Mérito Artístico, dedicándolle unha exposición no Hostal dos Reis Católicos pola súa traxectoria profesional. Faleceu en 1984 preto dos 90 anos.

Entre as súas obras destaca Muller e columpio, Ofelia Aldeana, Romería, Las ninfas del Sar ou Vendedora de Flores Tamén ilustrou algunhas obras, como a poesía de Remuñán e Javier Prado entre outros.

Bibliografía:

LÓPEZ VÁZQUEZ, J., MONTERROSO, J. (textos). Pintores Composteláns. Historia e renovación entre os séculos XIX e XX. (Exposición celebrada en Santiago de Compostela, Auditorio de Galicia, del 10 xuño al 25 xullo 2004). Santiago de Compostela: Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, Auditorio de Galicia, 2004.

López Vázquez, José Manuel, «Juan Luis López», en Real Academia de la Historia, Diccionario Biográfico electrónico (en red, http://dbe.rah.es/)

https://www.museodelprado.es/aprende/enciclopedia/voz/lopez-garcia-juan-luis/3aa115f3-8102-4cda-a488-74a761793033 (Consultado en 30-04-2019).

https://www.afundacion.org/es/coleccion/autor/lopez_garcia_juan_luis (Consultado en 30-04-2019).

Imaxes:

  1. Juan Luis López: Vida Gallega, 1-8-1922, p. 25, Juan Luis López García 1922, marcado como dominio público

Enlaces a datos e catálogos