Iglesias Quintás, Borja

1.Borja Iglesias

Borja Iglesias (Santiago de Compostela, 1993) é un futbolista profesional e internacional español. 

Nome completo: Borja Iglesias Quintás

Datas: 1993-

Lugares: Santiago de Compostela

Campo de actividade: Deporte

Grupo asociado: Santiago de Compostela CF, Valencia CF, Villarreal CF, Real Club Celta de Vigo, Real Zaragoza, RCD Espanyol, Real Betis Balompié, Bayer Leverkusen, selección española de fútbol

Ocupación: Futbolista

Lingua: galego, castelán

Comezou a xogar ao fútbol aos 5 anos no colexio La Salle, pasando de aí ao Rosalía de Castro -o actual Santiago de Compostela CF-. Após xogar tamén nas categorías inferiores da selección galega, con 14 anos foi fichado polo Valencia CF, onde coincidiu na súa canteira con Paco Alcácer, Isco, Juan Bernat ou Portu. En 2010 incorporouse á canteira do Villareal CF, xogando un ano no CD Roda, equipo vinculado ao club castellonense no que marcou 15 goles, quedando sexto na División de Honra Xuvenil. Na tempada 2011/12 xogou no equipo xuvenil do Villarreal e ao ano seguinte debutou co Villarreal C na Terceira División, marcando 11 goles.

En 2013 volveu a Galicia ao fichar polo Celta de Vigo B, que militaba na Segunda División B, afianzándose alí no once inicial ata debutar co primeiro equipo en xaneiro de 2015. A súa explosión futbolística tivo lugar na tempada 2016/17, na que pese a ter ficha co primeiro equipo xogou co filial co obxectivo de ascender a Segunda División. Ese ano proclamouse o máximo anotador da categoría, con 34 tantos, e converteuse tamén no máximo anotador da historia do filial celeste. Pero por causa da forte competencia non contou con sitio no primeiro equipo, polo que saíu cedido ao Zaragoza, de Segunda División, facendo 22 goles na seguinte tempada. En 2018 foi fichado polo Espanyol, sendo a fichaxe máis cara da historia do club perico, e marcando 16 goles na tempada 2018/19. 

En 2019 foi fichado polo Real Betis Balompié, onde non tivo unha actuación moi destacada ata mediados da tempada 2020/21, con Manuel Pellegrini de adestrador, acabando a tempada con 13 tantos e contribuíndo á clasificación para a Europa League. Na tempada 2021/22 aumentou a súa cifra goleadora e foi un dos principais artífices da consecución da Copa do Rei, sendo o máximo goleador do torneo e sendo elixido mellor xogador da final. Na tempada 2022/23 marcou 15 goles en liga, sendo o cuarto maior goleador. Pero o seu rendemento baixou na primeira metade da tempada 2023/24, polo que a inicios de 2024 foi cedido ao Bayer Leverkusen, converténdose no quinto futbolista galego en xogar na Bundesliga. 

En setembro de 2022 fixo o seu debut coa selección española.

Bibliografía:

Imaxes:

Enlaces a datos e catálogos

Redes sociais