Suero Gómez de Toledo

Suero Gómez de Toledo foi arcebispo da sé de Santiago de Compostela entre os anos 1362 e 1366. Fillo de Gómez de Toledo e Teresa Díaz, pertenceu a unha liñaxe, Gómez de Toledo, estreitamente vinculada coa alta xerarquía eclesiástica.

Ocupou tamén os cargos de capelán maior de Pedro I "o Cruel" e o de notario maior do reino de León. Morreu asasinado nunha conxuntura de rivalidade política durante o seu mandato episcopal en Santiago; a súa morte deu lugar a unha lenda que pervive na actualidade baixo o nome de "crime da Balconada". O seu sucesor no cargo foi Alonso Sánchez de Moscoso.

Nome completo: Suero Gómez de Toledo

Datas: ?-1366

Lugares: Santiago de Compostela

Campo de actividade: Clero

Grupo asociado: Catedral de Santiago de Compostela

Ocupación: Arcebispos

Lingua:

Suero Gómez de Toledo foi o prelado que accedeu máis novo ao cargo de arcebispo na historia da sé de Santiago de Compostela. As razóns da súa elección descoñécense mais, en opinión de López Ferreiro, poida que "o seu nomeamento fora un desagravio ideado polo Rei D. Pedro á memoria do Arcebispo Don Vasco Gómez1". Á altura do ano 1362 xa estaba instalado en Santiago e, en decembro dese mesmo ano, outorgou en réxime de feudo unha serie de feligresías en terra do Salnés a Payo Gómez Charino, segundo figura no Diploma firmado por el e polo seu secretario Bartolomé Sánchez, conservado no Arquivo Arcebispal, o que se pode interpretarse como un método de gañar favores.

En 1363 o Consejo Compostelano foi convocado a asistir ás Cortes de Bubierca (Aragón) e a xurar como princesa á infanta herdeira Beatriz, filla do rei Pedro e de María de Padilla. O Consejo enviou dous procuradores, Fernán García do Campo e Arias González, a Magallón, que voltaron a Compostela co beneplácito real para recibir a mesma homenaxe ante o resto do Concejo no Mosteiro de Antealtares. Neste participou tamén Esteban Rodríguez Varela, alcalde de Santiago, por el Rey2, xunto con outras personalidades. A relevancia deste feito está na ausencia, tanto na mención no documento de convocatoria como na propia asistencia ao acto, do arcebispo. Segundo López Ferreiro, "a mención do alcalde de Santiago polo Rei da a entender que o Arcebispo non tiña o señorío da cidade, ou que se o tiña, debía de ser moi cercenado3".


Contexto histórico: conxuntura de guerra civil e conflictividade social

A carreira eclesiástica de Suero Gómez de Toledo transcorre no contexto da crise baixomedieval que afecta a toda a coroa de Castela. A dinámica que caracterizou os séculos XIV e XV e, por ende, o final da Idade Media, foi un ambiente xeral de tensións e conflitos onde a aparente pacificación dos desacordos dentro do contexto urbano do século XIII disipouse en favor do autoritarismo da coroa, o retorno da violencia e o ambiente de guerra. Para Suero Gómez de Toledo, esta problemática virá dada por dous factores principais:

En primeiro lugar, o arcebispo herda un problema interno de conflitividade social no seo da cidade apostólica. En Santiago sucedeuse unha complexa conxuntura de rivalidades entre as forzas sociais predominantes (nobreza, burguesía e Igrexa) polo control do señorío da cidade; mais este clima de conflicto, que rematou coa vida do arcebispo, xa se xestara de antes; unha sucesión de sublevacións ao porder do arcebispo por parte da burguesía e dos propios habitantes de Santiago que co arcebispo Berenguel de Landoira traduciuse en que lle pecharon as portas da cidade, negaron o señorío dos bispos e encomendaron a súa dependencia directa á monarquía. Unha realidade que non é senón a tradución da oposión das elites sociais na loita polo poder dentro da estrutura política do feudalismo.

Con Afonso XI a posición das oligarquías urbanas viuse fortalecido e mediante a lexitimación rexia introduciu o reximento como fórmula de goberno municipal, o que non favoreceu ao poder episcopal dende o punto de vista do control do señorío compostelán. Co sucesor de Suero Gómez de Toledo no cargo episcopal, "o privilexio outorgado por Enrique II a don Rodrigo de Moscoso, polo que se lle entrega o señorío, según que mejor et mas cumplidamente lo tuvieron los arzobispos D. Berenguel y D. Gomez, fai ver que os obispos conseguiron manter a súa posición na política urbana4".

E en segundo lugar, entre os anos 1351 e 1369 sucedeu a Primeira Guerra Civil castelá, un conflito polo poder que enfrontou aos partidarios de Pedro I de Castela, ou "o Cruel" e os partidarios de Enrique II de Trastámara, quen gañará a guerra tralo asasinato de Pedro I. O arcebispo de Santiago posicionouse ao lado de Enrique II de Trastámara, un dos principais motivos que o levaron á morte.


Asasinato do arcebispo ás portas da Catedral

Segundo lembra a Crónica abreviada de Ayala (s. IV), o monarca Pedro I mantiña certo resentimento cara a casa de Suero Gómez de Toledo pola ousadía de Gutierre Fernández de Toledo ao invitar ao infante Fernando de Aragón a vir a Castela baixo a promesa de mercedes e favores en nome do rei. Emporiso, a situación do prelado viuse aínda máis comprometida por ser partidario da dinastía dos Trastámara. "O que máis perxudicaba en aqueles momentos supremos ao Arcebispo D. Suero, era o ser un grave estorbo para a execución dos plans do Rei e de Don Fernando de Castro. Este abondo facía, se durante a ausencia lograba contrarrestar as forzas dos partidarios que D. Enrique tiña en León e Galicia5".

Cando o rei Pedro I se dirixiu a Santiago en 1366 -onde expediu a favor de Fernando de Castro, pertigueiro maior de Santiago, o seu Alférez maior e Adelantado de Asturias e Galicia, o título de Conde de Trastámara, de Lemos e Sarria- o arcebispo Suero Gómez de Toledo saíu ao seu encontro xunto cos doucentos cabaleiros. Tras isto, retirouse ao castelo da Rocha Forte.

Entre o 24 e o 27 de xuño reuniuse un consello ao que asistiron o monarca, Fernando de Castro, Suero Yáñez de Parada e outros funcionarios como Juan Diente e Mateo Fernández; a resolución deste consello foi a condea a morte do arcebispo. Para tal tarefa foron voluntarios Fernán Pérez de Churruchao e Alonso Gómez Gallinato, e debería executarse o día 29. Nesta data, o arcebispo saíu do castelo da Rocha Forte co seu deán Pedro Álvarez polo camiño de San Lourenzo e foi asasinado ás portas da catedral xunto co seu acompañante, mentres, segundo conta a tradición popular, o rei Pedro I presenciou o feito dende a Palacio Arzobispal.

Estes feitos son moi pouco verificábeis, pois existen importantes contradicións entre a Crónica abreviada e a vulgar sobre o lugar da morte dos dous eclesiásticos e mesmo da complicidade ou papel do rei no crime. Do que si se ten certeza é da excomuñón de Pérez Churruchao e Alonso Gómez Gallinato e da abrumadora protesta popular polos feitos acontecidos. A liñaxe Deza-Churruchao comezou, a partir de aquí, unha paulatina fase de decadencia.


A lenda do crime da Balconada

Este violento acontecemento tivo unha trascendencia histórica significativa, tanto na literatura coma no teatro e especialmente, na tradición popular. A morte do arcebispo pasou a coñecerse como o "crime da Balconada", atribuíndo os feitos a un idilio amoroso cunha muller casada. Supostamente, o crime cometérase na rúa da Balconada o día de San Pedro, cando que un nobre mancebo recorre ao auxilio real para obter xustiza para seu pai, que levaba vinte anos encadeado pola crueldade dun bispo que se namorara de súa irmá. O rei respostoulle que o matase onde o atopase; e, sempre segundo a lenda, foi na rúa da Balconada. Isto provocou unha ola de temor na cidade, que pechou as portas das igrexas e fixo que a xente tivese que acoder a Conxo para realizar os seus deberes como cristiáns. Disto deriva que, na actualidade, perviva o dito "Vaiche na misa en Conxo".

Outra lenda narra o asasinato do arcebispo por parte dun nobre cando se dirixía pola rúa da Balconada cara á rúa Nova; de novo, por mor dunha muller. Un cantar popular refírese a esta cando di:

“¡Adiós rúa Nova hermosa,

calle de la Balconada,

mataron a un arzobispo

y fue por una madama!"

Mais, a rúa da Balconada nunca existiu.

No ano 1848 Neira de Mosquera publicou unha obra chamada La Marquesa de Camba, na que a marquesa era a autora do crime. En 1875, Daniel Baliart estrenou a súa obra dramática La Balconada no Teatro Novedades de Madrid.


BIBLIOGRAFÍA:

Fueros Municipales de Santiago, tomo II, cap. XLVI

LÓPEZ FERREIRO, Antonio, Apuntes históricos sobre Santiago. Obra dispersa y olvidada, 1868-1903, Santiago de Compostela, Avarellos Editora 2010

PALLARES MÉNDEZ, Mª del Carmen e PORTELA SILVA, Ermelindo, "Reyes, obispos y burgueses" en PORTELA SILVA, Ermelindo, Historia de la ciudad de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela, USC 2003

1LÓPEZ FERREIRO, Antonio, Apuntes históricos sobre Santago. Obra dispersa y olvidada, 1868-1903, Santiago de Compostela, Avarellos Editora 2010, p. 218

2Véxase Fueros Municipales de Santiago, tomo II, cap. XLVI, p. 195.

3LÓPEZ FERREIRO, Antonio, Apuntes históricos sobre Santago. Obra dispersa y olvidada, 1868-1903, Santiago de Compostela, Avarellos Editora 2010, p. 220

4PALLARES MÉNDEZ, Mª del Carmen e PORTELA SILVA, Ermelindo, "Reyes, obispos y burgueses" en PORTELA SILVA, Ermelindo, Historia de la ciudad de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela, USC 2003, p. 164

5LÓPEZ FERREIRO, Antonio, Apuntes históricos sobre Santiago. Obra dispersa y olvidada, 1868-1903, Santiago de Compostela, Avarellos Editora 2010, p. 228

Bibliografía:

Enlaces a datos e catálogos