Pedro Gómez de Bedoya y Paredes

Pedro Gómez de Bedoya y Paredes foi un médico e hidrólogo ilustrado español. Aínda que non hai certeca do seu lugar de nacemento, varias fontes apuntan a que puido ser nalgún lugar de Galicia, mentres que outras inclínanse por que naceu en Plasencia.

Nome completo: Pedro Gómez de Bedoya y Paredes

Datas: 1699 - 1776.

Lugares: ? - Santiago de Compostela.

Campo de actividade: Medicina; Hidroloxía.

Grupo asociado: Real Protomedicato; Sociedad Médica de la Real Congregación de la Academia militar Nuestra Señora de la Esperanza; Universidade de Santiago de Compostela.

Ocupación: Médicos; Hidrólogos.

Lingua: Castelán.

A vida de Pedro Gómez de Bedoya descoñécese case ao completo ata o seu ingreso no exército, onde acadou o grao de tenente de artillería e participou no asedio de Xibraltar en 1727 antes de trasladarse a Alcalá de Henares para licenciarse e doutorarse en Medicina. Pronto a súa excelencia levouno a asumir o oficio de examinador do Real Protomedicato de Castela, máis tarde o de médico propietario nos Hospitais Xeral, da Pasión e de Corte en Madrid, e entre 1740 e 1743 foi un dos médicos da familia real. Asemade, Gómez de Bedoya foi fundador e director da Sociedad Médica de la Real Congregación de la Academia militar Nuestra Señora de la Esperanza de Madrid.

O daquela xa afamado doutor, claro fillo do ideal ilustrado, participou en varios debates e polémicas científicas do seu tempo que, entre outras cousas, deron lugar a un dos seus primeiros escritos, Examen crítico de la sangría artificial, publicado en 1740.

En 1754, Bedoya trasladouse a Santiago de Compostela tras ser recomendado polo Nuncio Pontificio. Alí foi nomeado primeiro médico do deán e o Cabido da Catedral, chegando a ser toda unha personalidade na Compostela do século XVIII. De feito, a pesares de non pertencer ao Gran Hospital, hai evidencias de que a institución consultouno en momentos críticos como a gran fame que asolou á cidade entre 1767 e 1769.

Só un ano despois, en 1755, Bedoya solicitou e conseguiu a praza de Catedrático de Anatomía e Cirurxía da Facultade de Medicina de Santiago, sendo considerado o fundador da especialidade de Cirurxía en Galicia.

Como hidrólogo, Gómez de Bedoya foi se cadra aínda máis recordado por ter impulsado a elaboración do maior tratado sobre augas medicinais feito ata entón: a Historia Universal das Fontes Minerais en España. Foi un traballo que se presentou en varios tomos que recollían de forma alfabética a información recollida por Bedoya e outros médicos implicados tras ter percorrido toda España en busca de diferentes mananciais. O propio monarca Carlos III secundou este grande proxecto de carácter ilustrado. Desgraciadamente, a obra quedou incompleta e só se chegaron a rexistrar as fontes minerais ata a letra F.


Bibliografía: