Rodrigo Gil de Hontañón

1.Sinatura de Rodrigo Gil reproducida nun panel no Museo da Cantería de Cereceda (Cantabria)

Rodrigo Gil de Hontañón (Rascafría, Madrid, 1505-Segovia, 1577) foi un dos arquitectos máis importantes do século XVI. Na súa obra coexisten elementos do gótico tardío e do clasicismo renacentista.

Era fillo do arquitecto Juan Gil de Hontañón, co que se forma. Cuantitativamente foi un arquitecto de obras relixiosas; coñécese a súa participación en máis de cincuenta catedrais, igrexas parroquiais e conventos. Moitos destes traballos en igrexas de diversas dióceses debéronse á súa condición de mestre maior de varias catedrais, entre as que destacan Salamanca e Segovia. Na súa época de madurez chegou a selo, como mínimo, de oito.

Sen embargo, a súa faceta máis coñecida e a que lle deu máis sona foron os edificios civís, destacando especialmente o Palacio de Monterrey, en Salamanca, e o Colexo Maior de San Ildefonso (actual Universidade de Alcalá de Henares) nos que emprega as novidades renacentistas, sobre todo nas portadas, deixando para as obras relixiosas unha arquitectura máis conservadora. Demostrou un profundo dominio dos aspectos técnicos do gótico e introduciu elementos renovadores que permitiron e contribuíron á pervivencia deste estilo ata moi avanzado o século XVI.

Nome completo: Rodrigo Gil de Hontañón Sanz

Datas: 1500-1577

Lugares: Rascafría, Madrid-Segovia-Santiago de Compostela

Campo de actividade: Arquitectura

Grupo asociado:

Ocupación: Arquitectos

Lingua:

A relación de Rodrigo Gil de Hontañón con Santiago ten que ver co arcebispo Alonso de Fonseca III, educado en Salamanca e coñecedor das novidades do Renacemento. En 1538, Gil de Hontañón asinou un contrato como mestre do claustro da Catedral de Santiago de Compostela, rematado trala súa morte.

Desde 1538 a 1540 ocupouse de construir a fachada leste do claustro, a que mira cara á praza das Praterías e que se coñece co nome de Fachada do Tesouro. Está estruturada en tres corpos, no inferior presenta grandes arcadas de medio punto en cuxas enxuntas coloca medallóns en altorrelevo que mostran os rostros do que ten sido interpretado como a árbore xenealóxica de Cristo por vía materna. No corpo intermedio, ábrense unha serie de ventás, con relevos decorativos entre elas, coroadas por un friso. Por último, no corpo superior, ábrese unha galería de arcos de medio punto separados por piares empotrados (elemento introducido por Gil de Hontalón en Galicia). Coroa o conxunto unha balaustrada plateresca.

Aínda que mantivo o cargo, a súa presenza en Santiago foi esporádica. Nalgunha destas estancias, en 1551 e 1561, visitou as dependenzas do Hospital dos Reis Católicos e deu trazas para refacer os patios, que presentaban un estado ruinoso.

Gil de Hontañón traballou tamén na Catedral de Ourense. En 1545 o cabido da catedral chamouno para levar a cabo unha reforma da construción. Interviu, sobre todo, no Pórtico do Paraíso, introducindo importantes modificacións que mudaron o seu carácter medieval.

2.Fachada do Tesouro da catedral

Bibliografía:

  • Hoag, J., Rodrigo Gil de Hontañón. Gótico y Renacimiento en la arquitectura española del siglo XVI, Madrid: Xarait, 1985.

  • Rupérez Almajano, María Nieves, “Rodrigo Gil de Hontañón”, en Real Academia de la Historia, Diccionario Biográfico electrónico (en red, http://dbe.rah.es/ )

Imaxes:

  1. Sinatura de Rodrigo Gil reproducida nun panel no Museo da Cantería de Cereceda (Cantabria): Lourdes Cardenal, Cantabria Cereceda museo canteria firma Gil Hontañon lou, CC BY-SA 4.0

  2. Fachada do Tesouro da Catedral: CarlosVdeHabsburgo, Fachada (Plaza de las Platerías, Santiago de Compostela), CC BY-SA 4.0

Enlaces a datos e catálogos