Miguel Gil Casares

1.Gil Casares

Miguel Gil Casares naceu en Santiago de Compostela en 1871, fillo do catedrático de Física Ramón Gil Villanueva e neto do químico Antonio Casares. Entre 1881 e 1886 estudou bacharelato no Instituto de Santiago, e posteriormente licenciouse en Medicina en 1893 sendo galardoado co premio extraordinario de licenciatura.

Só un ano despois, Gil Casares doutorouse na Universidade Central de Madrid, sendo a súa tese cualificada de sobresaliente. Tras isto, completou estudos en Francia e Alemania.

Nome completo: Miguel Gil Casares

Datas: 1871-1931

Lugares: Santiago de Compostela

Campo de actividade: Medicina; Ensino

Grupo asociado: Universidade de Santiago de Compostela

Ocupación: Médicos; Profesores

Lingua: Español

Por Real Orde de 12 de Marzo de 1894 foi nomeado, por méritos, profesor clínico da Facultade de Medicina de Santiago e, ao ano seguinte, auxiliar gratuíto da mesma facultade como axudante de Técnica anatómica, cargos nos que foi confirmado en propiedade por oposicións en 1895 e 1897. Tamén por oposición consegue en 1897 a cátedra de Enfermidades da infancia que rexenta durante catro anos, xa que por concurso pasou á de Patoloxía e Clínica médica que atendeu durante 30 anos, ademais de actuar durante un bienio como encargado da de Otorrinolaringoloxía.

Alternou a súa cátedra co exercicio da medicina no Hospital Real e no seu consultorio particular, sendo médico da Beneficencia Provincial dende o 31 de maio de 1900. Foi o impulsor do Congreso Antituberculoso de A Toxa no ano 1925, do que se derivaría a construción do Sanatorio da Lanzada (Pontevedra), rexido por un padroado que Gil presidiu. Foi senador do Reino pola Universidade de Santiago en dúas ocasións, 1921 e 1923. O Instituto Rubio concedeulle o título de profesor honorario en 1918, e o Concello de Santiago no ano 1923 nomeouno fillo predilecto. Cando no ano 1919 formouse na Coruña o Comité Organizador en Galicia do I Congreso Galaico-Americano, Gil Casares integrouse na comisión santiaguesa con Cabeza de León e Barcia Caballero. No ano 1928 representou a España no Congreso Internacional de La Habana sobre a emigración.

Publicou numerosas obras médicas e colaborou nas revistas científicas máis prestixiosas.

Gil Casares dominou os coñecementos máis modernos de cardioloxía e tuberculose, temas preferentes sobre os que ditou conferencias nas universidades de Lyon, Burdeos, e La Habana, na Unión Médica de Berlín, no Hospital Universitario de Londres e en varias clínicas e sociedades médicas parisinas e de New York.

Bibliografía:

  • GIL DE LA PEÑA, M., El profesor Miguel Gil Casares (1871-1931), sus aportaciones a la tisiología y a la cardiología. A Coruña: Real Academia de Medicina y Cirugía de Galicia, 1999.

  • GURRIARÁN, R., Ciencia e Conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940). Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, 2006.

  • Fuster Siebert, Manuel e Sisto Edreira, R. ([2012], “Miguel Gil Casares”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 12/02/2015] [URL: http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=370

Imaxes:

  1. Gil Casares: Vida Gallega, 20-4-1922, p. 23, Miguel Gil Casares 1922, marcado como dominio público, para más detalles véase Wikimedia Commons