Domingo García-Sabell

1.García-Sabell

Domingo García-Sabell (1908-2003) foi un médico, académico, escritor e político galego. Naceu na compostelá Praza de Mazarelos o 8 de outubro de 1908, e máis tarde licenciouse en Medicina na Universidade de Santiago de Compostela. Foi galardoado co Premio Extraordinario de Licenciatura en Compostela e Premio Extraordinario Nacional de Doutorado en Madrid. Ampliou os seus estudos en Alemaña e Suíza.

Na súa etapa de estudante foi presidente da Federación Universitaria Escolar.

Nome completo: Domingo García-Sabell

Datas: 1908-2003

Lugares: Santiago de Compostela-A Coruña

Campo de actividade: Medicina; Política; Humanismo

Grupo asociado: Real Academia Galega; Real Academia de Bellas Artes Nuestra Señora del Rosario; Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia; Academia Galega das Ciencias

Ocupación: Médicos; Políticos; Académicos; Escritores; Tradutores

Lingua: Galego

Durante a súa xuventude, García-Sabell estableceu amizade con xente como Luís Seoane, Rafael Dieste, Castelao, Unamuno ouValle Inclán.

En 1936 afiliouse ao Partido Galeguista e, tras estalar a Guerra Civil foi internado nun campo de concentración en Lavacolla (Santiago). Unha vez remata a guerra coa vitoria dos sublevados, García-Sabell é depurado da docencia universitaria, polo que ten que orientar a súa actividade profesional como médico cara á práctica privada. Sen embargo, a súa actividade cultural continuou e, froito dos seus contactos co galeguismo cultural, en 1950 converteuse xunto a Ramón Piñeiro no director da Editorial Galaxia.

Foi académico numerario da Real Academia Galega e dende 1977 sería o seu presidente, ata que en 1997 presentou a súa renuncia como tal. Durante a súa presidencia cómpre destacar feitos como a promulgación da Lei de Normalización Lingüística (1983) ademais do establecemento dunha normativa oficial para o galego. García-Sabell tamén foi académico da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia así como tamén da Real Academia de Bellas Artes Nuestra Señora del Rosario e da Academia Galega das Ciencias. Tamén foi nomeado Membro Honorario Estranxeiro do Ateneo de Historia da Medicina da Facultade de Medicina da Universidade de Bos Aires.

Era membro de asociacións como o Club de Roma ademais de ser membro fundador da Sociedade Española de Patoloxía Dixestiva e da Sociedade Española de Patoloxía Psicosomática. Tamén cómpre destacar que García-Sabell formou parte e incluso presidiu distintos xurados dos Premios Príncipe de Asturias. Foi galardoado en numerosas ocasións, recibindo premios tan prestixiosos como a Medalla de Ouro do Colexio Oficial de Médicos de Galicia, ademais de ser nomeado fillo adoptivo da cidade da Coruña.

Domingo García-Sabell tamén desenvolveu unha importante actividade política e, de feito, entre 1977 e 1979 foi Senador nas Cortes Xerais por designación do monarca e tamén foi delegado do Goberno en Galicia entre 1981 e 1996.

García-Sabell escribiu numerosos libros, como Notas para una antropología del hombre gallego (1972), Os gromos do pensamento (1996) ou Libro dos comentos (1996), ademais de traducir ao galego obras de autores como James Joyce ou Martin Heidegger e ser colaborador en prensa e revistas tanto nacionais como estranxeiras.

García-Sabell faleceu na Coruña o 5 de agosto de 2003 e os seus restos repousan no panteón familiar do cemiterio de Boisaca, en Santiago de Compostela.

Bibliografía:

  • Agis Villaverde, M. e Villanueva, D. (compiladores), Medicina e Humanismo: homenaxe a Domingo García-Sabell. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela; Vigo: Galaxia, 2003.

Imaxes: