Salvador García-Bodaño

1.García Bodaño

Salvador García-Bodaño Zunzunegui é un escritor galego pertencente á coñecida como “Xeración das Festas Minervais”. Naceu en Vigo en 1935, aínda que, no mesmo mes no que naceu, a súa familia trasladouse a Santiago de Compostela. O seu pai foi Salvador García-Bodaño Fernández, un coñecido escritor, xornalista e procurador, moi activo nas reivindicacións do agrarismo

Na capital galega formouse intelectualmente, recibindo unha gran influencia de Ramón Piñeiro e do pintor Carlos Maside. O propio García-Bodaño di que Carlos Maside foi quen espertou nel o seu interese polas artes plásticas e unha forte preocupación social, mentres que de Ramón Piñeiro recibiu a influencia da tradición galeguista e da conciencia europea, aínda que el mesmo di que tiñan posturas diferentes sobre o nacionalismo galego.

Nome completo: Salvador García-Bodaño Zunzunegui

Datas: 1935-

Lugares: Vigo, Pontevedra-Santiago de Compostela

Campo de actividade: Literatura; Xornalismo; Política

Grupo asociado: Xeración das Festas Minervais; Agrupación Cultural O Galo; Ateneo de Santiago de Compostela; Museo do Pobo Galego; Instituto Galego da Información; Real Academia Galega

Ocupación: Escritores; Poetas; Tradutores

Lingua: Galego

En 1961, García-Bodaño foi un dos fundadores da Agrupación Cultural O Galo, pensada para a difusión da cultura e lingua galega por todas as vilas e cidades de Galicia, así como para conectar Galicia cos movementos de vangarda internacionais. Este non sería o único proxecto cultural que emprendería, xa que en 1976 foi un dos creadores da revista Teima,

Ademais, é patrón fundador do Museo do Pobo Galego, foi presidente do Ateneo de Santiago de Compostela e membro numerario do Seminario de Estudos Galegos. García-Bodaño é o fundador da AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega), do IGI (Instituto Galego da Información), da ATLG (Asociación de Tradutores en Lingua Galega), e participou na creación da Fundación Castelao, da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil e tamén do PEN club de Galicia. Ademais Salvador García-Bodaño é directivo e membro numerario da Real Academia Galega dende 1992 e foi membro fundador do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside.

Salvador García-Bodaño comezou a destacar como poeta, ao igual que a maioría dos membros da súa xeración, a través das Festas Minervais compostelás, certame no que resultou premiado nas convocatorias dos anos 1959, 1962 e 1963. Dende este momento, os seus textos poéticos pódense ler en diversas revistas galegas (Grial, Dorna, Boletín Galego de Literatura,...), peninsulares (Claraboya, Trinchera,...) ou incluso americanas (El corno emplumado, de México, Memoria, da Casa de Galicia de Nova York, Alma Latina, de Porto Rico), ademais de en múltiples libros de homenaxes.

Entre os seus poemarios destacan obras como Ao pé de cada hora (1967), Tempo de Compostela (1978), que mereceu en 1979 o Premio da Crítica Española, 37 debuxos para un país (1985), Compostela (1989), ou tamén a compilación titulada Obra poética (1993) que inclúe dous poemarios inéditos ("Poemas de amor a Xulia" e "As palabras e os días"). Na súa poesía sucédense distintas tendencias temáticas, xa que primeiro podemos observar un intimismo de raizame existencialista, e logo unha liña amorosa que recupera a estrutura dos cancioneiros petrarquistas, un lirismo elexíaco, un achegamento "arqueolóxico" a diversas etapas da historia da literatura e unha crítica mordaz da sociedade urbana.

No que se refire ao xénero narrativo, é autor de relatos curtos (“A Pedra”, 1991; “Conto de Reis”, 1991; “O calidoscopio”, 1992, logo titulado “O mosteiro”; “Ruth”, 1993) e do libro de relatos Os misterios de Monsieur D’Allier (1992), que obtivo en 1993 o Premio da Crítica Española para narración en lingua galega. Ademais, tamén cómpre subliñar a súa constante actividade xornalística, non só como colaborador, senón tamén en certos períodos como coordinador das seccións culturais de La Noche e El Correo Gallego.

García-Bodaño tamén foi un home comprometido politicamente e, de feito, militou no Partido Socialista Galego (PSG) dende a súa fundación en 1963 ata 1980, desenvolvendo o cargo de Secretario de Información, Prensa e Propaganda nas primeiras eleccións xerais que tiveron lugar tras a restauración da democracia.

Por último, cómpre destacar que Salvador García-Bodaño Zunzunegui foi nomeado fillo adoptivo da cidade de Santiago de Compostela.

Bibliografía:

  • García-Bodaño, S. e Sobrino Freire, I (coords.), Ao pé de cada hora. Tempo de Compostela. Santiago de Compostela: Edicións Xerais, 2002.

  • http://bvg.udc.es/ficha_autor.jsp?id=SalGarc%ED&alias=Salvador+Garc%EDa-Boda%F1o&solapa=biografia, consultado o 30 de xaneiro de 2015.

Imaxes:

  1. García Bodaño: Santos Díez (Ollo de Vidro-ACAB), Salvador García-Bodaño (AELG)-2, CC BY-SA 3.0