Antonio Fraguas

1.Antonio Fraguas

Antón Fraguas Fraguas (Cotobade, Pontevedra, 1905 - Santiago de Compostela, 1999) foi un destacado escritor, historiador, etnógrafo e antropólogo galego.

Naceu en Cotobade o 28 de decembro de 1905 e, despois de cursar o bacharelato no Instituto de Pontevedra, trasladouse a Santiago a estudar Filosofía e Letras, licenciándose en 1928 e doutorándose en 1950 cun traballo sobre o Colexio de Fonseca. Tamén exerceu como profesor auxiliar na Facultade de Xeografía e Historia de Santiago de Compostela.

Nome completo: Antonio Fraguas Fraguas

Datas: 1909-1999

Lugares: Cotobade, Pontevedra-Santiago de Compostela

Campo de actividade: Xeografía; Historia; Etnografía

Grupo asociado: Seminario de Estudos Galegos; Irmandades da Fala;

Partido Galeguista; Real Academia Galega; Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos; Consello da Cultura Galega; Museo do Pobo Galego

Ocupación: Bibliotecarios; Escritores; Historiadores; Xeógrafos

Lingua: Galego; Castelán

Antonio Fraguas foi un home moi comprometido co galeguismo. A súa relación remóntase aos anos nos que estaba estudando en Pontevedra, sendo un dos fundadores da Sociedade da Lingua, que tiña como obxectivo loitar na defensa do galego e publicar un dicionario de galego. Fraguas ingresou nas Irmandades da Fala e en 1928 pasou a formar parte do Seminario de Estudos Galegos, concretamente nas seccións de Xeografía e de Etnografía e Folclore.

Tras a sublevación militar de xullo do 36, foi apartado da vida docente aínda que, posteriormente, permitiuselle volver á docencia universitaria. En 1950 obtivo a cátedra de instituto e traballou nun instituto de Lugo ata 1959 e no instituto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela ata a súa xubilación no ano 1975.

En 1944 participou no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento sendo primeiro o seu bibliotecario e logo o seu secretario, ata que finalmente convertiuse no director da sección de Etnografía e Folclore e estudou a Xeografía histórica de Galicia. O 19 de abril de 1951 Fraguas foi designado membro numerario da Real Academia Galega suplindo a vacante deixada por Castelao tras a súa morte. Tamén foi membro da Academia Galega das Ciencias e do Consello da Cultura Galega. Ademais, Fraguas tamén colaborou con diversas entidades como a Real Academia da Historia, a Sociedade Portuguesa de Antropoloxía e Etnoloxía, a Asociación de Arqueólogos de Portugal, etc.

Nos seus traballos abordou temáticas moi diversas, a arte, xeografía, etnografía, historia, folclore, etc. Ademais, Antonio Fraguas estivo moi vinculado a Santiago de Compostela onde dirixiu o Museo Municipal de Santiago e foi un dos membros fundadores do Museo do Pobo Galego, sendo o seu presidente dende que en 1989 sucedera a Xaquín Lorenzo Fernández.

En 1994, fixo doazón ao Museo dos case 20000 exemplares dos que constaba a súa biblioteca persoal. Como mostra da súa relación coa cidade compostelá, cómpre destacar que en 1989 Fraguas foi nomeado fillo adoptivo de Santiago, ademais de ser tamén fillo adoptivo de Lugo e fillo predilecto de Cotobade.

Entre maio e novembro de 1997 foi presidente en funcións da Real Academia Galega, e ao longo da súa vida foi recoñecido e homenaxeado en numerosas ocasións. De feito, en 1984 recibiu o prestixioso Pedrón de Ouro e impúxoselle a insignia de ouro do Museo do Pobo Galego. Nese mesmo ano tamén se lle outorgou a Medalla Castelao e en 1992 foi nomeado Cronista Oficial de Galicia. Ademais, a Fraguas tamén se lle concedeu a Medalla de Ouro ao Mérito Cultural.

Antonio Fraguas faleceu en Santiago de Compostela o 5 de novembro de 1999 aos noventa e tres anos de idade, logo dunha ampla e gran traxectoria profesional.

Entre os recoñecementos realizados en Compostela destacan a inauguración dun busto de Fraguas na avenida que leva o seu nome, un instituto de Educación Secundaria recibiu o seu nome e creouse a Fundación Antonio Fraguas no Museo do Pobo Galego, para proxectar, conservar e dinamizar o seu legado.

Bibliografía:

  • FERNÁNDEZ DEL RIEGO, F. et al., Antonio Fraguas Fraguas, 1905-1999: un home que traballou sempre por e pra Galicia. Ofrenda no seu centenario. Santiago de Compostela: Museo do Pobo Galego, 2006.

  • GONZÁLEZ PEREZ, C., Antonio Fraguas Fraguas: profesor, xeógrafo, historiador, antropólogo. Galego de ben. Vigo: Ir Indo, 2008.

Imaxes:

  1. Antonio Fraguas: Autor descoñecido, Antonio Fraguas Fraguas, 1928, Ruínas de San Domingos, marcado como dominio público