Domingo Fontán

1. Domingo Fontán

Domingo Fontán Rodríguez (Portas, Pontevedra, 1788 - Cuntis, Pontevedra, 1866) foi un ilustrado galego coñecido, fundamentalmente, por ser o autor da Carta Xeométrica de Galicia, o primeiro mapa de Galicia que se fixo con medicións matemáticas.

Nacido en 1788 no concello de Portas no seo dunha familia acomodada, Domingo Fontán tivo unha ampla e continua formación.

Os seus primeiros estudos tiveron lugar na parroquia de Baliñas (Barro), sendo educado polo párroco da vila de Noia. Fontán ía pasar todos os veráns a Noia, e alí foi onde estudou francés e inglés despois de entrar en contacto con presbíteros franceses que emigraron tras a Revolución Francesa

Nome completo: Domingo Fontán Rodríguez

Datas: 1788-1866

Lugares: Portas, Pontevedra-Cuntis, Pontevedra

Campo de actividade: Xeografía; Cartografía; Matemáticas; Política

Grupo asociado: Universidade de Santiago de Compostela

Ocupación: Matemáticos; Políticos; Xeógrafos; Profesores

Lingua: Castelán

Aos doce anos iniciou os estudos de Filosofía na Universidade de Santiago, e en 1802 acadou o grao de bacharel. Logo de estudar Teoloxía, doutorouse en 1811 e posteriormente incluso estudaría hebreo e os textos das Sagradas Escrituras. Fontán tamén se formou en Institucións Canónicas (1811-1813) e acadou as licenciaturas de Filosofía e Artes (1813) e o doutoramento en Artes (1814).

En 1811 comezou a súa carreira docente na Universidade de Santiago como substituto de Antonio Sarmiento, catedrático de Retórica. Nesa época, Fontán xa impartía clases de francés e inglés na Escola Militar do IV Exército de Compostela, no Colexio San Clemente.

Nos seguintes anos tamén se fixo cargo do maxisterio doutras doutrinas nas aulas de Fonseca, como é o caso de Belas Artes, Lóxica e Metafísica e, entre 1814 e 1818, substituíu ao seu mestre José Rodríguez na cátedra de Matemáticas sublimes. Como docente, Fontán tivo entre os seus alumnos fama de estrito e intransixente. En 1814 foi nomeado vicesecretario da Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago e en 1818 converteuse no presidente da Academia de Filosofía.

Domingo Fontán figurou entre os liberais máis destacados do claustro de Fonseca e estivo relacionado co grupo de liberais coruñeses que se xuntaban no café La Esperanza. Isto explica que, tras a volta de Fernando VII en 1814, fose denunciado por Freire Castrillón ante o claustro, aínda que en 1815 sería absolto do proceso. En 1817 obtivo o seu primeiro cargo político ao ser nomeado membro da Xunta de Reparticións de Tributos, e foi nese mesmo ano cando comezou a elaboración da célebre Carta Xeométrica de Galicia a partir da triangulación do territorio galego como base e método para levar a cabo o levantamento cartográfico.

A elaboración da Carta Xeométrica de Galicia levoulle a Fontán uns dezasete anos, e está considerada como a súa obra mestra ademais de estar considerada como o primeiro mapa realizado en España con rigor científico. Aínda que non a rematou ata 1834, en 1826 Fontán publicou un adianto parcial da obra no Diccionario Geográfico-Estadístico de España y Portugal de Sebastián Miñano y Bedoya, e grazas a esta publicación Fontán foi designado encargado do trazado dos principais camiños de Galicia en abril de 1829.

1.Carta Xeométrica de Galicia

O sistema empregado por Fontán para realizar a Carta Xeométrica consistiu en elaborar unha malla triangular sobre o territorio con vértices nos cumes de montes e promontorios, toda unha elaboración de rectas e ángulos que tiñan como referencia un punto cero, a Torre do Reloxo da catedral de Santiago.

Unha das razóns polas que se sitúa esta obra na vangarda científica do momento foi polo emprego precursor que fixo do metro como unidade de medida, algo que non tivo lugar de xeito oficial en España ata a lei de 19 de xullo de 1849. Ademais, Fontán tamén foi precursor na utilización da escala cenmilésima (1: 1 000 000).

Fontán presentou oficialmente a Carta Xeométrica ante a raíña María Cristina o 1 de decembro de 1834, pero o grabado da Carta aínda se demorou durante algúns anos máis. Finalmente, a Carta foi grabada en 1839 en París e en xuño de 1847 chegaron a España 500 exemplares dos 550 encargados polo goberno. Deses 500 exemplares, 450 foron remitidos por Fontán ao goberno e os 50 restantes foron enviados a Galicia e Madrid principalmente para deputados, senadores e gobernadores civís galegos. O escritor Otero Pedrayo posuía un orixinal da Carta, que se conserva actualmente no pazo de Trasalba, en Amoeiro (Ourense).

Domingo Fontán tamén foi un personaxe bastante relevante no plano político e, de feito, foi deputado en Cortes durante oito lexislaturas, ademais de ter formado parte de numerosas comisións parlamentarias. Politicamente Fontán era firme defensor da soberanía nacional e do bicameralismo e, aínda que sempre se mostrou partidario do centralismo territorial, Fontán declarouse a favor das deputacións provinciais porque consideraba que, para un mellor goberno do territorio, as provincias eran necesarias sempre que estivesen dotadas do orzamento necesario. Ademais, cómpre destacar que Fontán foi un dos grandes valedores da cidade de Pontevedra como capital de provincia.

Domingo Fontán faleceu en Cuntis o 24 de outubro de 1866, sendo unha das figuras claves da Ilustración non só en Galicia senón tamén en España.

Bibliografía:

  • MÉNDEZ MARTÍNEZ, G., Domingo Fontán. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, Dirección Xeral de Promoción Cultural, 2005.

  • BARRAL MARTÍNEZ, M. (2012), “Domingo Fontán Rodríguez”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. Dispoñible en http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=318 [Consultado o 30/01/15]

Imaxes:

  1. Domingo Fontán: Antonio María Esquivel artist QS:P170,Q593642, Domingo Fontán por Antonio María Esquivel, 1852, marcado como dominio público, para máis detalles véxase Wikimedia Commons

  2. Carta xeométrica de Galicia: Domingo Fontán Rodríguez, Carta Geométrica de Galicia de Fontán, 1845 (versión ensamblada), marcado como dominio público, para máis detalles véxase Wikimedia Commons