Alonso de Fonseca y Ulloa

1. Alonso de Fonseca

Alonso de Fonseca y Ulloa, tamén coñecido como Alonso III de Fonseca, foi arcebispo de Santiago de Compostela entre 1507 e 1523 e arcebispo de Toledo entre 1523 e 1534, ademais de ser un dos principais impulsores da fundación da Universidade de Santiago de Compostela.

Alonso III de Fonseca, fillo do arcebispo Alonso II de Fonseca e de María de Ulloa, naceu na rúa do Franco de Santiago de Compostela e estudou Artes na Universidade de Salamanca.

Nome completo: Alonso III de Fonseca y Ulloa

Datas: 1475-1534

Lugares: Santiago de Compostela - Alcalá de Henares, Madrid

Campo de actividade: Relixión; Humanismo

Grupo asociado: Universidade de Santiago de Compostela

Ocupación: Sacerdotes; Políticos

Lingua:

Antes de ser nomeado arcebispo de Santiago, foi cóengo compostelán dende 1490, arcediago do Salnés en 1493 e do Cornado en 1496, cura de Santa María de Pontevedra e San Pedro de Santa Comba (Lugo), ademais de ser tamén en 1512 abade da Colexiata de Santa María do Campo (A Coruña).

En 1507 foi nomeado arcebispo de Santiago, pero durante todo o tempo que foi arcebispo Alonso II de Fonseca contou coa oposición da maioría do Cabido, que estaba dirixido polo deán Diego de Muros. Como mostra deste enfrontamento, en 1511 Fonseca promoveu a reforma do Cabido, atopándose cunha gran oposición, e non se lograría unha concordia definitiva ata 1523. Ademais, Fonseca tamén mantivo moitos preitos de xurisdición con nobres como Rodrigo Osorio de Moscoso, conde de Altamira, Pedro Bermúdez de Castro ou Alonso de Lemos. Tamén mantivo preitos cos monxes beneditinos de San Martiño Pinario. Todo isto facía que os enfrontamentos cos representantes do poder real fosen cada vez máis duros, ata o punto de que se lle impuxeron unha serie de sancións a Fonseca.

Pero coa chegada de Carlos I ao trono español a situación cambiou, xa que agora Fonseca comezou a ter unha boa relación co poder real, ata o punto de que foi nomeado membro do Real Consello. Isto explica que na Asemblea de Melide (4-12-1520) acordouse manter ao Reino de Galicia á marxe das sublevacións comuneiras que protagonizaron a Guerra das Comunidades. En parte grazas ao seu apoio ao monarca, en 1521 Fonseca obtivo a Capitanía Xeral para Galicia.

Fonseca era unha persoa cunha gran ambición persoal e a súa influencia e poder ían aumentando cada vez máis. Así, en 1523 tras a morte do cardeal Cisneros foi nomeado arcebispo de Toledo e primado das Españas, aínda que Fonseca nunca lograría ser nomeado cardeal de Toledo, algo polo que loitou constantemente dende 1525. Cómpre destacar o feito de que o seu sucesor como arcebispo de Compostela, Juan Tabera, reclamabálle a Fonseca os gastos producidos polas desfeitas dos Irmandiños nas fortalezas e nos bens da igrexa compostelá e tamén criticaba o desleixo do mesmo Fonseca e de Alonso II de Fonseca. De todo isto temos constancia grazas á conservación do famoso Preito Tabera- Fonseca.

Ademais do seu labor como dignitario relixioso, Fonseca tamén destacou pola súa achega cultural dentro dos ideais e valores do Humanismo. Deste xeito, promoveu a chegada de moitas obras renacentistas procedentes de Italia e ademais fundou o Colexio de Santiago en Salamanca, onde ían estudar os cregos galegos. Pero, sen dúbida, tamén cómpre destacar que en 1526 Fonseca obtivo a bula do Papa Clemente VII para a fundación do Colexio de Fonseca, que se pode cualificar como o antecedente directo da Universidade de Santiago de Compostela e no que se podía estudar Artes, Teoloxía e Dereito. Como mostra da súa vinculación co Humanismo, Fonseca intercambiaba correspondencia con Erasmo de Rotterdam, un dos grandes referentes do Humanismo a nivel europeo e, ademais de artistas, Fonseca tamén foi protector e mecenas de literatos e filósofos.

Fonseca deixou unha gran pegada en Santiago de Compostela, non só a través da fundación do Colexio de Fonseca, senón tamén a través do encargo e financiamento de numerosas obras como o claustro da Catedral de Santiago, que foi rematado mentres Fonseca era arcebispo, ou a construción do Colexio de San Xerome, pensado inicialmente como residencia de estudantes pobres e artistas.

Alonso de Fonseca y Ulloa morreu no ano 1534 en Alcalá de Henares.

Bibliografía:

  • GARCÍA ORO, J. e PORTELA SILVA, M.J., Os Fonseca na Galicia do Renacemento: da guerra ó mecenado. Noia: Toxosoutos, 2000.

  • SUÁREZ GOLAN, F., El arzobispo Fonseca: una saga de ambición, poder y cultura. Santiago de Compostela: Consorcio de Santiago, 2011.

Imaxes:

  1. Alonso de Fonseca: Autor descoñecido, Alonso III de Fonseca, arcebispo de Santiago de Compostela e Toledo, marcado como dominio público