Antonia Ferrín Moreiras

1.Antonia Ferrín

Antonia Ferrín Moreiras naceu no Carballiño o 13 de maio de 1914 nunha familia de catro irmás, das que ela era a terceira.

O seu pai era mestre de escola nesta vila, pero antes de alcanzar as nenas a idade de ir ao instituto e en contra dos costumes da época, a familia trasladouse a Santiago de Compostela co fin de que as catro irmás cursasen estudos superiores. Nesta cidade, durante un tempo, o pai compaxinou as clases cun traballo en Facenda, e as fillas esforzáronse para acceder a matrículas gratuítas e bolsas para aliviar a economía familiar.

Nome completo: Antonia Ferrín Moreiras

Datas: 1914-2009

Lugares: Ourense-Santiago de Compostela

Campo de actividade: Matemáticas; Ensino; Astronomía

Grupo asociado: Universidade de Santiago de Compostela

Ocupación: Matemáticas; Catedráticas; Astrónomas

Lingua:

Antonia Ferrín comezou a asistir á escola con 7 anos, pero aos 9 estaba preparada para facer o ingreso no instituto, nunha época en que ademais das clases pola mañá e pola tarde, o que facían as crianzas era xogar. Os estudos de Bacharelato de Ciencias cursounos no que era o Instituto Xeral e Técnico e despois, no Instituto Nacional de 2º Ensino cursou o Bacharelato Universitario, xunto con arredor dunha ducia de nenas máis. En 1930 comezou os estudos superiores na Facultade de Ciencias da USC, que entón só ofertaba a especialidade de Químicas.

Ao rematar a carreira, Antonia comezou a súa ampla traxectoria profesional. En 1934 foi contratada como axudante interina gratuíta da Sección de Ciencias, na que pouco antes rematara a súa primeira licenciatura. Desempeñou este posto durante os dous cursos seguintes. Ao mesmo tempo que estudaba os dous primeiros cursos da especialidade de Matemáticas (os únicos que ofrecía a USC), daba clases particulares e traballaba como axudante gratuíta da Sección de Ciencias do Instituto Xelmírez. Ao ano seguinte engadiu a isto a súa incorporación como profesora de Matemáticas no colexio para nenas orfas Nosa Señora dos Remedios, no que permanecerá ata 1948.

En 1936 Antonia tiña prorrogados os seus contratos mais a suspensión da actividade académica, derivada do estalido da Guerra Civil, truncou os seus proxectos. Por se isto non fose suficiente, en outubro de 1937, e como consecuencia dunha denuncia anónima, abríronlle un expediente de depuración ratificado pola Comisión correspondente, co resultado dunha sanción de inhabilitación para desempeñar cargos directivos e de confianza o que, na práctica, supuxo ademais un afastamento da docencia no Instituto. A pesar disto, ela non se consideraba represaliada, aínda que si tratada con prexuízo, xa que o posto que ela ocupara asignáranllo a outro profesor en propiedade.

En 1940 conseguiu unha revisión da súa causa. Esta tivo como resultado a anulación da sanción e a súa rehabilitación. Retomou así a docencia na Facultade de Ciencias, pero non a do Instituto, aínda que foi encargada de clases en diversas ocasións ata o ano 1961.

Sempre foi unha estudante incansable. Durante o curso 1939-40 completou as materias que necesitaba para licenciarse en Farmacia, no seguinte as de Maxisterio na Escola Normal Feminina, e entre os anos 43 e 48 obtivo a Licenciatura en Ciencias Exactas, agora Matemáticas, pola Universidade Central de Madrid, hoxe Complutense, como alumna non asistencial. Por esta mesma época coñeceu ao profesor D. Enrique Vidal Abascal, de cuxa cátedra foi primeira profesora axudante e despois adxunta. Será el quen lle presente a D. Ramón María Aller. Estes dous profesores foron para ela unha ‘Facultade’ completa, con eles entrou en contacto co mundo da Astronomía, que durante preto de 20 anos ocupou gran parte do seu tempo.

En 1950 logrou unha bolsa do Consello Superior de Investigacións Científicas, que dous anos despois convértese nun contrato de axudante de observación no Observatorio Astronómico de Santiago, que desenvolveu ata 1963. Acodía cada tarde a traballar con D. Ramón María Aller, co que falaba de cuestións científicas facendo os cálculos e observacións que el propoñía. Antonia non só foi a súa alumna predilecta, senón tamén a máis fiel, constante e directa colaboradora.

En 1953 aprobou a oposición de profesora numeraria de Matemáticas na Escola de Maxisterio de Santander; non obstante, aos dous anos volveu por concurso de traslados á Escola Normal Feminina “Isabel la Católica” en Santiago, onde permaneceu ata 1963. Esta escola estaba situada no edificio do Pazo Xelmírez, onde hoxe se encontra o Reitorado da USC. Ademais disto, entre 1954 e 1956 realizou os cursos de Doutoramento en Madrid, centrándose na Astronomía. No Observatorio efectuou medidas micrométricas de estrelas dobres, observou pasos de estrelas por dúas verticais e ocultacións de estrelas pola Lúa.

Os resultados de tantas horas de cálculos e observacións apareceron salientados en varios artigos publicados por D. Ramón na revista Urania (n. 225, 229, 252) nos que especifica que Antonia foi quen fixo cálculos ou medicións e por ela mesma: “Sobre observaciones meridianas y en el primer vertical” (n.º 223, 224), “Observaciones de pasos por dos verticales” (n.º 258) e unha lembranza de D. Ramón M.ª Aller tras a súa morte (n.º 264). Probablemente, a maior recompensa foi a defensa da súa tese en 1963 Observaciones de pasos por dos verticales e que foi a primeira tese defendida na Facultade de Matemáticas da USC.

En 1964 foi nomeada Catedrática Numeraria de Matemáticas da Escola Feminina de Maxisterio Santa María da Universidade Central de Madrid na que permanecerá ata a súa xubilación forzosa en 1984. Repartiu entón o seu tempo entre Madrid e Santiago de Compostela, onde se instalou definitivamente nos últimos anos.

Ata uns meses antes do seu pasamento, o 6 de agosto de 2009, Antonia Ferrín seguiu a ser unha conversadora incansable cunha memoria prodixiosa, capaz de recordar un torrente de anécdotas de tantos anos de dedicación a un traballo que lle permitiu coñecer grandes matemáticos nacionais e internacionais, Vidal Abascal, Ramón María Aller, Sixto Ríos, Torroja Menéndez ou Germán Ancochea, Santaló e Sierpinski, e vivir en primeira persoa os primeiros pasos da Facultade de Matemáticas da USC cos seus primeiros Coloquios Internacionais de Xeometría Diferencial, primeiros encontros internacionais de Matemáticas realizados en España, nos que ela foi a única profesora participante.

Dende o seu retiro santiagués continuou acudindo a actos sociais e así, o 24 de maio de 2008 acudiu á celebración do 50º aniversario da Facultade de Matemáticas da USC, acto en que foi nomeada madriña do evento. Leva o seu nome unha aula da Facultade de Matemáticas da USC.

Faleceu o 6 de agosto do ano 2009.

Bibliografía:

Enlaces a datos e catálogos