Lucas Ferro Caaveiro

1.Sinatura de Lucas Ferro Caaveiro

Lucas Ferro Caaveiro (Santiago de Compostela, 1699 - 1770) A pesar de que habitualmente se adoitaba situar o nacemento de Lucas Ferro Caaveiro en A Capela, os recentes estudos de Taín Guzmán sitúan o seu nacemento en torno a 1699 en Santiago de Compostela, e os seus primeiros anos pásaos entre Santiago, Betanzos e Lugo.

Fillo de Pedro Caaveiro, canteiro do obradoiro catedralicio e amigo de Domingo de Andrade, Lucas Ferro Caaveiro foi un dos arquitectos máis destacados do estilo Barroco en Galicia e España.

Nome completo: Lucas Ferro Caaveiro

Datas: 1699-1770

Lugares: Santiago de Compostela

Campo de actividade: Arquitectura

Grupo asociado: Barroco

Ocupación: Arquitectos

Lingua:

En 1710 pasou a formar parte do obradoiro como aprendiz, e a primeira referencia que temos acerca do seu traballo como arquitecto é que entre 1727 e 1732 traballou como axudante aparellador de Fernando de Casas Novoa na construción da capela da Virxe dos Ollos Grandes na Catedral de Lugo.

Nesa cidade desenvolveu en solitario diversos proxectos como a construción en 1730 do pazo urbano coñecido como a Casa dos Sangro, que se caracteriza por un gran portalón ornamentado con volutas nos arranques laterais, balcón central no segundo piso e remate nun gran coroamento a modo de peita.

Na construción da Casa dos Sangro ademais, pódese observar unha máis que notable influencia do que fora o seu mestre, Fernando de Casas Novoa que tamén se poderá apreciar nos traballos que posteriormente levará a cabo en Santiago de Compostela.

Unha das súas obras máis coñecidas foi a Casa Consistorial de Lugo, que foi deseñada en 1735. Trátase dun edificio sustentado por unha loxa con soportais e rematado por dúas pequenas torres nos extremos que simulan ser campanarios, e no centro do edificio destaca unha gran edícula a modo de peita, algo moi característico das obras de Lucas Ferro Caaveiro.

Outro proxecto que levou a cabo Ferro Caaveiro na cidade amurallada foi a construción da capela de San Roque.

2.Casa do Concello. Lugo

Aínda que non se sabe con exactitude, pénsase que Lucas Ferro Caaveiro foi por primeira vez a Santiago de Compostela en torno a 1738, despois de que se lle fixera un encargo civil na cidade compostelá.

Posteriormente Ferro Caaveiro traballou como aparellador de obras da Catedral de Santiago, e tras a morte de Casas Novoa en 1749 fíxose cargo da dirección dos traballos de remate da construción da fachada do Obradoiro, que concluíron en 1750. En Compostela, Ferro Caaveiro desenvolveu outras obras, como a construción da chamada “fachada dos Carros”, no mosteiro de San Paio de Antealtares.

En 1754 proxectou a construción da actual Igrexa de San Frutuoso, daquela coñecida como a Capela das Angustias de Abaixo, que presenta algo pouco habitual no barroco galego e español como é unha planta central inscrita en cruz grega e cuberta por unha cúpula con anel decorado.

A pesar de que esta igrexa foi consagrada en 1756, as obras continuaron e, de feito, o seu fillo Miguel Ferro Caaveiro rematou o retablo maior.

3.Igrexa de San Frutuoso

Pero Lucas Ferro Caaveiro tamén levou a cabo algunhas obras de carácter civil, como a reparación en 1756 da ponte do Sar en Santiago e do camiño que conducía a Ourense. Ademais, en 1761 o concello encargoulle a Caaveiro a reedificación da fonte principal do mercado de abastos, situado daquela na praza de Mazarelos.

En 1758 o cabido compostelán encargoulle a Lucas Ferro Caaveiro a construción da nova fachada da Acibechería, pero cando as obras xa estaban empezadas o cabido prescindiu dos seu servizos e encargoulle o proxecto a Domingo Lois Monteagudo. A partir de aí, a traxectoria profesional de Ferro Caaveiro comezou a entrar en declive, debido en gran medida a que cada vez máis os mecenas preferían o novo estilo neoclásico en vez do estilo barroco.

Lucas Ferro Caaveiro morreu en 1770, sendo un dos seus últimos traballos a reforma dos patios traseiros do Hospital Real, o actual Hostal dos Reis Católicos.

Bibliografía:

  • BEIRAS GARCÍA, E., Lucas Ferro Caaveiro e a cidade de Santiago de Compostela. A Coruña: Fundación Caixa Galicia, 2008.

  • TAÍN GUZMAN, M., La Casa del Cabildo de Santiago de Compostela (1754-1759). Santiago: Electa, 2000.

Imaxes:

  1. Sinatura de Lucas Ferro Caaveiro: P.Lameiro, Ferro Caaveiro 01, CC BY-SA 3.0

  2. Igrexa de San Frutuoso: Usuario:Atobar, San frutuoso compostela xaneiro 2013, marcado como dominio público, para máis detalles véxase Wikimedia Commons

  3. Casa do Concello. Lugo: Adnñzo8, Casa.do.Concello, marcado como dominio público, para máis detalles véxase Wikimedia Commons