Xerardo Fernández Albor

1.Fernández Albor

Xerardo Fernández Albor naceu en Compostela o 7 de setembro de 1917 en fronte do solar onde tamén o fixera a poetisa Rosalía de Castro. Foi o segundo de cinco irmáns dunha familia de clase alta.

Político, médico e primeiro presidente da Xunta de Galicia dende 1982 ata 1987. Tamén foi eurodeputado e nomeado fillo predilecto de Santiago de Compostela.

Nome completo: Xerardo Fernández Albor

Datas: 1917-2018

Lugares: Santiago de Compostela-Santiago de Compostela

Campo de actividade: Medicina; Política

Grupo asociado: Xunta de Galicia

Ocupación: Médicos; Políticos

Lingua: Galego; Castelán

Formación académica e profesional

Tralo seu paso pola escola primaria, na rúa das Orfas, o doutor Xosé Teixeiro foi o seu primeiro e gran mestre na Academia Xelmírez, que impartía as clases na rúa Algalia de Arriba e quen deixou unha gran pegada nel.

En abril de 1931 Fernández-Albor estaba moi influído polo ambiente cultural compostelán e pola actividade política que fervía dentro da Universidade. De feito, aos catorce anos enriqueceuse coas lecturas de Manuel Azaña, Indalecio Prieto, Xosé María Gil Robles ou Leopoldo Calvo-Sotelo.

Ao rematar o Bacharelato, comezou a estudar medicina na Universidade de Santiago, mais víuse obrigado a interromper a súa carreira no ano 1936, no terceiro curso, polo estalido da Guerra Civil.

Durante a Guerra Civil (1936-1939), pasou a maior parte do conflito bélico en Alemaña, preparándose para ser piloto de aviación e dende alí, outeou Europa dende o aire mentras se graduaba como tenente-piloto de aviación. Volveu para España no ano 1939, dous meses antes de que rematase a guerra e, a pesar de ser piloto de aviación, non loitou nin realizou ningún bombardeo e quixo rematar os seus estudos de medicina, que era a súa vocación.

Mentras rematou a súa carreira como ciruxán na USC, foi partícipe da introdución en Compostela de dous deportes innovadores, o rugby e o hockey sobre herba, por influencia de dous profesores cataláns, Calvé e Gironés. Tamén xogaba ao fútbol, no Español B, na zona de Santa Isabel, e ao tenis, deporte ao que sempre seguíu xogando ata que rematou a súa vida deportiva en 1965 co campionato de superveteranos.

Ao rematar a carreira de Medicina na USC, preparou o doutorado en Madrid, obtendo o título de doutor na Universidade de Salamanca e completou a súa formación realizando cursos de especialización de cirurxía xeneral e do aparello dixestivo nas universidades de Barcelona, Londres, París, e principalmente en Viena, na Clínica Universitaria do Hospital Xeral de Viena, co profesor Denk, que foi candidato á presidencia da República austríaca polos democristianos.

Asimesmo, ao seu regreso, foi promocionando o seu labor clínico coa promoción institucional da medicina a través de distintas sociedades científicas nas que se integrou ou contribuíu á súa creación. Así pois, ostentou a presidencia da Sociedade Española de Coloproctoloxía, foi membro de Honra da Asociación Española de Endoscopia Dixestiva, presidente da Sociedade de Cirurxía de Galicia, presidiu a Asemblea local da Cruz Vermella e promoveu a creación da Academia Médico-Cirúrxica de Santiago de Compostela.

Actividade política

A partir do ano 1975, trala morte de Franco e a fin do réxime franquista, foi partícipe do inicio do proceso da Transición española hacia un réxime democrático poñendo de manifesto algunhas inquietudes políticas, dado que participou na creación de Realidade Galega, un colectivo de intelectuais galeguistas do que tamén formaba parte Domingo García-Sabell, e no que militou brevemente.

Presidencia da Xunta de Galicia

Trala aprobación do Estatuto de Autonomía o 7 de febreiro de 1981, o presidente de Alianza Popular, Manuel Fraga, decidiu incorporar ás filas do partido a Albor que, a pesar da súa inexperiencia política, era coñecido e respectado en Galicia, exercía como director do Instituto Policlínico “A Rosaleda” e non tivera relación política coa ditadura franquista. Xerardo Fernández Albor aceptou a proposta de Fraga e presentouse como candidato á presidencia da Xunta de Galicia nas eleccións convocadas en outubro de 1981 dando a vitoria a Alianza Popular. O 7 de xaneiro de 1982 pronunciou o seu discurso de investidura e foi elixido como presidente ao día seguinte, grazas ao apoio que obtivo a súa candidatura por parte dos representantes de Unión Centro Democrático (UCD). Finalmente, tomou posesión do cargo de presidente o 21 de xaneiro de 1982 no convento de San Domingos de Bonaval.

O seu primeiro goberno (1982-1985) estivo marcado polo traspaso de competencias realizado dende a administración central e polos problemas existentes para fixar a capitalidade da comunidade autónoma galega, posto que houbo un enfrontamento claro entre cidades e mesmo no seo de Alianza Popular, entre os que apoiaron a candidatura de Santiago e os que apoiaron a elección da Coruña. Ao final, aprobouse unha solución transitoria que designou a Compostela como sede do Parlamento Galego e da Xunta de Galicia e á Coruña como sede do Tribunal Superior de Xustiza.

Trala desaparición da UCD, moitos dos seus representantes políticos incorporáronse a Alianza Popular, polo que Albor puido afirmar o seu mandato, mais tivo que facer fronte ás propostas que se realizaron no seo do seu partido, debido ao protagonismo que acadaron os membros da UCD no goberno galego.

Os problemas internos de Alianza Popular de Galicia incrementáronse trala firma dun documento, o 1 de outubro de 1985, que sentaba as bases da formación da Coalición Popular (CP), unha coalición que quedou constituída por Alianza Popular, o Partido Demócrata Popular, o Partido Liberal de Galicia e Centrista de Ourense.

Nas eleccións autonómicas do 24 de novembro de 1985, a coalición obtivo 34 escanos de 71, mais, a pesar disto, as desputas internas continuaron e xeneralizáronse os ataques a Albor, o presidente da Xunta. Ademais, o fracaso electoral de Alianza Popular nas eleccións xenerais de 1986, desestabilizaron o segundo mandato de Xerardo Fernández Albor, polo que os partidos na oposición: o PSdG, Coalición Galega e o Partido Nacionalista Galego, xunto co vicepresidente da Xunta, Xosé Luís Barreiro, presentaron unha moción de censura contra Albor, o 23 de setembro de 1987, dado que opinaban que estaba máis preocupado por solucionar os problemas internos de Alianza Popular que de gobernar Galicia e por iso, Xerardo Fernández tivo que abandonar a presidencia. Porén, isto non supuxo a fin da súa carreira política, senón que a partir dese momento orientou os seus labores hacia España e principalmente, Europa.

Deste xeito, en decembro de 1986, trala dimisión de Manuel Fraga do cargo, ocupou a presidencia de Alianza Popular, aínda que pronto a deixou, transmitindo as súas responsabilidades a Miguel Herrero de Miñón. Alianza Popular, non tardou moito en desaparecer como partido político tras sufrir unha grave crise, e dos seus cimentos, naceu o Partido Popular (PP), ao que Fernández Albor se uníu inmediatamente como fundador do Partido Popular de Galicia.

Etapa europea

Dende 1989 a 1999 exerceu de eurodeputado no Parlamento Europeo polo Partido Popular, collendo cada luns o voo Santiago-Bruxelas.

Na súa primeira etapa en Europa, presidiu a Comisión creada para a reunificación de Alemaña. Amais, durante os anos que estivo en Bruselas, participou na Comisión de Asuntos Exteriores, Seguridade Política de Defensa; na Comisión de Desenvolvemento e Cooperación; na Subcomisión de Seguridade e Desarme; na Subcomisión de Dereitos Humanos e foi delegado europeo para as relacións cos países de Sudamérica e MERCOSUR, sendo o vicepresidente da Delegación América do Sur, Vicepresidente do Centro Latinoamericano para as Relacións con Europa (CELARE) e Vicepresidente do Buró Político do Partido Popular Europeo e Presidente/Fundador do Intergrupo Camiño de Santiago no Parlamento Europeo.

No ano 1999 decidiu non presentarse ás eleccións ao Parlamento Europeo, pero non abandoou a actividade política, senón que ocupou o posto de presidente de honra do Partido Popular de Galicia e foi nomeado asesor da Consellería da Presidencia da Xunta.

Labor social e cargos institucionais

Ao longo da súa vida, foi un firme defensor da cultura galega, de modo que formou parte, sendo membro-fundador, das seguintes institucións: Fundación Otero Pedrayo e do Padroado das fundacións: Padroado Rosalía de Castro, Fundación Penzol, Alfredo Brañas e da Fundación Castelao. Asimesmo, colaborou coa creación do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, do Instituto Galego de Información (IGI) e do Museo do Pobo Galego. Tamén participou na creación da Sociedade de Desenvolvemento Integral de Galicia e da Editorial SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos).

Asimesmo, foi nomeado membro do Consello Nacional de Maiores, membro do Consello Asesor da Fundación Galicia-Europa e presidente da Fundación Camiño de Santiago.

Ademais, tamén presidíu o Padroado da Universidade de Santiago de Compostela e desempeñou o cargo de xefe de Servizo de Cirurxía Xeneral no Centro de Saúde Concepción Arenal de Compostela e fundou o hospital privado e centro asistencial, Hospital Policlínico A Rosaleda, do que foi director.

Faleceu o 12 de xullo do ano 2018.


Bibliografía: