Herminia Fariña Cobián

1.Herminia Fariña

Herminia Fariña Cobián (Santiago de Compostela, 4 de abril de 1904 - Meaño, Pontevedra, 14 de outubro de 1966) foi unha poeta, prosista e dramaturga galega. Nacida en Santiago de Compostela, foi unha dos cinco fillos do xeneral José Fariña González e de Regina Cobián. É coñecida tamén polo seu pseudónimo de “A Capitana”, rango do exército que ostentou seu pai.

Foi membro non numerario da Real Academia Galega da Lingua.

Nome completo: Herminia Fariña Cobián

Datas: 1904-1966

Lugares: Santiago de Compostela-Meaño, Pontevedra

Campo de actividade: Literatura

Grupo asociado:

Ocupación: Escritoras; Poetas; Dramaturgas

Lingua: Galego; Castelán

Contexto histórico

No contexto nacional, o período que lle tocou vivir a Herminia Fariña, o século XX, foi un século de grandes transformacións sociopolíticas en España e en Galicia. Naceu nun contexto de entre séculos, a Restauración Borbónica, nun ambiente ademais, de incipiente crise institucional e política, pois o desastre do 98, o turnismo político e o caciquismo son algúns dos factores que mermaron cada vez máis a crenza no sistema político. Esta situación tamén influiu no eido literario, especialmente no rexeneracionismo e fortalecemento dos nacionalismos.

Ao carón da decadencia da ditadura de Primo de Rivera (1923-1930) fortalecéronse movementos sociais e políticos que, cunha intención transformadora e modernizadora, propiciaron a consecución da II República española (1931-1936). Herminia foi testemuña indirecta do novel proxecto democratizador republicano que se viu constantemente boicoteado pola dereita, nun contexto de auxe dos fascismos en Europa. O 18 de xullo 1936 morreu a República pola consecución un golpe de Estado que, tras tres anos de sanguenta guerra fratricida (1936-1939), deu lugar á ditadura de Francisco Franco (1939-1975).

Santiago de Compostela, a cidade natal de Herminia, a fins do XIX estaba lonxe de seguir a política reformista de ensanche urbanístico, especialización de funcións, fomento das actividades fabrís, comercio, servizos administrativos e militares...; a súa tradición levítica e carlista pesaba aínda moito á entrada ao s. XX. Para paliar este preterimento, entraron en xogo dous factores de renovación da paisaxe urbá, un dobre patrocinio que garantía unha eficacia a longo prazo: o eclesiástico e o político. Levouse a cabo unha política urbanística rupturista; promoción da ensinanza e da sanidade; do turismo, a través da recuperación da tradición xacobea; e de fortalecemento do centro eclesiástico. Os principais protagonistas foron a Universidade, as familias poderosas como a de Montero Ríos e a burguesía compostelá, e as asociacións de menestrais e artesáns. A partir deste período, Santiago de Compostela tivo unha forte dotación institucional na que se integraba un significativo número de profesionais liberais, especialmente os adicados ao labor intelectual, como é o caso de Herminia e doutros cos que se relacionou.

A época na que Herminia Fariña desenvolve o seu labor intelectual é o período de preguerra, no que, de man do galeguismo e das ideas herdadas do rexionalismo, fúndanse as Irmandades da Fala (1917), a revista Nós (1920) da que nace o grupo Nós, e o Seminario de Estudos Galegos (1923). Destacan importantes figuras dentro do mundo literario que tiveron capital importancia tamén en termos políticos como é a conformación do nacionalismo galego ou a creación do Estatuto de Autonomía de Galicia, tales como Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Alfonso Daniel Castelao ou Filgueira Valverde.

Tamén é o tempo da xeración de 1925 (ou de 1922), encadrada na liña das vangardas pero que seguiron os principios das principais figuras do Rexurdimento (Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal).

Emporiso, trátase dun contexto no que a situación social impedíalle ás mulleres chegar a exercer profesións relacionadas co ámbito intelectual. “A participación feminina nas actividades dramáticas nas primeiras décadas do século XX era semellante á que tiñan as mulleres noutros sectores e aspectos da sociedade e da cultura e que, en grande parte, dependía do ámbito en que aquelas se desenvolvesen. No ámbito rural as actividades dramáticas limitábanse ou ben a preparar unha obra para unha festa concreta ou ben se desenvolvían nos meses do ano en que os labores agrarios prácticamente desaparecen. [...] No medio urbano, a respecto da súa participación nas actividades dramáticas, o que acontecía era que o desprestixio e a marxinación que sufría a lingua nos ámbitos urbanos agrávase nos palcos e, se xa non eran demadiados os homes que se presentaban a representar teatro galego, o número reducíase aínda máis coas mulleres”. Por iso, a figura de Herminia Fariña, dentro do contexto no que se desenvolveu a súa obra, e ao igual que outras intelectuais da súa época, supuxo unha gran proeza dentro dun mundo dominado polo sexo masculino.

Biografía

Herminia Fariña naceu no seo dunha familia coñecida pola vecindade; a profesión de seu pai, o Capitán Fariña do Exército de Terra, deulle o pseudónimo de “A Capitana”. Os méritos do capitán Fariña na Guerra de Cuba posibilitáronlle o ascenso a xeneral, xusto cando a familia se asentou na parroquia de Simes, no concello de Meaño (Pontevedra) cando Herminia apenas contaba con dez anos. Isto, sen dúbida, tivo especial trascendencia na vida de Herminia, do cal fai alusión nalgunha das súas poesías:

“Si por socorrer al pobre,

se ascendiese a general,

pues no hace “poquicos” años

que tú lo serías ya.

Para nobleza de Aragón,

para cariño de Galicia

y para bravo soldado,

nuestro General Fariña”.

Por parte de súa nai, Herminia proviña de Simes. Enténdese que mantiña unha gran relación de confidencialidade con ela. Proba disto foron as dedicatorias á súa nai, como é Pesadumbre á morte desta. A relación cos seus cinco irmáns tamén foi cordial. Mais, en opinión de Rodríguez Lema, “a quen lle tiña máis cariño era á súa irmá Pepita, é posible que por ser a única irmá muller; a esta dedicoulle entre outras un fermoso poema que deu por título Para mi hermana Josefina”. A familia á que pertenceu Herminia era certamente relixiosa; na igrexa de Santa María de Simes consérvase o altar do Rosario que foi doazón da familia Fariña Cobián. Isto repercutiu indudábelmente na vida e moral de Herminia e verase reflectido na súa obra.

En 1922 casou en Pontevera con Eduardo del Río, oriundo de Vilagarcía de Arousa, e co que tivo ao seu fillo Eduardo. Emigrou a Bos Aires, onde residiu ata a década dos 30, cando quedou viúva e volveu a España. O seu primeiro destino foi Calatayud (Zaragoza), onde nese momento seu pai ocupaba o cargo de gobernador militar. Emporiso, o oficio deste fixo que se trasladase constantemente de lugar de residencia, o quelle permitiu percorrer as cidades de maior relevancia cultural de España. É nesta dinámica cando coñeceu ao seu futuro segundo marido, Isaac Sánchez Alonso, co que casará no ano 1939 en Madrid. Con este terá dous fillos máis, Isaac Manuel e Mª do Carme. Durante o seu matrimonio continou visitando outras cidades españolas como Madrid, Zaragoza, Pontevedra... A partir da década dos 50, o seu lugar de residencia definitivo foi Simes.

Faleceu en 1967 na súa propia casa por mor dunha enfermidade e foi soterrada no Val do Salnés. A pesar da súa indudábel relevancia literaria, non existe moita bibliografía en referencia á súa persoa e obra.


Carreira intelectual

Traxectoria literaria

Herminia Fariña Cobián realizou a súa obra escribindo tanto en lingua castelá coma en lingua galega. A pegada que se pode observar na prensa da época, así como a súa presenta nos ambientes intelectuais durante a década dos anos 20 e 30 así o mostran. A autora de orixe compostelá publicou ao longo da súa carreira varios libros de poesía e prosa, así como algunhas obras teatrais que a colocaron como unha das máis respectadas dramaturgas galegas deste período. A sua colaboración con diversos xornais e revistas acrecentaron a súa fama e prestixo, tanto e Europa como en América.

Da súa procedencia santiaguesa fixo referencia reiteradas veces ao longo da súa obra, sempre dende unha perspectiva nostálxica e sentimental. Deste xeito, Simes e Compostela foron os escenarios principais presentes nos seus escritos.

Primeiros anos

Os primeiros pasos de Herminia escribindo tiveron lugar na súa casa familiar de Simes, nos que ademáis se pode apreciar o gusto polo fantástico e irreal. A súa primeira obra foi Cadencias (Pontevedra, 1922), un compendio de cincuenta e un poemas repartidos en cento vintetrés páxinas e á que o Padre Graciano Martínez aportou o prólogo e Castelao realizou a portada. Editáronse tres edicións desta obra, unha delas en Bos Aires. Esta produción lembra as cadencias dunha alma nova, concretamente de 18 anos na súa casa de Simes. Antes de partir cara a Bos Aires, publicou en Pontevedra a súa segunda obra, Seara (1924), para a que contou con ilustracións de Luis Pintos Fonseca. Trátase dun libro de poemas escritos en galego con idealización da paisaxe e trazos de evasión, especialmente cando se refire á praia da Lanzada:

Mar da Lanzada

Mar curandeiro,

teño qu-ir a tí

chea de avanxelios,

calquer día,

moi cedo...

I-as túas olas, sete veces

an cubrir meu corpo

pro remedio.


Etapa en Bos Aires

Xa entrada a década dos anos 20, Herminia Fariña trasladouse á capital de Arxentina xunto coa súa familia. Aquí publicou obras como Pétalos líricos e Hossana. Así mesmo, fará colaboracións en xornais e revistas de estreita relación coa cultura galega, como Sonata Gallega, Lar, Vida Gallega, Céltiga, e outros como La Razón e El Mundo de Montevideo. E tamén participará en celebracións por parte de institucións a través de recitais dos seus poemas, como foi a inauguración da Agrupación Escénica Galega en 1925.

Volta a España

En Calatayud, a figura de Herminia Fariña será amplamente recoñecida e respectada dentro dos círculos culturais. Isto permitiulle acrecentar o seu labor intelectual xa que alí fundou e foi editora e directora da revista Fortaleza.

Etapa final

A partir desta etapa, os poemas de Herminia estiveron amplamente protagonizados polos membros da súa familia, aos que continuamente profesa amor e admiración cando non nostalxia pola perda dalgúns. Tales son Poema Ingenuo ao seu fillo Isaac e A Mi Hija, á súa filla Mª do Carme. Do mesmo xeito que, xa asentada na aldea de súa nai, adicoulle boa parte da súa obra inédita a Simes, á que identifica como a súa propia terra; exemplo disto é o poema Gabanza e prego á miña aldeia (1960), no que pide que, á súa morte, o seu corpo sexa soterrado na terra de Simes, así como describe a paisaxe e xeografía da parroquia. Así se autodefinía o 15 de decembro de 1944 en “La Estafeta Literaria”:

“Son aldeana: amiga dos astros e dos ventos, dos pinos e do mar; case todo o meu labor literario é labrego con dulzores de gaita e sosego de corredoira”.

Recoñecementos intelectuais e institucionais

Respectados autores como Álvaro Cunqueiro, Antonio Rodríguez Frai, Filgueira Valverde, Castelao, Aurora Vidal ou Hipólito de Saa Bravo recoñeceron e lembraron no seu momento á personalidade de Herminia Fariña como “unha poetisa olvidada, Herminia Fariña, cantora de versos, autora de libros, dormido bajo el viejo olivo de su aldea amada...”.

Herminia colaborou intelectualmente con Álvaro Cunqueiro e entre eles existiu unha amizade pola que a autora lle compuxo un poema en castelán.

Na década dos 90, o concello de Santiago de Compostela adicoulle unha rúa á escritora.


Obras

  • Poesía e prosa:

  • Candencias (1922). Poesía en castelán. Dúas edicións máis en Bos Aires e Pontevedra.

  • Seara (Pontevedra, 1924). Poesía en galego.

  • Pétalos líricos (Mondariz, 1926). Prosa lírica en castelán. II edición en Santiago de Compostela (1927)

  • Bajo el cielo porteño (Bos Aires, 1930). Prosa en castelán.

  • Hosanna -Bajo el cielo porteño (Bos Aires, 1930). Poesía en castelán.

  • Cantiga Serea (Vigo, 1950)

  • “¡Por España y para España!” en El Libro del combatiente (1937). Catorce poemas de exaltación relixiosa e do bando franquista (dez en castelán e catro en galego).

  • Pesadumbre (Gondomar, 1961)

  • Teatro:

  • Margarida a Malfalada (Vigo, 1924). Drama con musical. Bos Aires (1927) e A Coruña (1928)

  • O soldado froita (Vigo, 1924 e 1927). Diálogo cómico.

  • O avarento (1927). Zarzuela en tres actos e un cadro.

  • La marquesa de Miraflores (1927). Comedia en castelán.

  • Sangre y sol (1927)

  • Libros inéditos:

  • Doenzas e segredos

  • Idilios, Pesadumbre y Mazorcas

  • Cartas sin fecha y sin destino

  • En el huerto de Heros

  • Égida azul

  • Manuscrito patético

  • Retorno de emigrantes

  • Pavana de mis días

  • La bella y dolorosa historia de mi vida

  • Folletos impresos:

  • Mensaxe de admiración nas festas de Vigo (Pontevedra, 1951). Tres poemas en galego e dous en castelán.

  • Gabanza e prego á miña aldeia (Pontevedra, 1960)

  • Colaboracións:

  • A Nosa Terra

  • Alma Gallega

  • Almanaque Gallego

  • Eco de Galicia

  • El Compostelano

  • El Financiero

  • Dígame

  • Diario de Pontevedra

  • Faro de Vigo

  • Mercantil Valenciano

  • La raza

  • Mondariz

  • La Temporada

  • Mundo Gallego

  • Revista do Centro Galego de Montevideo

  • Terra

  • Vida Gallega

Bibliografía:

  • MARCO, Aurora, Herminia Fariña Cobián: un corazón inxel na bretemosa Compostela, en Andaina: revista do Movemento Feminista Galego, Nº15, 1996, pp. 29- 31.

  • RODRÍGUEZ LEMA, Guillermo, Herminia Fariña, Santiago de Compostela, Dirección Xeral de Cultura 1996

  • TATO FONTAÍÑA, Laura, “Os dereitos das mulleres no teatro (de homes) nas Irmandades da Fala” pp. 71-88 en Itinerarios, Vol 20, 2014

  • VILLARES PAZ, Ramón, “La ciudad de los “Dos apóstoles” (1875-1936)” pp. 477-558 en PORTERA SILVA, Ermelindo (coord.), Historia de la ciudad de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de Compostela 2003

Imaxes:

  1. Herminia Fariña: Vida Gallega, 10-7-1927, p. 17, Herminia Fariña Cobián 1927, marcado como dominio público, para máis detalles véxase Wikimedia Commons

  2. Herminia Fariña: Autor descoñecido, Herminia Fariña nos seus anos mozos, marcado como dominio público, para máis detalles véxase Wikimedia Commons