Isaac Díaz Pardo

1. Isaac Díaz Pardo

Isaac Díaz Pardo naceu o 22 de agosto de 1920 no número 37 da rúa das Hortas, Santiago de Compostela. Fillo do escenógrafo Camilo Díaz Baliño e de Antonia Pardo Méndez.

Dende 1925 estudou na Academia Xelmírez, a única que había en Santiago, e logo no Instituto de Segunda Ensinanza, situado na Praza de Mazarelos.

En 1936 foi detido por apedrar unha farmacia da rúa Casas Reais, quedando en liberdade con cargos pero o caso non foi arquivado ata 1945.

Nome completo: Isaac Díaz Pardo

Datas: 1920-2012

Lugares: Santiago de Compostela-A Coruña

Campo de actividade: Pintura; Cerámica; Edición

Grupo asociado: Instituto Galego de Información; Ediciós do Castro; Seminario de Estudos Galegos

Ocupación: Pintores; Deseñadores; Empresarios; Editores

Xénero: Home

Lingua: Galego

Ao igual que o seu pai, Isaac Díaz Pardo foi un home comprometido politicamente cos ideais galeguistas e, cando en xullo de 1936 produciuse a sublevación militar, Díaz Pardo alistouse na expedición de voluntarios que o Concello de Santiago organizou para enfrontarse ao exército golpista na Coruña, cidade que foi o núcleo da sublevación golpista en Galicia.

Cando soubo que o seu pai fora fusilado, Díaz Pardo agochouse na casa do seu tío Indalecio na Coruña, da que non saíu durante meses.

2.Diaz Pardo coa súa dona

En 1937 empezou a traballar na Casa Bianchi, na cidade herculina  en poucos mese ascendeu a oficial de primeira, facendo en 1939 tamén na Coruña a súa primeira exposición. 

Díaz Pardo quería ser arquitecto, pero marchou a Madrid a estudar na Escola Superior de Belas Artes de San Fernando, facendo os catro cursos en só dous anos e licenciándose na especialidade de Debuxo e Pintura cun diploma en Historia da Arte, unha Matrícula de Honra en Debuxo Científico e un Premio de Estado na materia de Colorido e Composición. Tras isto, a Deputación Provincial da Coruña concedeulle unha bolsa de estudos e en 1942 participou nun Congreso de Arte en Italia. Un ano despois xa exercía como profesor na Escola Superior Sant Jordi de Belas Artes (Barcelona) e en 1944 xa era un autor moi ben considerado, celebrando exposicións na sala Vilches (Madrid), na sala Gaspar (Barcelona) e incluso na sala Da Vinci (Londres).

Tras casar con Carmen Arias Montero, en 1945 estableceu a súa vivenda cerca de Sada, e en 1948 abandonou a pintura como actividade profesional a pesar de ser o artista galego máis importante da época. Nesta decisión influíu o contacto que tivo Díaz Pardo cos exiliados políticos. Isto explícao moi ben no texto “Meu cabalete”, incluído na súa obra Unha presa de dibuxos feitos por Isaac Díaz Pardo de xente do seu rueiro

Así, tras deixar a pintura en 1949 fundou xunto a José Rey Romero e Federico Nogueira Pazo a Fábrica de Cerámicas do Castro, e entre 1955 e 1968 dirixiu a nova planta industrial da Magdalena, en Arxentina, onde consolidou os seus coñecementos sobre cerámica e estreitou lazos cos intelectuais galegos exiliados como Luís Seoane, Blanco Amor, Dieste, etc. Mentres estaba en Arxentina tamén publicou as súas únicas obras de teatro, O ángulo de pedra e Midas. En 1963 fundou Ediciós do Castro e creou, xunto a Luís Seoane, o Laboratorio de Formas, co obxectivo de difundir a cultura galega e recuperar a memoria histórica.

En 1965 asinouse o convenio polo que Cerámicas do Castro participaba na fábrica de Sargadelos, que pasou a estar dirixida polo Laboratorio de Formas. En 1970 inaugurouse a planta circular da fábrica de Sargadelos, a escasos metros da antiga factoría de Antonio Raimundo Ibáñez, pretendendo recuperar o espírito da empresa fundada polo marqués de Sargadelos e afastado de calquera tentación especulativa, destacando pola gran calidade das súas cerámicas. 

Deste xeito, Díaz Pardo xogou un papel fundamental na difusión da cultura galega, participando na posta en marcha do primeiro centro galego de arte contemporánea, Museo Carlos Maside, inaugurando en 1978 a Galería Sargadelos en Santiago e inaugurando tamén galerías en Barcelona, Madrid e Sevilla. Ademais, en 1979 constituiu o Novo Seminario de Estudos Galegos, e nese mesmo ano asumiu en solitario a dirección das empresas do Grupo Sargadelos e a coordinación do Laboratorio de Formas debido á morte de Luís Seoane. En 2001 creou a Fundación Sargadelos, para divulgar e protexer a cultura industrial do Grupo Sargadelos pero en 2006 foi excluído, contra a súa vontade, dos consellos de administración das Fábricas do Castro e de Sargadelos.

Díaz Pardo tamén destacou pola súa faceta de escritor e escultor, facendo no ano 2001un conxunto escultórico no Campo da Rata (A Coruña) en homenaxe ás vítimas da represión franquista, e escribindo libros como Galicia hoy y el resto del mundo, Presencias galegas na arte dos nosos días, El ceramista Arranz y su escuela, etc.

Isaac Díaz Pardo morreu na Coruña o 5 de xaneiro de 2012, deixando tras de si un gran legado.

Bibliografía: