Camilo Díaz Baliño

1. Camilo Díaz

Camilo Buenaventura Díaz Baliño (Ferrol, 1889 - Palas de Rei, Lugo, 1936) foi un pintor, escenógrafo, escritor e artista gráfico galego. Naceu en Ferrol o 14 de xullo de 1889 e, a finais de século trasladouse á Coruña.

Aos dezaseis anos xa estaba en Madrid traballando como operario de escenografías teatrais, pero volve á Coruña para estudar na Escola de Artes e Oficios.

Nome completo: Camilo Buenaventura Díaz Baliño

Datas: 1889-1936

Lugares: Ferrol-Palas de Rei, Lugo

Campo de actividade: Literatura; Arte; Teatro; Política

Grupo asociado: Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago; Irmandades da Fala; Seminario de Estudos Galegos; Partido Galeguista

Ocupación: Políticos; Escritores; Cartelistas; Debuxantes; Escenógrafos

Lingua: Galego

En 1908 volveu a Madrid contratado polo Ministerio de Graza e Xustiza e alí estudou escenografía. Na capital española contou coa axuda do tamén ferrolán Aurelio Ribalta e traballu como escenógrafo dunha compañía de zarzuela que percorreu toda España e tamén Europa.

En 1916 Díaz Baliño entrou en contacto co produtor e empresario cinematográfico galego, Isaac Fraga e en 1920 trasladouse a Santiago de Compostela, cidade na que estableceu o taller de escenografía da Empresa de Espectáculos Fraga, coa que se trasladou a Madrid entre 1922 e 1924 realizando carteis e escenografía.

2.Estatuto de Galicia. Portada

En 1925 Díaz Baliño ingresou como delineante interino no concello de Santiago, praza que logo obtivo en propiedade. Na cidade compostelá contribuiu como asesor artístico do alcalde Ánxel Casal.

En 1931 Díaz Baliño viaxou a Arxentina, Uruguai e Brasil como escenógrafo e director artístico da Coral de Ruada, ao mesmo tempo que realizou exposicións dos seus debuxos e óleos. Como artista gráfico fixo ilustracións para as coleccións de obras literarias Lar e Céltiga e tamén para xornais como A Nosa Terra e para publicacións galegas de América como Terra Galega, Galicia ou El despertar gallego.

Ademais, tamén realizou varios carteis e murais para a Capela da Misericordia de Viveiro, aínda que hoxe en día non se conservan. Tamén cómpre destacar que Díaz Baliño realizou xunto con Castelao a escenografía e posta en escena da obra A man da santiña, de Ramón Cabanillas.

Camilo Díaz Baliño tamén foi un home moi activo politicamente. Inicialmente estivo máis vinculado con determinados sectores católicos, pero logo foi aproximándose aos sectores galeguistas e fíxose membro das Irmandades da Fala. A experiencia do primeiro bienio republicano fixo que se identificase máis cos sectores esquerdistas e, de feito, fíxose membro do Partido Galeguista. Dende o seu taller, no que tamén traballaba o seu fillo Isaac Díaz Pardo, fixo unha campaña a prol da Fronte Popular e do Estatuto de Autonomía para Galicia.

Tras o golpe militar de xullo de 1936, Díaz Baliño foi detido a finais de xullo e levado á prisión de Santiago de Compostela, o que non impediu que seguise pintando e retratando aos seus compañeiros do cárcere.

Finalmente, o 14 de agosto foi asasinado na parroquia de Meixide, en Palas de Rei, onde apareceu o seu cadáver nunha cuneta.

3.Camilo co seu fillo, Isaac Díaz Pardo en 1925.

Bibliografía:

  • DURÁN, J.A., Crónica de otro olvido inexplicable. Sada: Edicións do Castro, 1990.

  • LLORCA, G., Ferroláns. Betanzos: Edicións Embora, 1996.

  • Camilo Díaz Baliño, escritor, artista gráfico e intelectual galleguista (14/07/2013). En GaliciaÁrtabra. Dispoñible en http://www.galiciaartabradigital.com/archivos/56920 [Consultado o 29/01/2015].

  • Con Galiza sempre no horizonte : Camilo Díaz Baliño e Isaac Díaz Pardo en Compostela : [catálogo de exposición]. Ateneo de Santiago, 2018

Imaxes:

  1. Camilo Díaz: Vida Gallega, 10-3-1930, p. 18, Camilo Díaz Baliño 1930, marcado como dominio público.

  2. Estatuto de Galicia. Portada: Camilo Díaz Baliño creator QS:P170,Q8256266, Estatuto de Galicia, Camilo Díaz Baliño, Litografía e Imprenta Roel, Coruña, 1932, marcado como dominio público.

  3. Camilo co seu fillo, Isaac Díaz Pardo en 1925: Autor descoñecido, Camilo Díaz Baliño con Isaac Díaz Pardo en 1925, marcado como dominio público.