Castromil Otero, Evaristo

1.Evaristo Castromil

Evaristo Castromil Otero (Santiago de Compostela, 1876-1969) foi un empresario compostelán, fundador da empresa de autobuses Castromil S. A.

Nome completo: Evaristo Castromil Otero

Datas: 1876-1969

Lugares: Santiago de Compostela

Campo de actividade: banca; comercio; transporte de viaxeiros por estrada

Grupo asociado: banco de Olimpio Pérez; Castromil S. A.

Ocupación: comerciante; empresario

Lingua

Realiza estudos de comercio en Compostela. Desde moi novo comezou a traballar na Caja de Ahorros de Santiago de Compostela, da que pasou ao Banco de Olimpio Pérez, onde traballaba seu pai, chegando a apoderado xeral. Ademais, a principios do século XX comezou a exercer como corredor de comercio, e entrou en contacto coa importación de vehículos cando en 1910 obtén a representación exclusiva para toda Galicia dos auomóbiles Mitchell. Non só os vendía, senón que os alugaba a xeito de taxi. Pero a venda de automóbiles non era aínda en Galicia un bo negocio, pola escaseza dos seus compradores. 

Non era así no caso do transporte público, nun país cun tecido ferroviario pouco desenvolvido e cunha dispersión poboacional e numerosas feiras e mercados, o que provocara un desenvolvemento do transporte de viaxeiros e mercadorías relativamente rápido en relación ao benestar económico de Galicia. Como Santiago non dispuña de conexión ferroviaria co interior nin coa Coruña, na cidade xurdiran nos primeiros anos do século XX empresas de autocares que se engadían ás tradicionais dilixencias. Evaristo decidiu crear a empresa Castromil en 1917, primeiro como empresario individual e máis tarde como sociedade anónima. En 1918 inaugurou a primeira liña, que unía Santiago con Pontevedra, tramo que as demais empresas evitaban facer por ter competencia do ferrocarril. A carestía de carbón, nun contexto de folgas nas minas asturianas e de Gran Guerra, levou á empresa ferroviaria a suprimir varios trens, o que causou gran descontento entre os usuarios e nos concellos, que se organizaron para procurar alternativas. Evaristo ofreceu cubrir tales servizos, cun traxecto dunhas dúas horas de duración e cuns prezos que ían das 5,60 ás 10 pesetas, dependendo do lugar ocupado no coche. En 1919 tamén comezou a ofrecer un servizo diario entre Santiago e A Coruña, un traxecto moi disputado. Tamén adquiriu camións para transportar mercadorías entre estas dúas cidades. En 1922, coa compra de novos autobuses, comezou a ofrecer conexións de Santiago a Ourense, Vigo e Betanzos. Ese mesmo ano compra a empresa La Regional. 

En 1924 amplía o servizo a Noia e a Muros. No mesmo ano, unha Real Orde establece o réxime de monopolio para os transportes regulares de viaxeiros por estrada, cun mecanismo de concesión para cada liña, priorizando naquel momento ás empresas que viñesen realizando a liña. Evaristo estivo en Madrid durante o proceso de incoación dos expedientes de concesión, recibindo o apoio do seu veciño, o ministro de Fomento Luís Rodríguez de Vigurí. Deste xeito, Castromil obtén en 1928 a exclusiva sobre a liña A Coruña-Santiago-Vigo, a máis importante de Galicia. As empresas que viñan operando na liña foron vendidas a Castromil. 

En 1929, Evaristo converte a empresa en sociedade anónima. No primeiro Consello de Administración entrarán persoeiros como Felipe Gil Casares, catedrático de Dereito; Emilio Martínez Baladrón, que fixera fortuna en América; o director do Faro de Vigo, o empresario vigués Manuel Otero Bárcena; e como conselleiro delegado o propio Evaristo. Nese mesmo ano, a empresa adquire o daquela Café-Restaurante Quiqui-Bar, para convertelo en oficinas, parada e despacho de billetes, e outros usos, pasando a ser coñecido como o Edificio Castromil.

En 1930, Castromil xa tiña 120 traballadores e 50 autocares, sendo a empresa do ramo máis importante de Galicia, e encargándose das liñas de Santiago á Coruña, a Noia e Muros, a Betanzos, a Ourense, a Ordes e Carballo, e de Vigo a Ponteareas, facendo tamén servizos a diferentes balnearios de Galicia e Portugal. Empresas como Automóviles de Tuy, que facía o servizo de Vigo á Guarda, a Tui e a Valença; ou El Veloz, que facía o servizo de Pontevedra a Vilagarcía, adaptaron os seus horarios aos dos autobuses de Castromil. Pese a este crecemento, a familia Castromil mantivo o 70% da propiedade da empresa. En 1933 Ramón Castromil Casal, o fillo de Evaristo, convértese en director da empresa, quedando seu pai como conselleiro delegado. O crecemento da empresa foi apoiado polo banco Hijos de Olimpio Pérez, onde traballara Evaristo.

Politicamente, nos anos 30 Evaristo mantivera relacións con algúns elementos do galeguismo: encargoulle traballos a Camilo Díaz Baliño ou concedeu descontos nos autobuses para a asistencia a actos relacionados co Estatuto de Autonomía. Pero a súa relación máis pública fora de asistencia a actos dos sectores máis moderados daquela tendencia, como a homenaxe a Rajoy Leloup en 1934. Ademais, a empresa mantiña forte relación con Gil Casares, deputado de Acción Popular e un dos homes fortes do réxime sublevado na cidade. A isto súmase a rápida adhesión á Falanxe de Ramón Castromil Casal.

Nos anos 40, Evaristo montou, xunto cuns socios portugueses, unha fábrica de alfombras, Alfombras Compostela. Tamén participou na montaxe dun obradoiro na Casa Gótica situada na Algalia de Arriba, rexentada polo artista Roberto González del Blanco, chamado Fábrica Jacobea, que elaboraba pezas de acibeche, crucifixos, cunchas de vieira, etc. Nos anos 60, cando a empresa compostelá Televés comece a distribuír as súas primeiras antenas de televisión por Galicia, farao a través dos autocares de Castromil. 

Evaristo morreu en 1969, aos 93 anos. O seu fillo Ramón pasa a ocupar o seu posto na empresa, mentres que o seu neto, Ramón Castromil Ventureira, ocupa a presidencia. 

Evaristo fora quen de imprimirlle unha alma ou carácter propio á empresa, de saber levar un compromiso co cliente a través dun xeito modélico de levar a empresa. Dicía que as empresas estaban destinadas a ter ganancias dun xeito prudente, xa que se tiñan que traducir en ofrecer un mellor servizo ao cliente. A palabra Castromil adaptouse como sinónimo para denominar un coche de liña. 

Bibliografía:

Imaxes:

Enlaces a datos e catálogos