Rosalía de Castro

1.Rosalía

Rosalía de Castro (1837-1885) foi unha escritora e poetisa galega, impulsora do Rexurdimento. Escribiu tanto en prosa como en verso e en galego e castelán.

Rosalía naceu o 24 de febreiro de 1837 no Camiño Novo (Santiago de Compostela), no seo dunha familia fidalga vida a menos, e foi bautizada na capela do actual Hostal dos Reis Católicos. Foi criada na parroquia de Ortoño (Ames) pola familia do seu pai e en 1842 xa hai constancia de que vivía coa súa nai en Padrón.

Nome completo: Rosalía de Castro

Datas: 1837-1885

Lugares: Santiago de Compostela-Padrón, A Coruña

Campo de actividade: Literatura

Grupo asociado: Rexurdimento

Ocupación: Escritoras; Poetas

Lingua: Galego; Castelán

En 1850 trasladouse de novo a Compostela, onde participou como actriz no Liceo de la juventud, lugar de encontro dos intelectuais comprometidos co movemento provincialista onde coincidiu con persoeiros como Eduardo Pondal ou Aurelio Aguirre. Entre 1855 e 1856 viviu en Padrón, e entre 1856 e 1858 Rosalía residiu en Madrid. É alí onde escribiu o seu primeiro libro, o poemario La Flor, que foi publicado no xornal La Iberia.

O 10 de outubro de 1858 casou con Manuel Murguía e nese mesmo ano publicou La hija del mar, a súa primeira novela. A partir de aí mudou de residencia constantemente, vivindo en Madrid, Lestrobe (Dodro), Coruña, Vigo, e entre 1863 e 1865 residiu en Compostela. O seu primeiro poema en galego foi o célebre Adiós ríos, adiós fontes (1861), e en 1864 publicou o seu único conto en galego: Contos da miña terra.

2.A familia Murguía-Castro

Unha das súas obras máis coñecidas é Cantares gallegos, que está considerada como o punto de partida do Rexurdimento. Esta obra foi publicada o 17 de maio de 1863, e na súa honra o Día das Letras Galegas se celebra cada 17 de maio, aínda que en 1872 publicouse unha segunda edición de Cantares gallegos que incluía catro poemas máis. No que se refire á temática de Cantares gallegos, nesta obra podémonos atopar con poemas costumistas (que presentan un carácter descritivo e narrativo), poemas amorosos, cívico-sociais e poemas intimistas. Os poemas civíco-sociais presentes nesta obra son poemas reivindicativos referidos frecuentemente á emigración, como o poema Adiós ríos, adiós fontes ou Castellanos de Castilla. Pola súa banda, un exemplo dos poemas intimistas son os célebres Campanas de Bastavales ou Como chove miudiño.

En 1880 publicou Follas Novas, obra que a consagra como a gran poetisa galega. Nun principio Follas Novas pensouse como unha continuación de Cantares gallegos, pero a a maioría dos poemas que aparecen en Follas Novas presentan matices e un espírito poético distinto debido ao sentimento de morriña de Rosalía, así como a dor polas desgrazas familiares e polas doenzas físicas e morais. Isto demostra que Rosalía é unha poetisa que afonda nos sentimentos e na saudade. Ademais, nesta obra e tamén en Cantares gallegos ponse de manifesto que a Rosalía interesáballe máis a vivacidade que a pureza da lingua galega que emprega para expresarse, e é por iso polo que na obra en galego de Rosalía hai moitos castelanismos, vulgarismos e hipergaleguismos.

O seu último libro de poemas foi En las Orillas del Sar, publicado en 1884, un ano antes da súa morte. Este libro, xunto as obras La Flor (1857) e A mi madre (1863) encádranse dentro do movemento romántico.

Rosalía pasou os últimos anos da súa vida en Padrón, na casa da Matanza, que hoxe é a Casa Museo Rosalía de Castro e sede da Fundación Rosalía de Castro e do Centro de Estudos Rosalianos. Rosalía finou aos 48 anos o 15 de xullo de 1885 debido a unha “dexeneración cancerosa do útero”, segundo pon o certificado de defunción. Foi soterrada o día 16 no cemiterio de Adina (Iria Flavia). O 25 de maio de 1891 os seus restos foron exhumados e trasladados ao Panteón de Galegos Ilustres en San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela.

Bibliografía:

Imaxes: