Fernando de Casas Novoa

1.Fachada do Obradoiro

Fernando de Casas Novoa (ca. 1670-1749) foi un arquitecto barroco galego. A súa obra máis destacada foi a fachada do Obradoiro da Catedral de Santiago.

Aínda que se descoñece a súa data de nacemento, sábese que en 1718 vivía en Santiago co seu pai, Juan de Casas e coa súa nai, María de Nóvoa. A súa residencia estaba próxima á igrexa de San Francisco, nunha propiedade do mosteiro de San Martiño Pinario que tiña aforada o entón novo mestre de obras da catedral de Santiago. O feito de que cuando asina o proxecto da fachada do Obradoiro, en 1738, se recoñeza como “arquitecto compostelano”, vincúlao inequivocamente a esta cidade.

Nome completo: Fernando de Casas Novoa

Datas: 1670-1749

Lugares: Santiago de Compostela-Santiago de Compostela

Campo de actividade: Arquitectura

Grupo asociado: Barroco; Catedral de Santiago de Compostela

Ocupación: Arquitectos

Lingua:

Nos comezos da súa carreira artística traballou no claustro da Catedral de Lugo xunto ao seu mestre frei Gabriel de Casas. O arcebispo Monroy encargoulle varias obras como a igrexa dominica de Betanzos, o conxunto conventual das capuchinas da Coruña ou o colexio das Orfas e a igrexa do convento de Belvís en Santiago de Compostela, na que adopta algunhas solucións clasicistas.

Outros proxectos que desenvolveu foi a igrexa dos monxes beneditinos do mosteiro de Vilanova de Lourenzá, a igrexa de San Andrés de Cedeira (Redondela) ou a igrexa dos xesuítas da Coruña.

A súa madurez como artista a vai acadar coa construción da capela da Virxe dos Ollos Grandes na Catedral de Lugo, que constitúe unha das obras cume do barroco galego. Esta capela caracterízase pola súa cúpula sobre bóvedas de forno, polo seu baldaquino, polas arcadas que arrincan dos piares e tamén pola súa rica policromía.

2.Capela da Virxe dos Ollos Grandes.

En 1711 foi designado mestre de obras da Catedral de Santiago de Compostela, onde continuou as obras de Domingo de Andrade na Capela do Pilar procurando lograr orixinais efectos cromáticos e ornamentais. Casas Novoa xa fixera previamente algunhas obras en Santiago, como a sancristía, claustro, fachada principal e o retablo maior do mosteiro de San Martiño Pinario.

3.San Martiño Pinario

Porén, a súa obra cume é a fachada oeste da Catedral de Santiago, coñecida popularmente como a fachada do Obradoiro, que foi construída entre 1738 e 1750. Casas Novoa faleceu un ano antes de que se rematase.

A fachada do Obradoiro, de estilo barroco, consta dun corpo central e dúas rúas laterais, e está flanqueada por dúas grandes torres: a “torre das Campás” (ao sur) e a “torre da Carraca” (ao norte). No medio do corpo central está a figura do Apóstolo Santiago e por debaixo están os seus discípulos Atanasio e Teodoro, os tres vestidos como peregrinos.

Na torre da Carraca está María Salomé, nai do apóstolo Santiago, e na torre das Campás aparece representado o seu pai Zebedeo. Na parte esquerda da balaustrada poden verse a Santa Susana e a San Xoán, mentres que na parte dereita se pode observar a Santa Bárbara e a Santiago “o Menor”. Ademais, a fachada consta duns grandes ventanais que permiten iluminar a antiga fachada románica e o Pórtico da Gloria.

Ademais da fachada central, Casas Novoa tamén construíu a torre sur e a galería arcebispal que actuaba a modo de contraforte desa torre sur. No que se refire ás escaleiras que permiten acceder á Catedral pola praza do Obradoiro, non foron construídas por Casas Novoa, senón por Ginés Martínez. No referente á construción civil Casas Novoa tamén desenvolveu importantes obras en Santiago de Compostela, como a Casa da Conga, a Casa do Cabido ou a Casa da Inquisición.

Casas Novoa morreu no ano 1749 e está soterrado na capela do Espírito Santo, no interior da Catedral compostelá.

Bibliografía:

  • HERMIDA GONZÁLEZ, L., Unha aproximación á obra de Fernando de Casas y Novoa. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, 2007.

  • FERNÁNDEZ GONZÁLEZ, A., Fernando de Casas y Novoa, arquitecto del Barroco dieciochesco. Madrid: Fundación Universitaria Española, 2006.

  • García Iglesias, José Manuel, Fernando de Casas Nóvoa, en Real Academia de la Historia, Diccionario Biográfico electrónico (en red, http://dbe.rah.es/)

Imaxes:

  1. Fachada do obradoiro: Vasco Roxo, Basílica de Santiago 02, CC BY-SA 3.0

  2. Capela da Virxe dos Ollos Grandes: Diego Delso, Catedral de Santa María, Lugo, España, 2015-09-19, DD 02, CC BY-SA 4.0

  3. San Martiño Pinario: Luis Miguel Bugallo Sánchez (Lmbuga Commons)(Lmbuga Galipedia) Publicada por/Publish by: Luis Miguel Bugallo Sánchez, Santiago seminario GDFL-07, CC BY-SA 3.0