Ánxel Casal 

1.Ánxel Casal

Ánxel Casal Gosenxe (A Coruña, 1895 - Teo, 1936) foi un editor e político galego.

Segundo Francisco Fernández del Riego, en 1909 Casal emigrou a Bos Aires  e tamén viviu un tempo en Cuba. De todas formas, aínda hoxe non se coñece con claridade e exactitude o periplo emigratorio de Casal, e incluso hai quen di que chegou a traballar en París e Lisboa. Cando volveu a Galicia traballou nas oficinas do Consulado de Francia na Coruña, estando tamén uns meses en Bordeos por motivos laborais. En 1914 Casal entrou como voluntario no servizo militar.

 

Nome completo: Ánxel Casal Gosenxe

Datas: 1895-1936

Lugares: A Coruña-Teo, A Coruña

Campo de actividade: Edición; Política

Grupo asociado: Irmandades da Fala

Ocupación: Editores; Políticos

Lingua: Galego

O 17 de maio de 1916 constituíuse no local social da Academia Galega a Irmandade de Amigos da Fala, na que militou Casal dende o momento da súa fundación. Dentro das Irmandades, Ánxel Casal pertencía ao grupo máis politizado, no que tamén estaban Antón Villar Ponte ou Lois Peña Novo. 

Casal era un home moi comprometido politicamente e, de feito, o 17 e 18 de febreiro de 1918 asistiu á Asemblea das Irmandades da Fala en Lugo e asinou xunto a outros 62 asistentes o manifesto fundacional do nacionalismo galego, participando ademais nas campañas reivindicativas organizadas polas Irmandades. Tamén apoiou as demandas e reivindicacións do agrarismo. Entre 1926 e 1929 foi o secretario da Irmandade coruñesa, e en 1928 fíxose cargo das publicacións do Seminario de Estudos Galegos.

En setembro de 1929 participou na fundación da Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA), que pretendía ser unha plataforma unitaria do republicanismo galego. Cando en abril de 1931 proclamouse a II República, Casal asistiu aos actos de celebración na Coruña, e o 14 de xuño asinou o manifesto da Esquerda Galeguista. Ademais, no outono dese mesmo ano colaborou na preparación da asemblea fundacional do Partido Galeguista, que tivo lugar en decembro de 1931. 

Xa como membro do Partido Galeguista, foi un dos máximos impulsores das reivindicacións dun Estatuto de Autonomía para Galicia, que foi plebiscitado o 28 de xuño de 1936, aínda que nunca entrou en vigor polo estalido da Guerra Civil.

O 23 de febreiro de 1936 Casal foi elixido alcalde de Santiago, e máis tarde nomeado vicepresidente da Deputación da Coruña. Aínda que dimitiu como alcalde o 9 de xullo, o 20 de xullo fíxose cargo de novo da alcaldía tres días despois de que tivese lugar o golpe de Estado que provocou a Guerra Civil. O mesmo día 20 ás 12 horas da noite, a autoridade militar obrigouno a ceder o mando, e ante isto, Casal refuxiouse na aldea de Vilantime (Arzúa), o lugar onde nacera o seu pai. Alí foi detido o 4 de agosto e foi levado ao cárcere de Santiago, onde tamén estaba o seu amigo Camilo Díaz Baliño. O 8 de agosto declarou como testemuña no proceso aberto contra os membros do comité de defensa da Fronte Popular, e na noite do 18 ao 19 de agosto foi asasinado polos sublevados en Cacheiras (Teo).

Ademais de pola súa actividade política, Ánxel Casal tamén destacou pola súa faceta como editor. En 1924 xunto con Leandro Carré Alvarellos fundou a Editorial Lar con sede na coruñesa rúa Real, sendo Casal o seu administrador. En agosto de 1927 abandonou a Editorial Lar e fundou a editorial e imprenta Nós, cuxa sede estaba no mesmo sitio que a da Editorial Lar, que agora se trasladou á rúa da Franxa. 

Entre maio e xuño de 1931 trasladou a sede da Editorial Nós á rúa das Hortas, en Santiago de Compostela, onde vivía Díaz Baliño. Dous anos máis tarde trasladou de novo a sede, esta vez á rúa do Vilar, onde hoxe en día pódese ver unha placa conmemorativa. Ademais, Casal tamén publicou o semanario de esquerdas Ser, e en 1930 tamén edita o xornal de tarde El Momento, ligado ao ideario republicano e galeguista da ORGA, pero cuxo fracaso provocou que Casal se endebedase.

Tras o seu asasinato, Casal foi homenaxeado en numerosas ocasións, e en 1950 Manuel Puente financiou e reimpulsou a Editorial Nós para publicar As cruces de pedra na Galiza, de Castelao, e os dous primeiros tomos da Historia de Galiza dirixida por Otero Pedrayo.

Como mostra da gran repercusión que tivo Ánxel Casal cómpre lembrar un fragmento do Libro dos Amigos, de Otero Pedrayo, no que di: “Unha vegada dixo Castelao, e foi en solene ocasión de tremaren fondamente doridos os alicerces de unha esencial amizade: Casal por Galicia fixo máis do que todos nós.”

Dende marzo de 2008 a Biblioteca Pública de Santiago de Compostela leva o seu nome.

Bibliografía:

Imaxes: