Ricardo Carballo Calero

1.Carballo Calero

Ricardo Carballo Calero ou Carvalho Calero, tamén coñecido polos seus alcumes Eduardo Colmeiro, Ilex, Martinho Dumbria ou Erik Larsson, é un dos escritores en lingua galega máis destacados do século XX, así como unha das figuras máis influíntes para a cultura galega grazas á súa contribución aos estudos literarios que levou a cabo. 

No ano 2020, o Día das Letras Galegas foille adicado a el, formando parte dos 60 primeiros autores en gozar deste recoñecemento.

Nome completo: Ricardo Leopoldo Ángel José Gerardo Carballo Calero

Datas: 1910 - 1990.

Lugares: Ferrol - Santiago de Compostela.

Campo de actividade: Literatura; Filoloxía.

Grupo asociado: Real Academia Galega; Seminario de Estudos Galegos; Partido Galeguista.

Ocupación: Escritores; Lingüistas.

Lingua: Galego; Castelán.

Biografía:

Nado en Ferrol o 30 de outubro de 1910, Ricardo Carballo estivo dende pequeno marcado pola prematura morte da súa nai e pola literatura da man do seu titor Manuel Comellas, un dos numerosos nomes salientables do Rexurdimento galego. O ambiente galeguista no que se criou, cultivado polos mestres dese Rexurdimento, acabarían por achegar a Ricardo ao galeguismo na súa xuventude.

Unha vez rematados os estudos de bacharelato, Calero mudouse a Santiago de Compostela en 1926 para cumprir co servizo militar obrigatorio ao tempo que se licenciaba, primeiro en Dereito (1931) e seguidamente en Filosofía e Letras (1935). Foi precisamente no ambiente universitario da Compostela dos anos 20 onde Carballo Calero empezou a desenvolver unha actividade política e intelectual intensa e moi vencellada ao novo galeguismo das Irmandades e a Xeración Nós, ata o punto de que chegaría a ser secretario do Seminario de Estudos Galegos.

Sen deixar de lado as súas reivindicacións políticas durante a Ditadura de Primo de Rivera, tras a proclama da II República en 1931 foi un dos partícipes da fundación do Partido Galeguista e da redacción do Estatuto de Autonomía de Galicia, que finalmente non lograría implantarse. 

Tras unha breve estadía na súa cidade natal exercendo como administrativo municipal, Carballo Calero decidiu rematar os estudos de Filosofía e Letras e opositar para a docencia en Ensinanza Media en Madrid. Foi alí que no ano 1936 se viu sorprendido polo fracasado golpe de Estado militar e o inicio da Guerra Civil pouco despois. O xiro de acontecementos propiciaron a viraxe de Ricardo cara unha etapa como militar ao alistarse nas milicias republicanas. Tras defender o sitio de Madrid, foi trasladado a Valencia e a Andalucía, xa co rango de tenente, mais para o 1939, co fin do conflito e a vitoria definitiva dos sublevados, Calero foi apresado e condenado a doce anos de prisión, dos que finalmente só cumpriu dous. Porén, a súa posta en liberdade supuxo a inhabilitación de cargos públicos, polo que se viu obrigado a traballar no ensino privado.

No ano 1950 mudouse á cidade de Lugo para dirixir o Colexio Fingoi, onde permaneceu durante quince anos nos que, paralelamente, tamén se doutorou (1954) e ingresou na Real Academia Galega (1958). Asemade, no ano 1950 fundárase a Editorial Galaxia, factor fundamental na agrupación da obra de autores galeguistas. Carballo estivo altamente comprometido coa editorial desde o comezo. 

Para 1965, Calero abandonou Lugo para ingresar como agregado de instituto no Liceo Rosalía de Castro en Santiago e como profesor contratado na Universidade de Santiago de Compostela, convertíndose sete anos máis tarde, en 1972,  no primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da USC. No ano 1967, ademais, recibiría o Pedrón de Ouro, que se entrega desde 1964 á personalidade ou entidade viva e residente en Galicia que máis destacou na defensa e promoción das diversas facetas da cultura nacional ao longo do ano ou nunha traxectoria vital

Carballo Calero xubilaríase en 1980, pero mantería a súa actividade literaria e lingüística durante a seguinte década, apoiando o movemento reintegracionista (polo que mudou a súa sinatura a Carvalho Calero) e colaborando coa Associaçom Galega da Língua (AGAL).

Finalmente, Carballo Calero finou o 25 de marzo de 1990 en Santiago de Compostela.

Obra:

A produción literaria de Carballo Calero é extensa e moi variada, tendo cultivado non só textos académicos relacionados coa lingüística ou a historia da literatura, senón tamén xéneros como a poesía, a narrativa ou o teatro.

Comezando polo campo no que prosperou máis cedo, o ensaio, pódese destacar a súa crítica literaria Sete poetas galegos, de 1955; Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía (1959); ou a súa máis extensa obra, Historia da literatura galega contemporánea (1963).

No que respecta á poesía, este foi o xénero co que o autor máis se identificaba. Nela mestura unha morea de estilos, como o modernismo, o neotrobadorismo, o hilozoísmo ou o creacionismo. Entre algúns dos seus poemarios máis importantes están Vieiros (1931), que supón a súa primeira publicación; Futuro condicional (1961-1980) (1982); Cantigas de amigo e outros poemas (1980-1985) (1986); ou Reticências (1986-1989) (1990).

No xénero da narrativa cabe sinalar tamén algúns títulos, como A xente da Barreira (1951); Aos amores serodios (1979); ou Scórpio (1987).

Xa para rematar, entre as súas obras teatrais pódense remarcar A farsa das zocas (1963) ou A sombra de Orfeo (1971).

Bibliografía:

Imaxes: