Begoña Caamaño Rascado

1.Begoña Caamaño

Begoña Caamaño naceu na cidade de Vigo o 14 de outubro de 1964 como segunda de catro irmáns e faleceu en Santiago de Compostela o 27 de outubro de 2014 aos 50 anos.

Foi unha periodista, feminista, activista política e escritora galega.

Nome completo: Begoña Caamaño Rascado

Datas: 1964-2014

Lugares: Vigo, Pontevedra-Santiago de Compostela

Campo de actividade: Xornalismo; Literatura; Feminismo; Sindicalismo

Grupo asociado: Asociación de Mulleres Galegas na Comunicación (MUGACOM)

Ocupación: Xornalistas; Escritoras 

Lingua: Galego

Os seus primeiros anos laborais colaborou cos informativos locais da súa cidade natal en Radio do Noroeste (1986) e Radio Popular (Cadena COPE) entre o ano 1988 e 1989. Tamén foi corresponsal en Vigo da Agencia de Noticias de Galicia e do diario El Sol (Madrid). Colaborou en A Nosa Terra, Tempos e Novas da Galiza. A partir de 1989 traballou na delegación de Vigo da Radio Galega onde iniciou o programa Trecolas xunto con Rosa Martínez. Tres anos despois, en 1992, chegou á redacción central en Santiago de Compostela. Aquí comezou como redactora de informativos do Diario Cultural ata que dirixiu e presentou Andando a Terra, Club Cultural e Expresso de Media Noite. 

Foi membro do comité de empresa de Radio Galega e presidiu o Comité Interempresas da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), posto que aproveitou para denunciar as manipulacións levadas a cabo nos medios de comunicación públicos, sobre todo no tratamento dos temas relacionados co Prestige.

Tamén colaborou con diversas revistas feministas e antimilitaristas de publicación galega como son Festa da Palabra Silenciada, DeLiberadamente, A Sega e Ar.

As súas actividades sindicais foron moi importantes na súa vida e comezaron en 1987 participando como relatora no I Congreso do Sindicato de Información de Galicia. Foi unha das promotoras da Asociación de Mulleres Galegas na Comunicación (MUGACOM) que defendía a igualdade laboral e abordar a imaxe da muller na comunicación. Interveu en numerosas manifestacións en contra da violencia de xénero, en favor do antimilitarismo e sobre a catástrofe do Prestige. Formou parte da Marcha Mundial das Mulleres e de Mulheres Nacionalistas Galegas. Sdemais, participou na campaña do BNG Dou a cara en defensa da sanidade e educación públicas.

Pese a unha vida laboral e política tan activa, Begoña atopou tempo para escribir diversas obras en galego entre as que destacan dúas, Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012). Esta última acadou premios como o da Crítica de narrativa gallega, o Antón Losada Diéguez, o premio Ánxel Casal e o da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Estes libros tiñan unha gran carga ideolóxica en temas como a igualdade. Coa morte prematura a causa dun cancro de páncreas deixou dous libros inacabados: unha terceira novela cunha muller como protagonista, Sherezade, e outra sobre a vida da súa bisavoa.

O día da súa morte organizouse un acto civil multitudinario na capela de Boisaca para a súa despedida, onde acudiron familiares e amigas e amigos de toda Galicia.

En xaneiro de 2019, o Concello nomeouna filla adoptiva da cidade e deulle o seu nome ao parque situado detrás dos xulgados do barrio de Fontiñas.

Bibliografía:

Imaxes: