Fermín Bouza-Brey

1.F. Bouza-Brey

Fermín Brouza-Brey (Ponteareas, 31 de marzo de 1901 - Santiago de Compostela, 11 de xuño de 1973) foi un historiador, investigador, etnógrafo e poeta.

Colaborou nos órganos e institucións creadas no período fértil da cultura galega, como a revista Nós, o Seminario de Estudos Galegos ou a Colección LAR, dos que sufríu a desaparición de todos eles.

Coa súa obra Nao senlleira iniciou a corrente neotrobadoresta da literatura galega. Ademais, realizou numerosos estudos de investigación, especialmente sobre arqueoloxía e etnografía. 

Nome completo: Fermín Bouza Brey

Datas: 1901-1973

Lugares: Ponteareas, Pontevedra-Santiago de Compostela

Campo de actividade: Etnografía; Historia; Literatura

Grupo asociado: Seminario de Estudos Galegos; Real Academia Galega

Ocupación: Polígrafos; Escritores; Historiadores; Etnógrafos; Poetas

Lingua: Galego

Biografía

Fermín Bouza-Brey Trillo naceu en Ponteareas o 31 de marzo de 1901 onde residía a familia da súa nai. A súa estadía infantil en Ponteareas foi moi curta, pois axiña foi levado para Vilagarcía de Arousa, terra natal do seu pai e onde residía a familia e alí trascorreu a súa infancia.

Fermín Bouza Brey era membro dunha familia pertencente á pequena burguesía vilega, -propietaria dunha droguería- e fillo de Luís Bouza Trillo (1869- 1941), que compaxinou o seu labor de comercial co desempeño de cargos públicos, a dirección de xornais e semanarios de ámbito local e as inclinacións literarias que o levaron a publicar diversas novelas e poesías en castelán, e escasamente en galego, algunhas premiadas en certames literarios. Ademais, tamén lle gustaban a Numismática e a Arqueoloxía, ciencias nas que instruiu ao seu fillo, xunto con actividades culturais e artísticas. Neste ambiente Fermín Bouza-Brey coñeceu a Ramón del Valle Inclán e a Ramón Cabanillas. 

- Formación académica

Aos 10 anos, en 1911 trasladouse a Pontevedra para cursar o bacharelato no Instituto desa cidade e alí, aos quince anos, estaba tan interesado no mundo da cultura que xa lera a Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Antonio López Ferreiro, Shakespeare ou Benito Pérez Galdós. En 1917 foi a Ourense para cursar no seu Instituto o último ano de Bacharelato. Alí coñeceu a Eduardo Blanco Amor e a Antón Losada Diéguez. 

En 1918, iniciou os seus estudos universitarios na Facultade de Filosofía e Letras en Santiago de Compostela, na sección de Historia, mais abandou a carreira ao ano seguinte para matricularse en Dereito, obtendo a licenciatura no ano 1924 recibindo o Premio Extraordinario de Fin de Carreira e continuando os estudos de Historia, nos que se licenciou no ano 1931. 

En Compostela, integrouse perfectamente na vida universitaria e implicouse nas actividades académicas, culturais e artísticas da época, onde tomou contacto con figuras senlleiras do galeguismo que o entregaron á causa do idioma galego e da revitalización cultural e social de Galicia, así como con grandes intelectuais como o catedrático de Lingua e Literatura Españolas Armando Cotarelo Valledor, do que recibiu o interese por coñecer Galicia en toda a súa dimensión. Baixo a tutela deste mestre, comezou a publicar e participar na revista Ultreya dende 1919 na que figuraba na portada entre os redactores e colaboradores dende o número dez e na que publicou en 1920 Cancioneiro Popular, unha pequena colección de cantigas do pobo recollidas por Bouza-Brey nas feiras da compostelá carballeira de Santa Susana. 

No ano 1922 foi nomeado secretario da Asociación Oficial de Estudantes de Dereito da Universidade de Santiago. 

O 12 de outubro de 1923, sendo estudante universitario, participou, xunto con outros compañeiros, na fundación do Seminario de Estudos Galegos (SEG), unha institución científico-cultural que tiña como finalidade a formación de investigadores e o estudo científico de Galicia en tódolos aspectos da súa realidade. No SEG, formou parte das seccións de Historia da Arte, Artes e Letras, Etnografía e Folclore, Prehistoria e Historia da Literatura ata a súa disolución en 1936. 

Rematada a carreira de Dereito, Bouza-Brey comezou en 1925 a preparar as oposicións a xuíz e, por iso, tivo que trasladarse a Madrid, onde preparou o ingreso na carreira xudicial. Durante a súa estadía en Madrid, asistíu a exposicións, tertulias e conferencias que o puxeron en contacto coas últimas tendencias artísticas; ía ao teatro frecuentaba a Valle Inclán e Antonio Machado e pasaba longas horas na Real Academia de la Lengua.

- Carreira profesional

No ano 1927 encamiñou a súa carreira profesional gañando as oposicións a Xuíz de Primeira Instancia e en 1929 obtivo o seu primeiro destino como xuíz en Vielha, no Val d´Arán, onde realizou diversos estudos sobre o folclore aranés. Un ano máis tarde conseguiu o traslado para A Estrada, posto que exerceu durante catorce anos e onde se relacionou con Antonio Fraguas, que daquela era profesor no instituto desa localidade. Simultaneamente, continuou o seu traballo no Seminario de Estudos Galegos e na revista Nós e ao mesmo tempo, Bouza-Brey, adicouse á produción literaria, concretamente no terreo da poesía. 

No ano 1931 recibiu, xunto con Florentino Cuevillas, unha axuda do Centro de Estudos Históricos de Portugal desenvolvendo traballos de investigación etnográficos en Francia e Portugal. 

No ano 1933 casou na Estrada con Emilia Álvarez Álvarez, estudante de Farmacia en Compostela e nese mesmo ano, regresou a Francia pensionado pola Universidade de Santiago. 

En 1934 é nomeado secretario xeral da Comisión Directora do Seminario de Estudos Galegos.

Co estalido da Guerra Civil no ano 1936, trala sublevación militar do 18 de xullo, puido salvarlle a vida a varias persoas na Estrada, pois ordeou o seu arresto para protexelos na cadea. Porén, foi denunciado e os falanxistas apartárono do seu posto ao ser acusado de masón, galeguista e desafecto ao réxime sublevado. Ademais, o seu pai foi multado e o seu irmán Luís, estivo preso na Illa de San Simón. Así pois, a morte persoal dos seus amigos, o espolio salvaxe do Seminario de Estudos Galegos, véndose interrompido o seu meritorio labor durante tantos anos; a súa persecución e o medo persoal á guerra foron os causantes dun estado anímico depresivo e da sucesión de enfermidades varias. 

No ano 1938, viaxou a Burgos para conseguir a súa rehabilitación como xuíz. Foi rehabilitado ao ano seguinte como xuíz militar en Lleida. Sen perder os seus principios e tentando ser neutral no seu traballo, volveu recuperar a súa praza de xuíz na Estrada. 

Nos primeiros anos da década de 1940 compaxinou o seu traballo de investigador de estudos antropolóxicos e docente na facultade compostelá de Dereito, co cultivo da poesía, convertíndose nun intelectual de prestixio.

No ano 1942 foi destinado como xuíz a Compostela, onde viviu na rúa do Vilar e abriu un despacho de avogado. Ademais, dirixiu exploracións arqueolóxicas, publicou traballos de lexislatura e reuníase no café con Otero Pedrayo. 

No ano 1944 participou na creación do Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento”. 

En 1946, Bouza-Brey ascendeu a maxistrado. Porén, en 1948 comezaron os seus conflitos profesionais e foi trasladado a Lleida e a Oviedo, como maxistrado da Audiencia Territorial. A persecución sobre el continuou, dado que era un profesor recoñecido da Universidade de Santiago de Compostela, impulsor das investigacións prehistóricas e o seu labor como funcionario público viuse constantemente dificultado polo réxime franquista. 

En 1951 pronunciou no Centro Galego de Bos Aires unha conferencia de marcado ton nacionalista, o que probablemente determinou as causas da depuración e o seu cesamento ao ano seguinte, cando ocupaba o cargo de maxistrado da Audiencia Territorial de Oviedo, sendo cesado sen remisión no seu exercicio profesional na carreira xudicial. Deste xeito, a partir de 1956 dedicouse ao exercicio en privado da avogacía en Compostela. 

Na década de 1950, desenvolveu unha intensa actividade cultural publicando diversos ensaios, promulgando conferencias, publicando artigos en xornais ou realizando escavacións, estando moito máis centrado no campo da erudición literaria e a investigación histórica que no da creación literaria. 

No ano 1958 participou como convidado, no Congreso en Homenaxe ao Dr. Leite de Vasconcelos que se celebrou en Portugal. 

A partir do ano 1967, dirixiu a sección de Prehistoria, Antropoloxía e Arqueoloxía do Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento” que experimentou un gran impulso, adoutrinando a un grupo de estudantes universitarios interesados pola investigación do pasado de Galicia. 

No ano 1968 foi becado pola Fundación Barrié para traballar sobre Rosalía. 

A partir de 1971 participou intensamente nas campañas arquolóxicas levadas a cabo pola Sección de Prehistoria e Arqueoloxía do Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento”. 

Finalmente, no ano 1973, despois de realizar unha ansiada viaxe a Roma, finou en Santiago de Compostela o 11 de xuño, na cidade onde pasou a maior parte da súa vida. 

Obra

En 1919 publicou o seu primeiro artigo, Teatro de antaño en Santiago.

O seu primeiro poema, Romance dos vinte anos, asinouno en 1921, . 

A partir do ano 1922 comezou a colaborar coa revista Nós, publicando infinidade de poemas e traballos de arqueoloxía, etnografía e literatura, ata a súa desaparición no ano 1936, trala sublevación militar do 18 de xullo e o comezo da Guerra Civil (1936-1939) 

No ano 1923 comezou a escribir por primeira vez en galego con Os estudantes do arcebispo

Na década de 1920, as páxinas dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, do Boletín da Real Academia Galega, da revista Nós e do xornal A Nosa Terra recolleron o resultado dos seus descubrimentos como investigador literario, prehistoriador, arqueólogo, numismático, lexicólogo, epigrafista, etnólogo e paremiólogo. Ademais, tamén participou no proxecto editorial de Ánxel Casal e Leandro Carré Alvarellos para achegar con regularidade ao público as obras dos narradores galegos e na Colección Lar de novela curta, publicou en 1925 Cabalgadas en Salnés, un relato breve de aventuras ambientado nas terras arousás. 

En 1933 publicou Nao senlleira, primeiro poemario do denominado neotrobadorismo, unha liña que recuperou certas características da lírica medieval dende a perspectiva vangardista imperante no momento e que foi seguida por Álvaro Cunqueiro ou Xosé María Álvarez Blázquez. 

No ano 1942 ingresou na Real Academia da Historia e continuou o seu labor historiográfico dende o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. 

En 1955 publicou en Braga o poemario Seitura que supuxo o abandono radical do neotrobadorismo, pois nel intégranse poemas procedentes de moi diversas cronoloxías, algúns anteriores á guerra civil, que ofrecen unha visión completa da súa madureza como home e  poeta. 

Nos seus últimos anos, adicouse á investigación literaria, arqueolóxica e etnográfica, sobresaíndo os seus numerosos estudos sobre a vida de Rosalía de Castro, converténdose nun dos mellores coñecedores da súa figura. De feito, realizou colaboracións nos Cadernos de Estudos Galegos, onde realizou unha importante aportación á bibliografía rosaliana e no ano 1963 publicou unha edición crítica dos Cantares Gallegos, con motivo do seu centenario. 

Ademais da súa obra literaria, foi investigador de etnografía, epigrafía, arte, folclore, arqueoloxía, heráldica, historia. A Biblioteca Universitaria de Santiago ten catalogados máis de 440 títulos seus. 

Galardóns 

En 1927 recibiu o primeiro premio e flor natural nos Xogos Florais de Ourense. 

O 27 de xullo de 1941 foi elixido Académico de Número da Real Academia Galega da man da proposta de Federico Maciñeira y Pardo de Lama, Manuel Casás Fernández e Ángel del Castillo López. Este día, celebrouse no Paraninfo da Universidade de Santiago o acto de ingreso de dezanove académicos. Fermín Brouza-Brey deu lectura do seu discurso La mitología del agua en el noroeste hispánico en nome de tódolos recipiendarios. 

En 1945 obtivo a Flor Natural nos Xogos Florais de Compostela coa composición “Loores ao Señor Sant-Yago”

No ano 1948, recibiu a condecoración da Gran Cruz de San Raimundo Peñafort, polo seu éxito profesional e tamén gañou a Flor Natural no Certame das Festas da Celestial Patroa de Pontevedra coa peza titulada Gozos â Diviña Peleriña 

En 1992 adicóuselle o Día das Letras Galegas.  

Bibliografía: