Berenguel de Landoria, arcebispo de Santiago

1.Berenguel

Berenguel de Landoria (1262-1330), tamén coñecido como Bérenger de Landore, foi un arcebispo da Sé de Santiago de Compostela entre os anos 1317 e 1330.

De orixe francés e fillo dos condes de Rodez (Occitania), foi unha figura de capital importancia para a recuperación do poder do señorío de Santiago por parte da Igrexa nun período convulso e de gran conflictividade e crise social. Sucedeuno na dignidade de arcebispo de Santiago Juan II de Fernández de Lima.

Nome completo: Berenguel de Landoria

Datas: 1262-1330

Lugares: Francia, Santiago de Compostela

Campo de actividade: Relixión

Grupo asociado: Igrexa católica

Ocupación: Bispos

Lingua: Latín

Da actividade cultural e administrativa como membro da comunidade dominica previa á súa prelatura en Santiago de Compostela (1317-1330) non se teñen cuantiosas referencias, senón mencións e alusións ao seu cargo eclesiástico e relevancia puntual en acontecementos históricos, sempre en relación coa Orde Dominicana ou o Papado. Berenguel de Landoria pertenceu á Orde de Predicadores, da que -a partir de maio do 1282 segundo os Gesta Berengarii de Landoria archiepiscopi Compostellani- chegou a ser Mestre Xeral no período de 1312-1317. Ademáis, o seu labor dentro da orde mendicante levouno a ser Prior Provincial da Provincia de Tolosa entre os anos 1306-1308 e 1310-1312; e Vicario Xeral da Orde de Predicadores nos anos 1311-1312. 

A formación intelectual de Berenguel de Landoria está documentada pola historiografía dominicana. Os Gesta recollen a traxectoria de aprendizaxe do eclesiástico de forma específica dende un punto de vista cronolóxico1:


As súas litterae encyclicae realizadas para a Orde de Predicadores fan referencia ao seu labor administrativo en capítulos xerais, como son os de Carcasona en 1312, Metz en 1313, Londres en 1314, Bolonia en 1315, Montpellier en 1316, e Pamplona e Lyon en 1317 e 1318. "A súa vontade de reforma maniféstase tamén nas varias ordenationes promulgadas para restablecer a disciplina dos mosteiros femininos da Orde, e sobre todo para dar á labor misioneira un novo empuxe cunha reorganización da famosa Societas peregrinantium propter Christium, que se coidaba principalmente das misións de Oriente2". 

Dada a súa boa relación cos pontífices Juan XXII e Clemente V, participou a favor da súa política dentro da Sé de Aviñón, no seo do conxunto dos xuíces de espitiruais franciscanos e teólogos que perfilaban os principios da ortodoxia da Orde dos Frailes Menores; así como nas legacións políticas que o Papado mantiña coa Corte de Borgoña á altura de 1317. Esta afinidade, especialmente con Juan XXII, sen dúbida obsequiou ao eclesiástico cunha futura prelatura na respectada Sé compostelá.


Contexto histórico

Berenguel de Landoria accede ao cargo de arcebispo da Sé compostelá en plena crise baixomedieval: o estancamento e a recesión económica do sistema feudal vense alimentados pola dinámica de loita comunal entre os estamentos de maior relevancia neste contexto, a burguesía e a nobreza eclesiástica. Trala prolongada expansión socioeconómica que caracterizou aos séculos XII e XIII, o século XIV estivo marcado por unha inestabilidade que xira en torno a tres principios fundamentalmente. No período anterior, os factores que propiciaban a economía e dinámica de subsistencia do campesiñado eran a absorción da pequena propiedade e explotación deste; no século XIV, as causas foron de índole social.

En primeiro lugar, experimentouse un descenso demográfico que se traduciu nun notábel aumento da mortalidade, fame xeneralizada e aparición de núcleos de despoboación. Neste momento, os censos de poboación aínda no son modernos, mais si permiten obervar certas xeneralidades. 

Ligado con isto está o segundo factor: unha crise agrícola. Dende fins do século XIII chegan as primeiras manifestacións da crise, aparecen tasas de mortandade maiores consecuencia dos deficientes rendementos agrícolas, axudadas polas irregularidades do clima. Coa crise desaparece a escaseza de terras. A resposta do campesiñado foi unha reordenación dos cultivos facendo que as terras marxinais cultivadas pola presión demográfica se abandonasen e se cultivasen as mellores terras. O maior problema foi para os señores destas terras, pois a man de obra viuse obrigada a emigrar cara ás urbes (efecto do vacío demográfico), polo que rebaixaron as rendas e aumentaron contratos a longo prazo nun intento de manter a súa propia economía. 

O terceiro factor foi a chegada da Peste Negra a Galicia, posíbelmente polo porto de Baiona en xullo do 1348; a comezos do 1349 extendeuse cara ao interior. Existen evidencias da súa incidencia en Santiago a través da referencia á "mortaldade" en documentos de carácter administrativo, como é o caso estudado por Pérez Rodríguez3 no que realiza un cabido cando se propón xustificar o despoboamento dalgunhas propiedades e conseguinte descenso das rendas urbanas á altura do 1350. Dende o punto de vista da realidade económica e social das urbes, a crise traduciuse nun maior asentamento neste século. Ademais, tamén afectou significativamente a guerra civil entre Pedro I e Enrique de Trastámara.

Dende o punto de vista da situación sociopolítica de Compostela, durante o século XIV e a próxima centuria, o ambiente xeral de tensións e conflictos característico do século anterior tamén estará presente nos tempos de Berenguel de Landoria, quen será protagonista dun episodio de sublevación conta a súa autoridade. Desta conxuntura ofrecen coñecemento certas fontes escritas, como son os Gesta Berengarii de Landoria archiepiscopi Compostellani (primeira parte do s. XIV); e as declaracións das testemuñas do preito Tabera-Fonseca, fonte fundamental para o coñecemento da Sé compostelá entre os séculos XIV e XV, que ademais aportan referencias á revolta irmandiña e outros conflitos acaecidos neste período. Eran pois tempos de inestabilidade política e social, cun cabido dividido e unha burguesía que buscaba a protección real fronte ao dominio da Igrexa. 


Berenguel de Landoria para a Sé de Compostela: elección e establecemento

O 5 de xullo de 1317 consumouse a elección de Berenguel de Landoria para a Sé de Santiago de Compostela, mais non será ata maio de 1318 cando se produza a consagración do seu cargo como arcebispo. A súa selección estivo claramente influenciada polos desexos de Juan XXII; "dun teólogo e home de goberno pertencente á Orde Dominica que o Pontífice prefería ostentosamente, podía esperar competencia doutrinal, clarividencia reitora nunha situación eclesiástica extremadamente conflictiva, como era a castelá, e en especial, a galega, sagacidade no trato cos bandos políticos imperantes, e sobre todo fidelidade a toda proba no que semellaba preocupar máis ao pontífice cahorsino que era a xestión fiscal que os papas aviñonenses non conseguían afianzar en terras hispanas4". Dada a situación de conflitividade polo señorío da cidade de Santiago, Berenguel de Landoria comezou dende a súa elección como novo prelado a coñecer a realidade á que se enfrontaba; especialmente mantendo relacións cos representantes da Coroa, como María de Molina (avoa do rei) e cos tutores do monarca, os infantes Pedro e Juan. "Conseguiu dos tutores as pertinentes cartas de privilexio que permitiran anular as conseguidas pouco antes polos burgueses e restablecer a vixencia das disposicións de Fernando IV5". 

En 1318 Berenguel de Landoria, como novo arcebispo da Sé de Compostela, chega a Melide ao encontro do Infante e o Adelantado. O eclesiástico atopouse entón cunha sublevación veciñal; por iso, o Infante e o Adelantado propuxéronlle unha mediación cos veciños pola que lle entregan os castelos, pero non a cidade de Santiago. 

En Compostela, a burguesía posicionouse en contra do novo arcebispo, que contaba co apoio do Infante Felipe e casas nobres galegas como Afonso Suárez de Deza; por outra banda, o rei Afonso XI de Castela apoiou a súa liñaxe en Galicia ao tempo que se afianzou a fidelidade da poboación de maior influencia do noreste peninsular. Isto provocou que, á chegada de Berenguel de Landoria a Santiago, a poboación organizada nun Concejo revolucionario que reclamaba o señorío real nas Cortes de Carrión, lle pechase as portas da cidade. A seguinte acción dos veciños foi queimar o Palacio do Arcebispo e casas de partidarios seus, namentras o prelado se atopaba oficiando unha misa en Pontevedra o día da Purificación da Virxe. Despois destes acontecementos, Berenguel de Landoria reuniu hostes no monte da Almáciga e refuxiouse no convento de San Domingos. Tras unha ofensiva da veciñanza, o prelado bloqueou a cidade. Berenguel chegou a acceder á catedral, mais os veciños retivérono alí; breve tempo despois este partiu a Noia sen apoios por parte da Coroa. 

O 16 de setembro de 1320 o arcebispo convocou a todas as partes da disputa no castelo da Rocha Forte; unha vez que todos eles estiveron presentes na fortaleza, o prelado ordeou asasinar a uns e encadear a outros. A desaparición destas persoas supuxo para a Igrexa compostelá a recuperación do poder señorial, que ata este momento se atopaba nunha situación de paulatino decrecemento. Para consolidar o acordo coa monarquía, en clara vantaxe para o episcopado santiagués, asinou un documento de paz na igrexa de Santa Susana o 27 de setembro dese mesmo ano. Conta Vicente Risco que segundo a tradición "Don Berenguel condeou á forca a un dos xefes rebeldes, o famoso Juan Tuorum, o Home Santo de Bonaval, a quen un milagre da Virxe, que o fixo morrer no camiño, librou da vergoña de ser aforcado6".


Actividade episcopal

Para a realización das súas funcións como arcebispo, Berenguel de Landoria puxo en práctica unha política aviñonense. Trouxo de Aviñón outros freires e clérigos ocupando cargos no cabido e privilexios como poder predicar na catedral en festas destacadas como Corpus Christi ou Venres Santo. Algúns deles foron Bernardo Carreira, Hugo de Vizim, Aymerico de Anteiac e Beltrán Rousinol. Con isto completouse a estrutura eclesiástica compotelá durante a súa prelatura. Concretamente, a dignidade de tesoureiro foille outorgada a Aymerico de Anteiac, cuxo traballo destacou por un labor de recopilación de privilexios e escrituras; para a copia dos documentos nos novos tumbos reorganizou o compilado con anterioridade en base á temática do material coetáneo deste tempo. Desta tarefa xorderon catro novas pezas: os Tumbos B e C; o Tumbo das Constitucións do cabido compostelán; e os Gesta Berengarii de Landoria archiepiscopi Compostellani. "O seu pontificado coincide cunha clara mellora do latín utilizado nos documentos eclesiásticos -a súa crónica está redactada nun correcto latín- pero os seus documentos de tipo señorial seguen mantendo o galego como lingua prioritaria7". 

No eido fiscal, en 1323 levou a cabo a tarefa de dar conta á Cámara pontificia dos espolios acometidos por parte do póstumo obispo de Tui Juan Fernández de Sotomayor; un litixio no que non faltaron reticencias por parte da familia fidalga á que pertencera o clérigo en aras de reivindicar os seus intereses. Don Berenguel foi autorizado pola Sé de Aviñón a facer uso da censura e levar a cabo negociacións para que a Cámara puidese facerse con parte da súa herdanza. Na mesma dinámica, Mondoñedo tamén foi fonte de problemas para o arcebispo. Berenguel de Landoria contaba co apoio incondicional do Papa, quen "recorría por procedemento delegatorio normal aos obispos, e principalmente ao metropolitano de Braga, a quenes urxía o exercicio pleno da súa autoridade en favor dos intereses fiscais do pontificado8".

No eido político aviñonense, participou a través da colaboración económica coas campañas pontificias contra os Visconti de Milán e o emperador Luís IV de Baviera. O arcebispo dispuxo de bulas de excomunión e as chamadas a cruzada contra os rebeldes; así como animou o subsidio nas igrexas de Castela. Tamén acostumaba a agasallar ao Papa Juan XXII, ben con ouro ou, por exemplo, con cabalos como fixo en 1324. 

O historiador López Ferreiro destacou certos logros por parte da administración de Berenguel de Landoria, sen dúbida de manifesta trascendencia histórica9 :

Foi o seu labor codificador e sinodal o que lle fixo pasar á historia desta cidade como unha personaxe eclesiástica respectada. Celebrou catro sínodos e adicouse a establecer unha curtida regulación canónica sobre a vida clerical e práctica beneficial. Entre as premisas do articulado sinodal cabe mencionar a condena aos matrimonios clandestinos e concubinato por parte do clero e aos abusos dos predicadores e cuestores de indulxencias; así como a obrigatoriedade de celebracións sinodais, a administración do viático aos moribundos, e a execución de penas canónicas e obediencia por parte do clero á normativa eclesiástica. 

Sen embargo, o episcopado de Berenguel de Landoria estivo marcado pola conflictividade coas casas nobiliarias, como os Andrade e os Ulloa; da burguesía e de boa parte do campesiñado. 


1AA.VV., Hechos de Don Berenguel de Landoria, Arzobispo de Santiago. Introducción, edición crítica y traducción, Santiago de Compostela, Univerdidade de Santiago de Compostela 1983, p. 7

2AA.VV., Hechos de Don Berenguel de Landoria, Arzobispo de Santiago. Introducción, edición crítica y traducción, Santiago de Compostela, Univerdidade de Santiago de Compostela 1983, p. 8

3PÉREZ RODRÍGUEZ, Francisco Javier., El Dominio del Cabildo Catedral de Santiago de Compostela en la Edad Media (Siglos XII-XIV), Santiago de Compostela, Andavira Editora 1994

4AA.VV., Hechos de Don Berenguel de Landoria, Arzobispo de Santiago. Introducción, edición crítica y traducción, Santiago de Compostela, Univerdidade de Santiago de Compostela 1983, p. 9

5PALLARES, Mª Carmen e PORTELA, Ermelindo, “Reyes, obispos y burgueses” en PORTELA SILVA, Ermelindo (coord.), Historia de la ciudad de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela, USC 2003, p. 161

6MARTÍNEZ RISCO E AGÜERO, Vicente, Historia de Galicia, Santiago de Compostela, Editorial Galaxia 1978, p. 167

7PALLARES, Mª Carmen e PORTELA, Ermelindo, “Reyes, obispos y burgueses” en PORTELA SILVA, Ermelindo (coord.), Historia de la ciudad de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela, USC 2003, p. 220

8AA.VV., Hechos de Don Berenguel de Landoria, Arzobispo de Santiago. Introducción, edición crítica y traducción, Santiago de Compostela, Univerdidade de Santiago de Compostela 1983, p. 22

9AA.VV., Hechos de Don Berenguel de Landoria, Arzobispo de Santiago. Introducción, edición crítica y traducción, Santiago de Compostela, Univerdidade de Santiago de Compostela 1983, pp. 24-25

2.Berenguela
3.Berenguela

Bibliografía:

Imaxes: