Xosé Manuel Beiras

1.X.M. Beiras

Xosé Manuel Hixinio Beiras Torrado (Santiago de Compostela, 1936), máis coñecido como Xosé Manuel Beiras, ou Beiras, é un político e economista, catedrático de Estrutura Económica e dirixente histórico do nacionalimo galego.

Na actualidade, é o portavoz nacional de Anova-Irmandade Nacionalista. Como líder da coalición Alternativa Galega de Esquerdas, acadou un grupo parlamentario propio no Parlamento galego despois de dúas décadas nas que tan só dous ou tres partidos formaron parte do mesmo. 

Nome completo: Xosé Manuel Hixinio Beiras Torrado

Datas: 1936

Lugares: Santiago de Compostela

Campo de actividade: Política; Economía; Ensino

Grupo asociado: Universidade de Santiago de Compostela; Bloque Nacionalista Galego; Anova

Ocupación: Políticos; Economistas; Profesores; Escritores

Lingua: Galego

Twitter: https://twitter.com/xmbeiras 

Biografía

Xosé Manuel Beiras naceu en Santiago de Compostela o 7 de abril de 1936. É fillo de Manuel Beiras, militante do Partigo Galeguista dende a súa fundación e concelleiro de Santiago nas primeiras eleccións democráticas e de Herminia Torrado Moles, pianista. 

- Formación académica e actividade docente

No ano 1957 licenciouse en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela e trasladouse a París, onde se matriculou na Facultade de Dereito e Ciencias Económicas da Sorbona e tamén en Lingua e Literatura Francesa na universidade da Sorbona en 1960. Durante este tempo, tamén impartiu na Facultade de Dereito en Santiago de Compostela un curso de Economía Política, no ano 1958. En 1961, trasladouse á London School of Economics, é dicir, a Escola de Economía de Londres para profundizar os seus coñecementos na área das Ciencias Económicas. A partir do ano 1960, comezou a estudar en Madrid co profesor Prados Arrarte, axudándolle na asignatura de Economía Política na Facultade de Dereito ata o ano 1963. Foi en Madrid onde comezou a escribir a súa tese doutoral Estrutura e problemas da poboación galega, onde realizou unha análise completa sobre a demografía galega entre 1900 e 1960 e pola que recibiu o premio extraordinadio do doutorado, o que conlevou a súa publicación no ano 1970. No curso 1964 e 1965 residiu en Inglaterra, onde realizou estudos na London School of Economis. 

Ao ano seguinte, regresou por un breve período a Galicia, onde foi profesor encargado de Economía Política na Facultade de Dereito de Santiago, entre 1965 e 1966. No ano 1966/67 obtivo unha bolsa de estudos da Fundación March a través da que seguiu un curso de investigación avanzada con François Perrou no Institut de Science Economique Aplliquée de París (ISEA). Despois desta etapa trasladouse definitivamente a Galicia, dedicándose á súa actividade como docente, que xa comezara dende o ano 1958 nas universidades de Santiago e de Madrid. Deste xeito, dende 1968 foi profesor encargado de Estrutura e Institucións Económicas na Facultade de Ciencias Económicas de Santiago. Dous anos despois, en 1970 conseguiu por oposición a cátedra de Estrutura Económica da mesma Facultade, na que foi decano en funcións durante as revoltas estudiantís e obreiras de 1972, avalando aos estudantes detidos. Volveu ocupar por elección entre febreiro de 1983 e xaneiro de 1984 

No ano 1963 fíxose cargo da subdireción da Revista de Economía de Galicia, deixando o cargo no ano 1968.

No ano 1967 recibiu o Premio da Casa Galicia de Nova York polo seu libro O problema do desenvolvemento na Galicia rural. 

No ano 1977 encargouse da dirección dunha investigación sobre o proceso de modernización da agricultura galega, patrocinada pola Fundación Barrié e a Universidade de Montpellier. 

- Actividade política

No ano 1963 foi membro fundador do Partido Socialista Galego (PSG) na clandestinidade e dende aquela tamén foi membro da súa executiva, polo que asumiu o cargo de relacións internacionais do Partido, entre 1964 e 1970 e foi secretario xeneral do partido entre 1971 e 1977, ano no que abandounou a formación tras catorce anos de militancia. 

Durante estes anos, tamén estivo en contacto con outras formacións socialistas europeas, así como co Movement Socialista de Catalunya 

No ano 1969 foi poñente na elaboración do histórico Documento conxunto Partido Socialista Galego -Unión do Povo Galego así como no segundo documento de principios ideolóxicos e programáticos no ano 1971 e tamén na elaboración das Bases Constitucionais para a participación da nación galega nun pacto federal (1976). Ademais, representou ao PSG na Conferencia Socialista Ibérica en 1974 e na Federación de Partidos Socialistas do Estado Español (FPS) en 1976. Do mesmo xeito, tamén participou na fundación do Sindicato Obreiro Galego (SOG) e presentouse como cabeza de lista pola provincia da Coruña ás primeiras eleccións lexislativas da transción, no ano 1977, sen lograr ningún escano. 

- Traxectoria no BNG

Dende a primavera de 1982 participou activamente no proceso de constitución do Bloque Nacionalista Galego (BNG) sendo membro do Consello Nacional e da Comisión Permanente. No ano 1985 encabezou a candidatura do BNG pola Coruña nas segundas eleccións autonómicas galegas, celebradas o 24 de novembro e nas que obtivo un escano, o único do partido. Do mesmo xeito, volveuse presentar aos comicios autonómicos do 17 de decembro de 1989 renovando a súa acta como deputado e nas que o BNG obtivo cinco escanos, de modo que Xosé Manuel Beiras convertiuse no portavoz do seu grupo parlamentario. Durante esta lexislatura foi moi crítico coa política desenvolvida en Galicia por Manuel Fraga Iribarne, o Presidente da Xunta de Galicia, convertíndose na cabeza visible do nacionalismo galego e intentando promocionar en contadas ocasións unha moción de censura ou un pacto contra o seu goberno. De feito, durante a III lexislatura do Parlamento galego (1989-1993) foi expulsado en varias ocasións da Cámara. Foi un período no que propuxo celebrar un pleno extraordinario sobre incendios forestais, presentou unha iniciativa de declaración de independencia para Galicia e a Constitución. 

Ademais, cabe sinalar os feitos acontecidos no ano 1993 cando acusou a un deputado de Manuel Fraga da adquisición de dereitos das marcas do Xacobeo ´93 e de falsedade nun documento público, prevaricación e malversación de fondos. Asimesmo, amosou o seu desacordo ante a inicativa do Partido Popular de modificar o Reglamento do Parlamento, propinando un zapatazo ao seu escano o 10 de marzo de 1993. Por iso, a súa ofensiva e negativa nos debates custáronlle que fose expulsado do Parlamento o 15 e o 17 de xuño de 1993, ao igual que a sanción dun mes sen dereitos parlamentarios que recurriu o 12 de xullo de 1993 ante o Tribunal Constitucional. 

Nas eleccións do 17 de outubro de 1993, presentouse por terceira vez consecutiva, encabezando as listas como candidato pola Coruña, sendo tamén desta vez candidato á presidencia da Xunta de Galicia. Amais de acadar a renovación da súa acta como deputado, o seu grupo parlamentario pasou a estar formado por 13 deputados. 

En decembro 1995 realizou unha xira de sete días por Arxentina e Uruguai na que se reuniu con representantes dos centros galegos e entrevistouse cos dirixentes políticos e sindicais de ámbolos dous países. Ademais, pronunciou diversas conferencias nas universidades de Montevideo e Belgrano. 

Nas eleccións de 1997 e 2001 volveu presentarse como candidato do BNG pola Coruña e como candidato á presidencia da Xunta de Galicia. 

Porén, no ano 2003 Xosé Manuel Beiras declinou volver presentarse como candidato do BNG para as eleccións do ano 2005 e a Asamblea do partido escolleu como o seu sucesor a Anxo Quintana. Non obstante, Beiras, a partir deste momento asumiu a presidencia da organización política, mais unhas poucas semanas antes da cita electoral, Beiras renunciou á presidencia e a formar parte das listas, dimitindo como portavoz nacional. 

- Crítica ao BNG e fundación de Anova 

Dende o ano 2005, tras renunciar a ser deputado autonómico, permaneceu nun segundo plano na vida política galega, aínda que encabezou unha corrente crítica do BNG ao fronte do Encontro de Irmandiño, que propulsou un enfrontamento co BNG que acadou o momento de máximo apoxeo en febreiro do 2012, cando se produciu unha escisión e o Encontro Irmandiño de Beiras e o 14 de xullo do 2012 fundou un novo partido político, A Nova Irmandade Galega (Anova), convertíndose en portavoz nacional o 4 de agosto. En setembro do 2012 Anova aliouse con Esquerda Unida para facer unha fronte común, Alternativa Galega de Esquerda

Deste modo, Xosé Manuel Beiras volveu ser o protagonista once anos despois como candidato á presidencia da Xunta de Galicia, irrumpindo como terceira forza política no Parlamento galego nas eleccións do 21 de outubro de 2012 e desprazando ao BNG. Na actualidade é o portavoz nacional de Anova Irmandade Nacionalista dende o 2012 e tamén é o portavoz do Grupo de AGE no Parlamento de Galicia. 

Obra

Xosé Manuel Beiras está considerado un dos economistas galegos máis destacados dos últimos tempos, tendo publicado numerosos traballos científicos, así como ensaios literarios e colaborando tamén frecuentemente coa prensa cotiá e nalgunhas revistas. Do mesmo xeito, realizou unha gran actividade como conferenciante tanto en Galicia como en diversas asociacións culturais de emigrantes galegos en todo o mundo. 

Na actualidade, é columnista dominical no xornal Galicia Hoxe e segue colaborando ocasionalmente nas publicacións Grial e A Nosa Terra. 

Publicou numerosas obras como o O problema del desenvolvemento na Galicia rural (1967), Estrutura e problemas da pobación galega (1970) ou O atraso económico da Galiza (1997) que recoñeceron a súa consolidación como analista económico de prestixio. Amais, a súa sólida formación e inquedanzas culturais levárono á promoción das coleccións "Agra Aberta" e "Enquisa", coa colaboración de Xaime Isla Couto e a dirixir a colección "Alén-Nós". Asimesmo, á parte das obras económicas, tamén cabe destacar a publicación de obras de índole nacionalista como: Constitución española e nacionalismo galego: unha visión socialista (1985); A catástrofe do “Prestige” (2003); De nunca máis a máis alá (2007)

- Obras colectivas

Tamén escribíu obras xunto con outros autores, como Patria ou Terra Nai? Ensaios sobre a cuestión nacional (1999), xunto con Antonio Tato Fontaíña e Estrella Tato Fontaíña; A poboación galega no século XX (2000), con Abel López Rodríguez; O Tratado da Constitución Europea. Visións desde Galiza (2005); ou 15-M: O pobo indignado (2011)

- Traducións

Traduciu ao idioma galego de obras de Jean Giradoux, Jean Anouilh, Camus (Lettres á un ami allemand)

Galardóns

No ano 1977 foi nomeado académico numerario da Real Academia Galega (RAG), escano ao que renunciou oito anos despois en protesta pola complicidade da presidencia da RAG á impugnación do goberno español da Lei de Normalización Lingüística do Idioma galego mediante o Tribunal Consitucional que inutilizou a Lei. 

Recibiu o Premio da Casa de Galiza de Nova York pola súa obra O problema del desenvolvemento na Galicia rural (1967)

Bibliografía: