Bassave, Rosa

1.Título da foto

Rosa Bassave (A Coruña, 1953 - Santiago de Compostela, 2012) foi unha bibliotecaria e militante anarquista galega, que desenvolveu a maior parte do seu activismo en Santiago de Compostela.

Nome completo: Rosa Bassave Roibal

Datas: 1953-2012

Lugares: A Coruña - Santiago de Compostela

Campo de actividade: Sindicalismo; Activismo

Grupo asociado: Unión do Povo Galego; Asemblea Nacional-Popular Galega; Bloque Nacional-Popular Galego; Federación Anarco-Comunista Galega; Colectivo Libertário Arco da Vella; Confederación Nacional do Traballo; Mulheres Livres; Consello da Memoria

Ocupación: Bibliotecaria

Lingua: galego

Nada no barrio coruñés da Gaiteira, con dezaoito anos casa co tamén coruñés Alberte de Esteban "o Roxo", co que emigrará a Barcelona, París e Inglaterra, onde traban relación con Miguel García e os nacionalistas galegos. Logo regresan a Compostela, onde estudarán Historia e militarán na UPG e no seu sindicato revolucionario de estudantes. Rosa formou parte das executivas da Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG) e do Bloque Nacional-Popular Galego (BNPG), mais fortes discrepancias políticas fixeron que a parella virara cara ao universo libertario, participando na reconstitución do anarquismo compostelán e galego nos anos 80 e 90: en 1979 créase a Federación Anarco-Comunista Galega e o Colectivo Libertario Arco da Vella; posteriormente participa na refundación da CNT en Compostela (1983), sendo elixida secretaria xeral en 1990 e 2003. Tamén participou no Atenéu Libertário de Compostela (1997) e na asociación Mulheres Livres (1983), así como na radio Kalimero. Ademais, foi a primeira muller en asumir a secretaría xeral da Confederación Rexional Galaica da CNT (2005), á que representou en numerosas ocasións desde a tribuna e como conferenciante. 

En paralelo con todo isto, e concordando co espírito das Jornadas Feministas Estatales realizadas en Granada (1979), Rosa comezará un delongado activismo no movemento feminista crítico coa tutela dos partidos políticos e será moi coñecida pola súa presenza nas accións de rúa do feminismo compostelán na Transición. A súa firme defensa do protagonismo da muller na sociedade ficou explícita en colaboracións nas revistas Arco da Vella (baixo o pseudónimo de María Balteira), Andaina, CNT, Festa da Palabra Silenciada, Marea Negra, A Nosa Terra, Outrasvozes ou A Protesta, pero sobre todo no seu papel como redactora da publicación compostelá @narquista (1998-2004), na que desenvolveu unha ampla temática: desde os alicerces da independencia feminina ata a prostitución, da negación por parte das relixións á inxusta condición da muller do mar.

Por outra parte, desde 1986 Rosa exerceu como directora da Biblioteca da Facultade de Matemáticas da USC, colaborando nalgunhas exposicións bibliográficas do libro galego (1988) e asistindo a eventos como a BiblioArchi organizada na Habana (2005). Tamén colaborou en revistas profesionais de bibliotecas.

Asemade, representou á CNT no Consello da Memoria (2006-2009), órgano asesor da Consellería de Cultura para contribuír á recuperación da memoria histórica da represión da guerra civil e da ditadura franquista.

Após o seu falecemento, unha "comisión de feministas nas rúas" rendeulle homenaxe nun acto celebrado na Biblioteca Concepción Arenal, no que se presentou unha antoloxía dos seus escritos. 

Bibliografía:

Imaxes: