Carlos Barros

1.Carlos Barros

Carlos Barros (Vigo, 1946) é un reputado historiador especializado na Baixa Idade Media galega e a historiografía. A súa militancia no Partido Comunista de Galicia (PCG) acercouno posteriormente ao marxismo académico e ao materialismo histórico. 

A pesares de terse iniciado tardíamente en Historia (conseguindo a Licenciatura con 40 anos), a súa produción historiográfica é hoxe tan extensa coma relevante, xa non só no panorama galego, senón nun plano internacional.

Nome completo: Carlos Barros Guimeráns

Datas: 1946 -

Lugares: Vigo

Campo de actividade: Historia; Política.

Grupo asociado: Xeración do 68; Universidade de Santiago de Compostela; Red Académica Internacional Historia a Debate.

Ocupación: Historiadores.

Lingua: Galego; Castelán.

Páxina web: https://cbarros.com/

Biografía:

Nado na parroquia de San Martiño de Coia, Carlos Barros viviu durante toda a súa infancia e adolescencia na cidade de Vigo cando esta comezaba a desenvolver unha forte actividade industrial. Cando rematou os estudos de Bacharelato Elemental, Barros comezou a súa formación como enxeñeiro eléctrico na Escola Técnica de Peritos Industriais de Vigo, e en 1965 continuou os seus estudos na Escuela Técnica Superior de Ingenieros Industriales de Madrid, entre 1965 e 1968.

No contexto de reivindicacións estudantís que asolaban as grandes cidades de Europa e EEUU, Carlos Barros contactou rapidamente coa Xeración do 68 madrileña, e non tardou en ingresar na célula do comité universitario do Partido Comunista e viaxando a París nese mesmo ano para fundar a ramificación galega do PCE. O seu enorme compromiso político en contra da ditadura franquista, que o levou a encabezar o movemento obreiro vigués creando a Junta Democrática de Vigo, rematou coa súa detención en 1971 polo Tribunal de Orden Público e interrogado baixo tortura.

Tras a morte de Franco, Barros viviu de primeira man as negociacións que compoñen o tortuoso entramado político da Transición, participando na consecución da preautonomía galega e chegando a ser o segundo na lista para o Congreso polo PCG en 1979.

Non sería até o ano 1986 cando Carlos Barros, deixando atrás a súa militancia política, se licenciaría en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, institución na que tamén acadaría o doutoramento tras a defensa da súa tese Mentalidad y revuelta en la Galicia irmandiña: favorables y contrarios, en 1988. 

Tras o seu nomeamento como Doutor, Barros foi Profesor Titular de Historia Medieval e Historiografía na USC entre 1990 e 2016, Director do Posgrao de Historia, Teoría e Método de Humanidades e Ciencias Sociais entre 2006 e 2016 e investigador do Instituto de Historia do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) de Madrid entre 1989 e 1990. Durante 1996 e 1997 tamén foi Directeur d’études associé de l’École des Hautes Études en Sciences Sociales de Paris.

Por último, no ano 2007 foi o asesor histórico dun filme documental producido pola Televisión de Galicia titulado O rapas de aldea. Memorias dun traballador (1918-1976), baseado na autobiografía do propio pai de Carlos, Manuel Barros.

Promoción dunha nova Historia:

Dende o ano 1993, Carlos Barros coordina Historia a Debate (HAD), unha rede académica internacional fundada por el mesmo coa que a miúdo organiza debates sobre historiografía, metodoloxía ou teoría da historia. A través das publicacións e actividades que ten desempeñado en HAD, Barros defendeu en numerosas ocasións as novas correntes historiográficas, que propoñen un novo xeito de escribir a Historia. Algunhas destas son a Historia das Mentalidades (que tivo un gran apoio por parte da Xeración do 68), a Historia Inmediata ou do Presente, a Egohistoria ou a Microhistoria. 

Barros tamén está a favor do achegamento entre a Historia e a memoria, o que explica o seu manifesto apoio á Memoria histórica. O historiador opina que á Historia prexudícalle a corporativización radical e o afastamento da memoria en tanto que a disciplina perde relación social.

Nos últimos anos, Barros abriu a canle de YouTube Historia a Debate, onde subiu unha serie de vídeos sobre aspectos da Historia e a Historiografía nas que explica en boa medida estas novas correntes historiográficas.

Obra e recoñecementos:

Carlos Barros conta cunha obra moi prolífica e variada, e dende a publicación da súa tese de doutoramento non cesou de publicar obras de carácter tanto académico como divulgativo. Entre algunhas das súas monografías máis remarcables sobre Historia Medieval atópanse Mentalidad justiciera de los irmandiños, siglo XV (1990), ¡Viva el-Rei! Ensaios medievais (1996) ou Torres, varas e demos. Os irmandiños da ría Muros-Noia (2009). Tamén conta neste aspecto con numerosos artigos entre os que destacan Violencia y muerte señorial en Galicia a finales de la Edad Media (1991), La humanización de la naturaleza en la Edad Media (2000), Rito y violación: el derecho de pernada en la Baja Edad Media (1993) ou Ascenso e caída do Mariscal Pardo de Cela (1995).

Por outra banda, Barros tamén publicou obras sobre outras disciplinas dentro dos estudos históricos, como a historiografía ou a historia de xénero. Aquí podemos destacar títulos tales como El retorno de la historia (2000), Hacia un nuevo paradigma historiográfico, Historia e historiadores (2001) ou La historia de las mujeres en el nuevo paradigma de la historia (1997).

Ademais, a influencia do obreirismo, o marxismo e a Xeración do 68 na súa xuventude tamén o lanzaron a publicar Dende Galicia: Marx. Homenaxe a Marx no 1º centenario da súa morte (1985) ou La contribución de los terceros Annales y la historia de las mentalidades. 1969-1989 (1995). 

Practicamente todas as súas publicacións, entrevistas e congresos están dispoñibles para a súa libre consulta na súa páxina web.

Xa para rematar, Carlos Barros conta con varios premios dentro da Historia académica, tales como o Premio de investigación "Antón Losada Diéguez", concedido pola Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega en 1988; o Premio Latinoamericano de Historia "Dr. Walter Rela" (México), concedido en 2016 pola Sociedade Académica de Historiadores; ou a concesión da Insignia da Universidade de Santiago de Compostela en 2017.

Bibliografía: