Banet Fontenla, Manuel

1.Manuel Banet Fontenla

Manuel Banet Fontenla (A Coruña, 1871-1962) foi un avogado, economista, notario e escritor galego, de ideoloxía galeguista. 

Nome completo: Manuel Banet Fontenla

Datas: 1871-1962

Lugares: A Coruña

Campo de actividade: Avogacía; Notaría; Política

Grupo asociado: A Cova Céltica; Liga Gallega da Cruña; Real Academia Galega Irmandades da Fala; Irmandade Nazonalista Galega; Partido Galeguista; Dereita Galeguista

Ocupación: Avogado; Notario

Lingua: galego, castelán

De mozo estivo vinculado ao faladoiro coruñés da Cova Céltica, sendo un dos fundadores da Liga Gallega da Cruña en 1897, e formando parte da súa primeira directiva. Banet situábase no sector máis conservador da Liga, sendo o encargado de dar unha conferencia en 1898 no Círculo Católico da Coruña para intentar reincorporar o groso do rexionalismo tradicionalista. Desde 1901 exerce como notario en Monforte, mais segue participando activamente no grupo coruñés, sendo un dos creadores da Real Academia Galega en 1906, e lendo o discurso de Manuel Murguía, que non asistiu, na sesión inaugural. En xullo de 1907 representa o rexionalismo, xunto con Manuel Lugrís e Eugenio Carré, na constitución de Solidaridad Gallega na Coruña, e consegue que Monforte sexa unha das poucas vilas non coruñesas que conte cunha activa Junta Solidaria que, como en todas as partes, conecta axiña co nacente agrarismo, neste caso preferentemente coa súa tendencia socialcatólica. 

O activismo e o ascendente de Banet contribúen a que en 1908 se celebre en Monforte a I Asemblea Agraria, localización que se repetirá nas seguintes edicións. Contribúe a formular algunhas das 40 conclusións que se aproban, cun teor reformista. Banet sintonizaba co rexeneracionismo conservador de Antonio Maura, ao que apoia en 1908 na súa pretensión de combater o caciquismo introducindo o voto corporativo nos concellos. 

En 1916 súmase ao movemento das Irmandades da Fala e funda a Irmandade de Monforte, a terceira en aparecer despois das da Coruña e Santiago, cun reducido número de comerciantes da vila. Era partidario de dar o salto do rexionalismo ao nacionalismo e, en consecuencia, participa na I Asemblea Nacionalista (Lugo, 1918), asumindo o seu programa. En 1921 é elixido, xunto con Antón Villar Ponte e Vicente Risco, membro do Consello Permanente das Irmandades, órgano de dirección. Na crecente tensión interna de carácter ideolóxico que se daba nas Irmandades, Banet era partidario da liña de Risco e Antón Losada de non aliarse electoralmente cos republicanos en nome da pureza nacionalista. Cando se produce a escisión na IV Asemblea Nacionalista (Monforte, 1922), Banet e o seu grupo intégranse na Irmandade Nazonalista Galega. Coa chegada da Ditadura de Primo de Rivera (1923), apoia a breve colaboración dun sector da ING coa ditadura para conseguir unha mancomunidade para Galicia, pero rompe co Directorio ao ver que a promesa non se cumpre. 

Unha vez que traslada a súa notaría a Compostela, en 1930 participa na reactivación do nacionalismo dentro da Asociación Nacionalista de Santiago. En xuño de 1931 asiste, coa etiqueta de "agrario", a ásemblea pro-estatuto celebrada na Coruña, e en decembro participará na creación do Partido Galeguista, presidindo a asemblea fundacional e sendo elixido membro do Consello Executivo. Nas eleccións xerais de 1933 formará a candidatura do partido pola provincia da Coruña, xunto con Ramón Suárez Picallo e Ramón Martínez López, sen saír elixido.

Na pugna interna do partido sobre a alianza coas esquerdas españolas para desbloquear o proceso autonómico, Banet identifícase na IV Asemblea do PG (1935) coa posición antiesquerdas de Otero Pedrayo, que sae derrotada. Porén, ambos permanecerán fieis ao partido ata que en 1936, coa entrada do PG na Fronte Popular, segue a Vicente Risco na escisión da Dereita Galeguista. Co golpe de estado dese ano, que o colle con 65 anos, termina a súa actividade política.

Entre os seus traballos destacan A prol do Estatuto (1933) e o texto "O bilingüismo" (Boletín da Real Academia Galega, 1956).

Bibliografía:

Imaxes: