Baltar Domínguez, Ramón

1.Ramón Baltar na súa voda con Emma Tojo

Ramón Baltar Domínguez (Santiago de Compostela, 1902-1981) foi un destacado médico e cirurxián compostelán.

Nome completo: Ramón Baltar Domínguez

Datas: 1902-1981

Lugares: Santiago de Compostela

Campo de actividade: Medicina; Cirurxía

Grupo asociado: Universidade de Santiago de Compostela; Unión de Intelectuales Libres

Ocupación: Cirurxián

Lingua: castelán

Fillo de Ángel Baltar Cortés, propietario do Sanatorio Baltar en Compostela, desde 1914 veraneaba coa súa familia na praia de Tanxil en Rianxo, polo que se acabará facendo amigo de Rafael Dieste. Licenciouse en Medicina en 1923 cun expediente de sobresaíntes e matrículas de honra, salientando entre os seus profesores a Nóvoa Santos. Comezou a traballar como cirurxián no sanatorio familiar, e en 1928 gañou a oposición á praza de médico axudante da Beneficencia provincial. Antes, ampliou a súa formación en Francia e Alemaña entre 1926 e 1928, para que o seu pai contactou con Ferdinand Sauerbruch, un dos cirurxiáns máis relevantes da primeira metade do século XX, e August Bier, pioneiro da anestesia espiñal. En París formouse con Victor Pauchet e, sobre todo, Antonin Gosset, un sobranceiro especialista en cirurxía dixestiva.

En 1932 obtivo a praza de profesor axudante de Anatomía e Patoloxía Cirúrxica e de auxiliar de Cirurxía na Facultade de Medicina compostelá, desde onde estimularía o interese pola cirurxía de numerosos alumnos. En agosto de 1936, despois do golpe de Estado, foi suspendido cautelarmente de emprego e soldo pola autoridade militar-gobernativa. Máis tarde, sería "depurado" pola Comisión de Cultura y Enseñanza. Un informe do Servizo de Información Militar de Burgos sinalouno como "cotizante de Socorro Rojo, esquerdista, propagandista da Fronte Popular e masón". E en 1939 foi sancionado con inhabilitación perpetua para o exercicio de cargos directivos e de confianza. Tamén sufriu a depuración da Deputación provincial, da que dependía como médico da Beneficencia. Tamén o Consello de colexios médicos desenvolveu un expediente sancionador. 

Na súa defensa destes procesos Ramón contou co ofrecemento do Sanatorio Baltar para tratar feridos na fronte e co testemuño favorable de persoas adictas ao novo réxime, entre eles os médicos Barcia Goyanes, secretario provincial de Falange e presidente da Deputación desde setembro de 1936, e Carlos Colmeiro, xefe provincial de Falange, así como o político compostelán Emilio Martínez Baladrón, cuxa familia era amiga dos Baltar. Polo contrario, o seu irmán Antonio fuxiu á Arxentina, ao igual que algúns amigos de Ramón. 

Non obstante, durante a guerra foi nomeado "capitán médico asimilado" -grao que se concedía a catedráticos e médicos de alto prestixio- e formou parte da comisión encargada de organizar os servizos hospitalarios de cirurxía de guerra de Santiago. Desde xaneiro de 1937 exerceu a xefatura dun servizo de 150 camas no Hospital Militar de San Caetano. Mobilizado como xefe de equipo cirúrxico, estivo destinado nas frontes de Asturias e Aragón, retornando despois ao Hospital de San Caetano. Baladrón fora ferido na fronte de Madrid, e fixo traer a Ramón Baltar a Santiago para pedirlle asesoramento, quen lle aconsellou que se operase en Alemaña con algún dos especialistas que coñecera Ramón. Este, que sabía alemán, foi autorizado a viaxar co político santiagués, previa advertencia de que non fuxise como o seu irmán Antonio. En Alemaña Baltar viviu a exaltación hitleriana, que lle preocupou moito e o levou a predicir o desastre posterior. Baladrón sobreviviu finalmente a unha operación delicada.

Ao terminar a guerra Ramón continuou coa súa actividade no hospital provincial, no Sanatorio Baltar e na Facultade de Medicina. Mais en 1945 o decano, Antonio Novo Campelo, cuxa relación cos Baltar non fora historicamente boa, imponlle un horario que impedía a Ramón desenvolver a súa consulta privada, o que o fixo renunciar en febreiro dese ano e lle impediu acadar unha cátedra en Compostela.

Por esas datas, Baltar integrouse na Unión de Intelectuales Libres, unha organización clandestina a nivel español que pretendía contribuír ao retorno da democracia no fin da II Guerra Mundial. Nese mesmo ano realizou no seu sanatorio unhas radiografías ao guerrilleiro antifranquista Benigno Andrade "Foucellas", que estaba ferido e posteriormente sería operado polo doutor Ramallal na Coruña. Estas axudas poderían ter que ver coa colaboración entre diversas persoas e colectivos que participaban na Unión de Intelectuales Libres. En 1947 foi detido e encarcerado uns días, xunto con outras 20 persoas, entre as que se encontraban o seu amigo e colega Ulpiano Villanueva ou Francisco Fernández del Riego. 

A ficha policial debuxaba un perfil "perigoso" de Ramón: "Liga intelectuales libre pensador (sic). Simpatizante izquierdas democráticas. Tendencias comunistas. S. L. Masónicas: actividades influyentes. (...)". Os detidos foron procesados polo xulgado militar Para la represión del Comunismo, la Masonería y el espionaje, acusados de pertenza á masonaría e de axuda aos guerrilleiros, se ben o cargo principal era "poñerse ás ordes do goberno republicano exiliado para, chegado o momento dun cambio político en España, saber con que persoas contar para ocupar os diferentes cargos e postos do Estado en cada localidade". Finalmente Ramón foi posto en liberdade, ao ver o tribunal que non habia indicios de culpabilidade.

En canto á súa actividade profesional, realizou un gran número de operacións, desde que en 1925 comezara a operar el mesmo, chegando a afirmar en 1970 que realizara máis de 30.000 operacións. Tamén destacou como radiólogo, e no seu Sanatorio aplicábanse tratamentos oncolóxicos de radioterapia, polo que a el acudían moitos enfermos de cancro de toda Galicia. Ramón foi continuador dunha tradición cirúrxica que tiña a súa base na obra Sánchez Freire, Maximino Teijeiro e os cirurxiáns do hospital provincial, os máis valorados, así como da innovación que incorporou Varela de la Iglesia de aprender alemán e completar a formación no país xermano, que incorporaron alumnos seus como Gil Casares, Nóvoa Santos ou Ángel Baltar.

Baltar foi membro de numerosas sociedades científicas, como a Sociedad Española de Patología Digestiva, Sociedad Española de Cirujanos, Sociedad Internacional de Historia de la Medicina e fundador da Sociedad Española de Radiología, dirixindo a revista Medicina y Cirugía

Baltar estivo en permanente conexión co mundo hospitalario. Desde a súa praza de cirurxián auxiliar no Hospital Real, onde colaborou co tamén cirurxián Puente Castro. En 1939 converteuse en director do centro, e en 1942 en profesor de sala, chegando a decano da Beneficencia provincial en 1952. Tamén operaba no sanatorio Concheiro de Ordes. Fundou, con outros médicos liberais, a "Policlínica del Hórreo", contigua á vivenda de Nóvoa Santos, unha aposta por un hospital multidisciplinar con vocación social, con prestación gratuíta aos pobres, e en estreita relación coa Cruz Vermella. Baltar tamén participou na creación do Hospital Modelo, na Coruña, e de Povisa en Vigo, así como na do Colexio Peleteiro, na liña de xerar institucións de base aconfesional. En 1963 decidiu pechar o Sanatorio Baltar, ao crer que ese modelo de centro non tiña futuro fronte ao avance da Seguridade Social, e pasou a exercer no Sanatorio de la Esperanza. 

Máis isto último non significaba que Ramón estivese conforme co sistema hospitalario español. En 1954, cando Franco acudiu á inauguración do novo hospital provincial en Galeras, Baltar apuntoulle que quedaba pequeno e que se necesitaban hospitais sociais, ao que o ditador respondeu que non facían falta xa que en España non ía haber pobres.

Neste sentido, publicou en 1971 un artigo na revista Triunfo, publicación crítica co réxime, en dúas entregas. Na primeira apunta que a organización hospitalaria española se atopaba a un nivel moi baixo con respecto á media europea e, facendo un repaso da historia do sistema hospitalario, consideraba que o papel da Administración fora insuficiente, obrigando á iniciativa privada a intervir, o que xerou hospitais de ricos e de pobres. Na segunda entrega dicía que era necesario crear un sistema uniforme e dotado de recursos materiais e económicos, e criticou a construción de custosos hospitais en plan competición. O informe provocou que o médico Cristóbal Martínez-Bordiú, xenro de Franco, lle manifestase o seu desacordo e inconformidade.

En canto á súa produción científica, escribiu numerosos artigos sobre temas cirúrxicos, publicados en revistas profesionais. Entre os temas tratados destacan tamén o cancro en Galicia ou temas de historia da Medicina, en particular da Medicina compostelá. 

Ramón Baltar era un católico liberal, e tiña simpatía pola masonaría. Varios amigos seus eran masóns, así como os seu irmán Antonio e o seu parente Ramón Rey. Era amigo tamén da familia Castelao -o pai de Daniel fora administrador dos bens dos Baltar en Rianxo-, unha relación intensificada nos duros anos do franquismo. A petición do seu amigo e paciente Xosé Filgueira Valverde, escribiu o libro Castelao ante la medicina, la enfermedad y la muerte (1979).

En 2009 a familia Baltar cedeu súa biblioteca familiar ao Museo do Pobo Galego, a "Biblioteca Baltar", que conta con máis de 15.000 volumes, salientando a contribución feita por Ramón, un namorado dos libros. 

Dos doce fillos que tivo Ramón, dous deles continuaron a profesión do pai. Tamén varios netos seus son cirurxiáns ou médicos. 

Bibliografía:

Imaxes: