Baltar Domínguez, Antonio

1.Título da foto

Antonio Baltar Domínguez foi un médico e activista cultural compostelán, pertencente á saga dos Baltar.

Nome completo: Antonio Baltar Domínguez

Datas: 1906-1970

Lugares: Santiago de Compostela - Bos Aires

Campo de actividade: Medicina

Grupo asociado: Universidade de Santiago de Compostela; Asociación Gallega de Universitarios, Escritores y Artistas

Ocupación: Médico

Lingua: galego, castelán

Fillo de Ángel Baltar Cortés e irmán de Ramón Baltar Domínguez, estudou Medicina en Compostela, en París -atraído pola escola de Histopatoloxía- e na Universidade Complutense de Madrid, onde se licenciou. Especializado en Histoloxía patolóxica, ingresou no corpo de Médicos Inspectores Municipais de Santiago. En 1929 viaxa a París para perfeccionarse na súa especialidade, e en 1933, bolseiro pola Junta para Ampliación de Estudios, viaxa a Berlín para estudar na Pathologisches Institut Universitäts Frauenklinik cos profesores R. Meyer e W. Stoeckel, e a Breslau ao Neurologisches Institut.

Entre 1934 e 1936 foi profesor auxiliar na Facultade de Medicina de Santiago. Ao mesmo tempo, foi un dos creadores da "Agrupación al Servicio de la República" de Compostela, e publicaba escritos seus na revista P. A. N. (Poetas Andantes e Navegantes), co pseudónimo de Antón Martín.

Co golpe de estado de 1936, Antonio foi suspendido de emprego e soldo na Universidade, e exiliouse a América, onde a súa muller Mireia, sobriña de Rafael Dieste, tiña casa familiar. En Arxentina participou nas actividades dos intelectuais galeguistas exiliados, reencontrándose cos seus amigos Luís Seoane, Arturo Cuadrado ou Rey Baltar. En 1937 revalidou o doutorado en Medicina na Universidade de La Plata, e funda un sanatorio en Avellaneda con outro santiagués, Gumersindo Sánchez Guisande, amigo seu. En 1941 abríuselle expediente de responsabilidades políticas en España. 

De 1939 a 1947, Baltar organiza o Laboratorio de Anatomía Patolóxica do Centro Galego de Bos Aires, e funda o Hogar Gallego para Ancianos a 50 km da capital arxentina, para axudar aos compatriotas envellecidos e desvalidos na Arxentina. Na revista Galicia Emigrante, agochado no pseudónimo Luis Estévez, explicou por que se trasladou á Patagonia a exercer na mina de Chos Malal, a pé dos Andes. Alegaba que estaba cumprindo a súa vontade de exercer de médico rural, xa que cría que os médicos tiñan que estar onde fixesen máis falta.

En 1953 é nomeado catedrático de Anatomía Patolóxica na universidade de Cuyo (Mendoza), pero ao ano seguinte abandona a cátedra ao atraerlle máis o aspecto social que podía exercer como director xeral de sanidade de Cuyo na rama de medicina sanitaria e loita anticancerosa. Logo traballou en Bos Aires e especializouse en Medicina Social na Organización Mundial da Saúde. A principios dos anos 60 coordinou un Plan Integral de Saúde en San Juan. 

Durante o seu exilio, preocupouse pola cultura e o futuro político e social de Galicia. Relacionouse cos intelectuais galegos na Arxentina, sobre todo co seu amigo da infancia Rafael Dieste. Así, en 1956 presidiu a Asociación Gallega de Universitarios, Escritores y Artistas (AGUEA), que organizou cursos, homenaxes, coloquios sobre os problemas de Galicia, veladas, e promocionaba exposicións, todo na nosa lingua. Como iniciativa da AGUEA tamén dirixiu, xunto a Luís Seoane, a editorial Citania, que publicou importantes libros dos intelectuais galegos da época. No I Congreso da Emigración Galega (1956) presentou un relatorio titulado "A emigración galega e a cultura". Tamén colaborou con Luís Seoane e Díaz Pardo no proxecto do Laboratorio de Formas de Galicia, que incluía a restauración e Sargadelos e un museo de arte contemporánea en Sada, no que Baltar conseguiu que se incluíse a obra de Carlos Maside, da que era testamentario.

Morreu en Bos Aires en 1970.

Bibliografía:

Imaxes: