Domingo de Andrade

1.Rúa co seu nome na localidade de Cee

Domingo de Andrade (Cee, A Coruña 1639 - Santiago de Compostela 1712) foi un arquitecto galego da segunda metade do século XVII e de comezos do XVIII. Foi ademais o promotor do tránsito ao barroco en Galiza.

Estudou en Santiago de Compostela e máis tarde coñeceu ao cóengo Vega y Verdugo, posiblemente o seu mestre máis directo e quen formou a súa personalidade artística.

Nome completo: Domingo Antonio de Andrade

Datas: 1639-1712

Lugares: Cee - Santiago de Compostela

Campo de actividade: Arquitectura

Grupo asociado: Barroco

Ocupación: Arquitectos

Lingua

Coñeceu os diferentes estilos que se practicaron na España do seu momento, segundo recolle o seu Tratado de Arquitectura no que fai referencia non só a artistas da Antigüidade ou do Renacemento senón que tamén escribirá e alabará a artistas coetáneos, como Bernini. 

Na súa persoa recollíanse os rasgos dun arquitecto teórico e erudito e serviuse desta disciplina para ascender socialmente. 

Xa nos seus primeiros traballos, Andrade mostrouse como un innovador no seu tempo. Vémolo na Torre do Reloxo, en Santiago de Compostela, coa súa concepción espacial. Nesta, os vacíos e os ocos xogan un papel fundamental, similar á masa, tendencia moi utilizada por artistas como Casas ou Simón Rodríguez. Serviuse ademais de ideas do seu mestre, Vega y Verdugo, no gusto polos elementos naturalistas na ornamentación e será algo distintivo dos artistas galegos da época. Andrade amosou tamén, un gusto pola decoración vexetal, trofeos, froitas ou figuras fantásticas nas súas obras, como no baldaquino da Catedral.

Durante a súa vida tamén foi o deseñador de elementos de arquitectura civil por encargo de cóengos e personaxes importantes de Santiago relacionados, a maior parte, coa Catedral. Os encargos eran de todo tipo, dende construción ata modificación de edificios levantados por outros artistas1.

O seu maior recoñecemento foi polas obras encargadas pola Catedral: podemos destacar a actividade que levou a cabo na Praza da Quintana, coa mencionada Torre do Reloxo; a remodelación do Pórtico Real e o inicio do conxunto das casas da Conga convertindo este lugar nun dos lugares máis importantes do período barroco compostelán.

 Fóra da Catedral pero sen saír de Compostela, realizou obras como o Convento de San Domingos onde  rematou o claustro e fixo a fermosa tripla escaleira helicoidal. Seguiu traballando para a Catedral, na nova sancristía que logo foi convertida en Capela polo arcebispo Monroy, enterrado alí. Non foi rematada por Andrade, senón por Fernando de Casas y Novoa, a quen se lle deben as magníficas decoracións ficticias e ilusionistas, así como o retablo.

Domingo de Andrade faleceu no ano 1712 e foi sepultado na catedral de Compostela.

2.Tripla escaleira de caracol de San Domingos de Bonaval

Bibliografía:

1 A chamada Casa das Pomas, na Rúa Nova de Santiago, obra de Diego Romay que foi modificada posteriormente por Andrade.

Imaxes: