Alvariño Alejandro, Carme

1.Título da foto

Carme Alvariño Alejandro (Santiago de Compostela, 1952-2017) foi unha historiadora e profesora compostelá.

Nome completo: María del Carmen Alvariño Alejandro

Datas: 1952-2017

Lugares: Santiago de Compostela

Campo de actividade: Ensino; Historia; Sindicalismo

Grupo asociado: Sindicato Galego de Traballadoras e Traballadores do Ensino; Partido Obreiro Galego/Esquerda Galega; Comisións Obreiras; Fundación 10 de Marzo; colectivo María Castaña; Sine Nómine

Ocupación: Profesora

Lingua: galego

Estudou Filosofía e Letras na Universidade compostelá. Nesta etapa universitaria comeza o seu compromiso político, participando nas mobilizacións antifranquistas, tanto estudantís como pola democracia e os dereitos sociais, en especial nas relacionadas coas folgas xerais de 1972, en marzo en Ferrol, en protesta polos asasinatos de Daniel Niebla e Amador Rey, e en setembro en Vigo. 

Acabada a carreira realizou a memoria de licenciatura sobre o dominio e as rendas do mosteiro das Clarisas, baixo a dirección de Antonio Eiras Roel. Aínda que nos primeiros meses do curso 1975/76 realizou tarefas de investigación na USC, ao non haber posibilidade de conseguir un contrato de profesora ou unha bolsa -o que era aínda máis difícil para as mulleres-, en decembro de 1975 comezou a impartir aulas na Escola de Hostelería de Lamas de Abade, aprobando as oposicións a profesora de Formación Profesional en 1978. Tivo un papel importante nas mobilizacións laborais deste colectivo, reivindicando a integración nun corpo único de profesorado de secundaria, o que se acadou en 1989.

Ensinou Historia no IES As Fontiñas de 1990 e 1994 e despois trasladouse ao IES de Sar, onde traballou até que o cancro a obrigou a deixar as aulas en 2015. Unha das súas grandes paixóns foi mudar o ensino da Historia: por unha banda, coa innovación persoal na aula, as súas aulas convertéronse en espazos de liberdade encamiñados a promover o pensamento crítico; por outra, a través da cooperación en equipo, fundando distintos grupos. O colectivo María Castaña foi pioneiro en levar a perspectiva feminista ás clases de historia, elaborando materiais didácticos, que recibiron en 1995 o Premio Educación y Sociedad, impartindo obradoiros e cursos nos Centros de Profesorado, e elaborando materiais sobre Maruxa e Coralia Fandiño. 

Carme tamén foi fundadora do colectivo Sine Nómine, que ten como obxectivos a innovación no ensino da historia, o desenvolvemento do pensamento crítico e a incorporación da memoria histórica nas aulas. Entre 2006 e 2014, este colectivo organizou anualmente, xunto con Nova Escola Galega, un ciclo de Cine e Historia. Tamén organizou conferencias e exposicións, e elaborou unidades didácticas. Carme implicou ao seu alumnado na realización de traballos sobre o barrio, o Prestige, a Guerra de Iraq ou o Campo de Concentración de Lavacolla; traballos que acadaron premios.

Outro papel importante que desempeñou na súa vida foi a loita política e sindical: en 1977 participou na fundación do Sindicato Galego de Traballadoras e Traballadores do Ensino; desde 1977 formou parte do Partido Obreiro Galego (desde 1980 Esquerda Galega) durante varios anos. Máis adiante integrouse en CCOO, e nas eleccións sindicais na función pública de 1987 saíu elixida como representante. Entre finais dos anos 80 e principios dos 90 estivo implicada nos debates sobre a reforma educativa, tanto no sindicato como na Fundación 10 de Marzo, vinculada a CCOO. Asemade tamén participaba en mobilizacións sociais, como as do Prestige

Bibliografía:

Imaxes: