Almanzor

1.Almanzor

Abu ʿAmir Muhammad ben Abi ʿAmir al-Maʿafirí (c. 939 - Medinaceli, 1002) foi un caudillo militar do Califato de Córdoba e hayib ou chambelán  do califa Hisham II, famoso polas súas numerosas incursións militares contra os reinos cristiáns do norte, que sempre eran exitosas, razón pola que obtivo o título de al-Mansur (o Vitorioso). Da castelanización desta palabra viría o nome de Almanzor polo que era coñecido entre os cristiáns. 

Nome completo: Abu ʿAmir Muhammad ben Abi ʿAmir al-Maʿafirí

Datas: c. 939-1002

Lugares: Algeciras-Medinaceli (Soria)

Campo de actividade: Política

Grupo asociado: 

Ocupación: Militares; Políticos

Lingua: Árabe

Nacido no seno dunha familia árabe iemení de posición modesta, empezou a súa carreira como escribán, pero grazas á súa profesionalidade e coñecementos foi ascendendo dentro da administración do califato ata obter o posto de intendente do príncipe Abderramán, ademais de facerse co favor da súa nai e favorita do califa Alhakén II, Subh.

Grazas a esta alianza acumulou cargos importantes e converteuse no administrador do herdeiro Hisham coa morte de Abderramán.

A súa carreira continuou de maneira meteórica ata a súa alianza co chambelán al-Mushafi para desbaratar unha conspiración que pretendía colocar de califa a un irmán de Alhakén debido á xuventude do seu herdeiro, que só tiña oito ou nove anos. Coa eliminación dos conspiradores Hisham converteuse en califa, aínda que o poder, en realidade, estaba en mans dun triunvirato formado por al-Mushafi, o xeneral Galib e Almanzor.

Co tempo, Almanzor fíxose con todo o poder e eliminou de maneira progresiva aos seus rivais, empezando por al-Mushafi, seguido de Galib e finalmente da propia Subh, para logo colocar na administración e no exército a familiares e persoas leais a el. Desta maneira, Almanzor convertiuse en hayib de Hisham II quen, a pesar de chegar finalmente á maioría de idade, foi incapaz de gobernar o que permitiu a Almanzor concentrar todo o poder político e militar.

Durante o seu goberno levou a cabo unha gran reforma interior, baixando os impostos e cambiando o exército, que pasou de depender das levas da poboacion a ser unha forza profesional mantida cos impostos dos habitantes do califato.

Tamén destacou pola súa defensa da ortodoxia islámica, censurando ciencias contrarias a esta, e sobre todo, por realizar numerosas aceifas ou incursión militares contra os reinos cristiáns. As aceifas consistían en ataques veloces e impredicibles co obxectivo de saquear botíns e sobre todo escravos, de maneira que podía equilibrar as finanzas do califato. Estas incursións foron as que deron a Almanzor a súa fama. 

A máis famosa destas aceifas foi a que realizou contra Santiago de Compostela no ano 997. Almanzor arrasou a cidade, aínda que esta fora evacuada polo bispo Pedro de Mezonzo. Almanzor respectou a sepultura do apóstolo e levouse, no seu lugar, as campás da igrexa que foron transportadas por escravos cristiáns ata Córdoba.

Durante o seu mandato tamén tivo que facer fronte a varias sublevacións fallidas, algunhas procedentes do Magreb, mentres que outras foron protagonizadas por nobres do califato que desconfiaban da acumulación de poder do hayib. Unha destas sublevacións foi liderada por un dos seus fillos, que foi axustizado por orde do propio Almanzor.

Morreu tras regresar da súa ultima aceifa en 1002, sen ter sufrido nunca unha derrota. Os cristiáns difundiron a lenda dunha última batalla na que Almanzor foi derrotado antes da súa morte, pero é inventada e non ten ningunha base histórica.

Tras o seu falecemento, o califato acabou desintegrándose tras unha guerra civil a pesar das xestións de Almanzor para que o seu posto pasase ao seu fillo.

Bibliografía:

Imaxes: