Ramón María Aller Ulloa

1.Ramón M. Aller

Ramón María Aller Ulloa (Donramiro, Lalín, 3 de febreiro de 1878 – Lalín, 28 de marzo de 1966), astrónomo, matemático e sacerdote, foi pioneiro na investigación astronómica en Galicia e introdutor do estudo das estrelas dobres en España. 


Foi nomeado catedrático extraordinario da Universidade de Santiago de Compostela e director vitalicio do Observatorio Astronómico, cóengo honorario e fillo adoptivo da cidade de Santiago de Compostela. 

Construíu en Lalín o primeiro Observatorio Astronómico con fins científicos en Galicia e fundou o Observatorio Astronómico da Universidade de Santiago

Nome completo: Ramón María Aller Ulloa

Datas: 1878-1966

Lugares: Lalín, Pontevedra-Lalín, Pontevedra

Campo de actividade: Astronomía

Grupo asociado: Universidade de Santiago de Compostela

Ocupación: Astrónomos, Sacerdotes

Lingua: Castelán

Biografía

Ramón María Aller Ulloa (1878-1966) naceu no Pazo de Filgueiroa, a casa dos Ulloa, en Donramiro (Lalín), o 3 de febreiro de 1878 sendo o fillo vinculeiro dunha familia numerosa. 

Aos sete anos trasladouse a Lalín, xunto cos seus irmáns, á casa dos Lajosa, unha familia amiga dos Ulloa, para asistir á escola. 

2.Observatorio da USC

- Formación académica

Unha vez recibidas as primeiras ensinanzas, no ano 1889 trasladouse á Guarda, onde estudou Bacharelato no colexio dos Xesuítas e onde comezou a súa vocación sacerdotal e científica, especialmente cara á astronomía. 

A partir de 1894 trasladouse aos Seminarios de Lugo e Santiago de Compostela, onde o gran aproveitamento do seu traballo permitiulle adiantar dous anos a idade canónica sacerdotal, motivo polo que tivo que solicitar a dispensa para acadar con tan só 20 anos o título da licenciatura e o doutorado en Sagrada Teoloxía, celebrando a súa primeira misa o 11 de xuño de 1900 no Seminario Conciliar de Lugo. 

Porén, ao rematar os seus estudos sacerdotais decidiu que non ía acceder a ningún cargo relixioso nin recibir polo seu ministerio sacerdotal ningunha clase de retribución económica, por iso, a partir dese momento, pensou en desenvolver outro medio de vida e, no curso académico de 1899-1900 inscribiuse por libre en Ciencias Exactas (na actualidade Matemáticas) na Universidade de Oviedo, trasladando logo a matrícula á Universidade de Madrid, onde rematou os seus estudos de licenciatura o 23 de xuño de 1904. 

- Primeiras observacións

Daquelas, sendo estudante, xa dispoñía dun anteollo de 67 mm de abertura que lle regalara a súa avoa materna en 1896 cando aínda era seminarista. Polo tanto, con este instrumento e xunto cunha pantómetra que lle regalou seu pai comezou a súa afección astronómica que cada vez ía a máis, de modo que, María Lajosa Sánchez encargoulle un teodolito Troughton&Simms construído en Londres en 1902, que se acabou convertindo no instrumento ao que lle deu máis rendemento. 

Con estes aparellos, Ramón María Aller comezou a realizar de xeito sistemático observacións de gran calidade dende a súa casa de Lalín, a pesar dos escasos medios dos que dispoñía, e aínda que non o chegou a publicar no seu día, entre as primeiras observacións realizadas destacan as correspondentes ao tránsito de Mercurio por diante do disco solar o 14 de novembro de 1907, que enviou ao Observatorio de Madrid, onde publicou no Anuario do 1912 deste Observatorio, dentro dun artigo realizado polo astrómono Antonio Vela, unha observación realizada por el en Lalín: Observacións do cometa de Johannesburgo 1910a, convertíndose así na súa primeira publicación. 

No ano 1905 estivo en Narón, acompañando a expedición do enxeñeiro xeógrafo Ubaldo Apiazu, que dende o Instituto Xeográfico de Madrid trasladárase a Galicia para estudar a eclipse solar do 30 de agosto de 1905. Tendo xa algúns contactos con diversos estudosos da astronomía e científicos, Aller Ulloa decidiu aceptar a invitación de Luís de Ocharan Mazas de pasar algúns meses ao ano, principalmente no verán, algunhas tempadas no seu recentemente inaugurado Observatorio de Castro Urdiales (Cantabria), onde tivo ocasión de asesorar ao mecenas e de traballar co instrumental propio dun Observatorio profesional, trasladándose ás terras cántabras dende 1911 ata 1920, excepto no ano 1916, cando faleceu seu pai. A pesar de que o seu traballo aquí se limitou a realizar estudos fotográficos propostos por Ocharan, grazas a esta experiencia, tivo a idea de construír un Observatorio Astronómico en Lalín, en parte pola enfermidade do seu pai.

3.Observatorio de Lalín

Deste xeito, en 1917, no xardín da súa casa, levantou un Observatorio que na actualidade acostuma denominarse como “segundo observatorio”, aínda que en realidade é o primeiro. Estaba formado por dúas casetas de madeira, nunha estaba o teodolito e noutra o anteollo, ademais dalgúns instrumentos auxiliares e un cronómetro de marina. Con esta nova instalación as súas observacións alcanzaron precisión e ao mesmo tempo, realizou estudos teóricos de instrumentos, aparecendo publicacións súas na Revista da Sociedade Astronómica de España e América. 

Cando faleceu o seu tío Saturnino Aller, Ramón María herdou os seus bens en usufruto durante varios anos e co diñeiro que lle produciron decidiu ampliar os seus instrumentos de observación mercando o refractor Steinheil de 120 mm de abertura e 1800mm de distancia focal, polo que tivo que reformar o seu Observatorio e construír unha cúpula, cuxas obras, dirixidas por el mesmo, remataron en 1924. Unha vez que dispuxo do novo telescopio, seleccionou coidadosamente o seu programa de traballo e publicouno detalladamente no ano 1932 nos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, pois no ano 1928 ingresara no Seminario de Estudos Galegos. 

Á parte da súa adicación á ciencia, cos seus cálculos e estudos, Ramón María Aller tamén tiña unha faceta social, de modo que axudou frecuentemente aos veciños, realizando planos de casas, de igrexas, ou de traídas de augas. Ademais, tamén deu clases de latín, xeografía e matemáticas, de balde, á mocidade lalinense. 

- Docencia

No ano 1939, unha vez rematada a Guerra Civil e ante a escaseza de docentes na USC, o reitor Carlos Ruíz del Castillo, convocouno para que impartise clases de Análise Matemática e Xeometría Analítica na Facultade de Ciencias e tamén incitouno a que trasladase o seu Observatorio a Compostela. Ademais, no ano 1939 ingresou na Real Academia das Ciencias Exactas, Físicas e Naturais e no ano 1942 foi nomeado membro da Real Academia Galega. 

En 1943, construíuse o Observatorio Astronómico da Universidade que constaba de só un pequeño edificio coas cúpulas nas que se instalaron so instrumentos procedentes de Lalín, coa promesa de ir aumentando no futuro as instalacións e o material científico. 

Observatorio astronómico da Universidade de Santiago de Compostela

Nos primeiros anos do Observatorio houbo unha gran actividade e Ramón María Aller Ulloa foi nomeado director no ano 1943, convertíndose o Observatorio nun centro de referencia. 

Nese mesmo ano, tamén acadou o seu título de doutor na Universidade de Madrid e o CSIC editou en letra impresa o seu manuscrito Introdución á Astronomía, sendo ademais nomeado vocal do CSIC. 

No ano 1944 publicou Os observatorios de Lalín e Santiago e fíxose cargo da recén creada Cátedra de Astronomía da Universidade de Santiago, dirixindo a tese de Vidal Abascal. 

No ano 1948 foi nomeado membro da Comisión de Estrelas Dobres da Unión Astronómica Internacional (IAU) e publicou o libro Astronomía a simple vista. Asimesmo, converteuse no Conselleiro de Honra do CSIC. 

En 1949 foi nomeado membro da Comisión Nacional de Astronomía e Catedrático Extraordinario de Astronomía da Universidade de Santiago. 

Ao longo da súa vida como docente na USC non puido dispor dos medios de observación necesarios para ampliar as súas investigacións. De feito, en reiteradas ocasións solicitou o que nun principio se lle prometera, é dicir, poder contar cun refractor de 30 cms de abertura, un instrumento que el consideraba necesario. 

No ano 1964 enfermou e trasladouse a Lalín, onde morreu o 28 de marzo de 1966 aos 88 anos. 

Obras

O seu traballo máis destacado é Algoritmia. Principios fundamentais da ciencia dos números, que comezou a preparar ao pouco de rematar os seus estudos. Trátase dun libro de matemáticas que foi publicado no ano 1918 grazas á axuda económica do seu tío Saturnino Aller ao que lle adicou a obra. 

No ano 1930 comezáronse a publicar as súas medidas de estrelas dobres na revista alemá ASTRONOMISCHE NACHRICHTEN, que, nese momento, era a principal revista astronómica europea. Deste modo, convertíuse no introdutor do estudo das estrelas dobres en España, un tema no que chegou a crear unha importante escola en Santiago de Compostela. 

Ata o ano 1939 deu a coñecer 43 traballos en revistas tanto españolas como estranxeiras ademais do libro Algoritmia, así como o estudo e deseño de aparellos científicos que chegaron a interesar a construtores alemáns, o que contribuíu a que o Observatorio de Lalín tivese un recoñecemento internacional a pesar da súa sinxeleza. 

Entre os anos 1931 e 1934 escribiu oito ensaios en galego na revista Logos e descubriu catro estrelas dobres. 

A súa producción científica, tendo en conta os medios, a época e os lugares onde a desenvolveu, foi excepcional: 78 publicacións entre artigos, notas e comentarios bibliográficos, 4 libros, 5 teses de doutoramento dirixidas, 4 estrelas dobres descubertas. Tamén foi autor de numerosos deseños de aparellos científicos, así como un sen fin de observacións, cálculos, notas e catálogos estelares que quedaron inéditos. Por todo isto é considerado como unha das principais autoridades astronómicas españolas. 

Os seus libros, Algoritmia (1918), Introdución á astronomía (1943) e Astronomía a simple vista (1948) foron referentes nas universidades españolas durante moitos anos. 

Entre 1985 e 2009 a USC reeditou a súa obra científica.

Galardóns

Foi nomeado membro honorífico da Gran Cruz da Orde Civil de Afonso X o Sabio, cóengo de honra da Catedral de Santiago de Compostela, fillo predilecto de Lalín e fillo adoptivo da cidade de Santiago con medalla de ouro. 

Asimesmo foi membro das seguintes sociedades: Sociedade Astronómica de España e América, Sociedade Matemática Española, Sociedade Astronómica de Francia e Sociedade Belga de Astronomía e Ciencias afíns. 

Nos anos cincuenta, o astrónomo ingles Hugh Percy Wilkins púxolle o nome de Aller a un cráter da lúa.

O 4 de setembro de 1960 tivo unha homenaxe popular en Lalín á que asistiron o reitor da Universidade de Santiago, Jorge Echeverri; o alcalde de Santiago; representantes do Cabido compostelán; o Arzobispo de Compostela, Quiroga Palacios; o Gobernador Civil de Pontevedra; o presidente da Deputación provincial; o alcalde de Pontevedra, Xosé Figueira Valverde; o director da Escola Naval Militar de Marín; o representante do Gobernador Militar da provincia; o bispo auxiliar de Lugo; Otero Pedrayo; representantes da medicina, as ciencias e as artes galegas e diversos alcaldes de municipios galegos. Nesta homenaxe, entregáronlle a Gran Cruz de Afonso o Sabio e nomeárono Fillo Predilecto de Lalín, inaugurándose no xardín da Igrexa unha estatua adicada á súa persoa, realizada polo escultor Francisco Asorey. Despois disto, varias rúas de cidades galegas como Vigo, A Coruña, Lalín e Santiago levaron o seu nome 

Ademais, a Real Academia Galega das Ciencias adicoulle o día do Científico Galego o 26 de abril de 2011 e a Aula Magna da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago tamén leva o seu nome na actualidade. 

Bibliografía:

Imaxes