Marilar Aleixandre

1.Marilar Aleixandre

Marilar Aleixandra, nada en Madrid o 1 de maio de 1947, é unha bióloga, escritora e Catedrática das Ciencias Experimentais da Universidade de Santiago de Compostela.

Asemade, desde o 2017 é académica de número e arquiveira-bibliotecaria da Real Academia Galega.

Nome completo: María Pilar Jiménez Aleixandre

Datas: 1947 -

Lugares: Madrid -

Campo de actividade: Literatura; Bioloxía; Tradución.

Grupo asociado: Real Academia Galega.

Ocupación: Escritoras; Tradutoras.

Páxina web: https://marilar.gal/ 

Lingua: Galego; Castelán.

Biografía:

Marilar Aleixandre naceu en Madrid, mais a súa infancia pasa por outras moitas cidades das que garda recordos que a marcarían para sempre, como é o caso de Ceuta ou Córdoba. Non sería até setembro do ano 1973 cando finalmente se trasladaría a Galicia para impartir clases no Instituto do Calvario de Vigo, onde a destinaran como catedrática. Alí implicouse na resistencia clandestina antifranquista e participou na primeira asociación feminista galega. De feito, segundo a propia autora afirma, a redación de panfletos e artigos para revistas de partidos clandestinos foi, xunto coa lectura, un dos factores que a impulsaron a iniciarse na escritura.

Unha vez en Galicia, Marilar comezou a empregar o galego como a súa principal lingua literaria, e propuxo que o seu centro de ensino pasara a levar o nome de Castelao, sendo unha das pioneiras en impartir as clases de ciencias en galego. Así mesmo, foi coautora dos dous primeiros textos de ciencias naturais neste idioma.

En 1988, Aleixandre trasladouse a Compostela e deu inicio á súa etapa como docente de Didáctica das Ciencias e Educación Ambiental na Universidade de Santiago de Compostela, asinatura da que é profesora ad honorem desde 2017. 

En 1990 voltou a Madrid para defender a súa tese, coa que conseguiu o II Premio Nacional de Investigación Educativa e o Premio de Investigación da Xunta de Galicia anos despois, en 1997. Desde entón, aínda que é coñecida pola súa obra literaria, segue a cultivar a súa liña de investigación académica, facendo especial énfase no uso de probas e o pensamento crítico no ensino das ciencias, campo no que é autora dalgúns dos artigos máis citados internacionalmente. 

Obra e recoñecementos:

Como escritora, a faceta pola que máis destaca, Marilar conta cunha carreira verdadeiramente prolífica e exitosa, acadando un gran recoñecemento tanto por parte da crítica como pola dos lectores. A súa obra, que supera as corenta publicacións, foi traducida ao portugués, o castelán, o chinés, o catalán e o éuscaro, e tamén aparece recollida nalgunhas antoloxías en inglés.

Aínda que o primeiro relato que escribiu derivaría no conto Agardando polos morcegos, publicado en 1996, o seu debut literario a nivel editorial produciuse en 1989 con A formiga coxa, unha novela pertencente ao xénero da literatura infantil e xuvenil, que foi no que máis a miúdo se desenvolveu. Dende entón, a súa produción non cesou en absoluto, colleitando grandes éxitos como A expedición do Pacífico, co que conseguiu o Premio da Crítica de Galicia en 1995; e alternando con narrativa para adultos, como Lobos nas illas ou A Compañía Clandestina de Contrapublicidade, que recibiu o Premio Álvaro Cunqueiro en 1998. 

En total, Marilar Aleixandre conta con máis dunha ducia de premios, entre os que se destacan o Premio Merlín de literatura infantil de 1994 por A expedición do Pacífico; o Premio Lazarillo de 1999 por A banda sen futuro; ou o Premio Xerais de 2001 por Teoría do caos.

Bibliografía:

Redes sociais