Aurelio Aguirre 

Retrato de Aurelio Aguirre
1.Aurelio Aguirre

Aurelio Aguirre Galarraga (Santiago de Compostela, 1833 - A Coruña, 1858) foi un poeta galego en lingua castelá. Formou parte dos precursores e é considerado por moitos como “o Espronceda galego” debido á influencia que este poeta español do Romanticismo exerceu sobre a súa obra.

Aurelio Aguirre naceu en Santiago de Compostela o 23 de abril de 1833 no número 4 da rúa do Vilar, sendo bautizado na parroquia de San Andrés, e estudou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela.

Nome completo: Aurelio Aguirre Galarreta

Datas: 1833-1858

Lugares: Santiago de Compostela-A Coruña 

Campo de actividade: Literatura

Grupo asociado: Precursores

Ocupación: Poetas

Lingua: Castelán, galego

O escritor e historiador Manuel Murguía di de Aurelio Aguirre que era unha persoa que, a pesar dos seus constantes cambios de humor, era moi querido e admirado por todos aqueles que o coñecían, gabando o seu entusiasmo pola causa liberal, desprovisto de calquera interese persoal. De feito, Aurelio Aguille participou como miliciano na Revolución de 1854, tamén coñecida como a “Vicalvarada”, que puxo fin á década moderada (1844-1854) e deu inicio ao bienio progresista (1854-1856). Aguirre tamén participou no Banquete de Conxo, que tivo lugar o 2 de marzo de 1856, no barrio hoxe en día pertencente ao concello de Santiago, e no que participou xente como Eduardo Pondal ou Luís Rodríguez Seoane. Este banquete foi organizado polos estudantes liberais e foi un acto de confraternización entre o estudantado e a clase traballadora, sendo visto polas autoridades como un atentado contra a orde social establecida.

Aínda hoxe hai debates acerca de se Rosalía de Castro asistiu ou non ao Banquete de Conxo, e incluso hai quen di que Aguirre mantivo unha relación sentimental con Rosalía. De feito, cando el tiña 24 anos e ela 20 Aguirre adicou o soneto Improvisación “á poetisa R.C.”, pero as súas palabras neste poema non semellan as dun namorado.

Aurelio Aguirre faleceu o 30 de xullo de 1858 afogado na coruñesa praia de San Amaro, aos 25 anos de idade. Hai quen especula con que, en realidade, foi un suicidio, e ao tratarse dun poeta do Romanticismo esta versión foi apoiada por moitos, xa que moitos autores do Romanticismo morreron moi novos ou incluso se suicidaron, como Mariano José de Larra. Porén, Manuel Murguía argumentou que por aquel entón Aguirre era unha persoa feliz, que ademais de estar namorado se sentía correspondido pola moza á que lle adicou os seus últimos versos de amor. Ademais, cómpre destacar que Aguirre compuxo o poema Amor no que canta ao amor feliz, mentres que os autores románticos adoitan falar do amor pasado dende un presente de dor, facendo fincapé no carácter enganoso e traizoeiro dun sentimento que co tempo acaba por provocar sufrimento e dor.

A súa obra poética foi editada posteriormente co título Ensayos poéticos (1856-1858) e en 1901 fíxose unha recompilación de parte dos seus poemas co título Poesías selectas. Tamén escribiu Risas y lágrimas. Toda a súa obra foi escrita en castelán agás un poema titulado Un consello. Por último, cómpre destacar que no ano 2013 descubriuse un manuscrito inédito de Aurelio Aguirre no que se inclúen cincuenta poemas escritos de puño e letra polo poeta compostelán.

Bibliografía

AGUIRRE, A., Poesías selectas / Aurelio Aguirre; [prólogo de Marina Mayoral]. A Coruña: La Voz de Galicia, 1994.

GARCÍA VEGA, Lucía:  Retrato del poeta Aurelio Aguirre Galarraga (1833-1858) en el 180 aniversario de su nacimiento. En:  Madrygal: Revista de estudios gallegos, ISSN 1138-9664, Nº 16, 2013, págs. 139-142. https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=4586260  [consultado o 12/04/2020]

Imaxes