Afonso II, O Casto 

1.Afonso II

Afonso II (ca. 760-842) foi rei de Asturias entre os anos 791 e 842. 

Era fillo do rei de Asturias Froila I e de Munia, que procedía da área vascoa. Aínda que o seu pai morreu no 768, cando Afonso tan só tiña oito anos, houbo que agardar 23 anos máis (nos que se sucederon catro reinados) para velo convertido en rei, xa que aínda non estaba afianzado o sistema de transmisión do trono por herdade. 

Nome completo: Afonso II, Rei de Asturias

Datas: ca. 760-842

Lugares: Samos, Lugo-Oviedo, Asturias

Campo de actividade: Monarquía; Política

Grupo asociado: 

Ocupación: Reis e soberanos

Lingua: 

Da súa xuventude cómpre destacar que desempeñou o goberno de Palacio durante o reinado de Silo e que durante a súa infancia residiu no mosteiro de Samos, onde adquiriu unha ampla formación, algo pouco frecuente nos monarcas asturianos da época.

No seu reinado destacan tres aspectos: a súa belicosidade fronte aos musulmáns, a súa relación co mundo franco, e a conversión de Oviedo en sede da Corte. 

No que se refire ás súas loitas contra os musulmáns, as primeiras referencias que temos de Afonso II son as loitas defensivas pero vitoriosas fronte aos musulmáns. Posteriormente, aproveitando un momento de debilidade de Al-Ándalus, Afonso II levou a cabo unha campaña ofensiva cuxo principal obxectivo foi a obtención dun substancioso botín, saqueando cidades como Lisboa. Por outra banda, tamén cómpre destacar que Afonso II mantivo unha boa relación con Carlomagno, o rei dos francos.

Nesa época o poder político precisaba do apoio do poder relixioso, xa que este era o que fundamentaba e lexitimaba o poder político, que era de orixe divina. Deste xeito Afonso II creou o bispado de Oviedo, cidade á que trasladou a Corte, e sentou as bases dunha característica fundamental do feudalismo que predominará ao longo de toda a Idade Media: a fragmentación do poder. A creación dun novo concepto territorial prefigura o seu futuro ámbito xurisdicional, reforzando a función e poder señorial dos monxes. Con Afonso II, Asturias como realidade política comezou a ser coñecida e recoñecida fóra dos seus límites e, durante o seu reinado, continuouse a expansión territorial xa iniciada polos seus predecesores que levará ao futuro Afonso III a trasladar a súa residencia principal de Oviedo a León.

Afonso II foi un monarca moi vinculado a Santiago de Compostela, xa que durante o seu reinado (concretamente entre o ano 820 e 830) produciuse o descubrimento da tumba do apóstolo Santiago o Maior. Tras o achado do sepulcro, Afonso II mandou construír unha basílica en Santiago en honor ao apóstolo, que constaría dunha soa nave e en cuxa cabeceira se atoparía o sepulcro. Ao longo do seu reinado a monarquía asturiana foise identificando cada vez máis co pasado visigodo, con Santiago como patrón e titor hispánico. Deste xeito, a Igrexa do reino adquiriu unha relevancia moi superior á que tiña anteriormente, e os exemplos de Samos e Santiago amosan un inicio de colaboración entre o poder e as institucións eclesiásticas.

A Crónica Sebastianense, unha das dúas versións da Crónica de Afonso III, afirma que Afonso II morreu en 842 tras ter gobernado durante cincuenta e dous anos de maneira “casta, sobria, inmaculada, piadosa e gloriosamente”. O seu cadáver foi soterrado no Panteón Real da Catedral de Oviedo, mandado construír polo propio Afonso II. 

Bibliografía: