Concordia de Antealtares (s.XI)

A Concordia de Antealtares (1077)

Segundo se conta na Concordia asinada en 1077 entre o abade de Antealtares, Faxildo, e o bispo Diego Peláez, o rei Afonso II, que fora avisado do descubrimento do sepulcro de Santiago, mandou construír dúas igrexas en honor do Apóstolo: unha situada na parte occidental do mausoleo e outra, na parte oriental. Diante destes santos sepulcros, levantou outra que contiña tres altares: en honra de Santo Salvador, San Pedro e San Xoán Apóstolo.

O rei, encomendoulle a celebración dos oficios divinos e o culto nestes altares é o abade Ildefonso. É o orixe desta comunidade de monxes, fundada ao redor do a o 830 por Afonso II, que le concedeu ademais 3 hectáreas de terreo na parte oriental destas igrexas, o que xustifica o seu nome de Antealtares. Ó precisar o bispo Diego Peláez unha parte dos terreos desta comunidade para construí-la cabeceira da actual catedral, vese obrigado a asinar co abade Faxildo a "Concordia de Antealtares", que confirma os dereitos do mosteiro sobre os altares de San Salvador, San Pedro e San Xoán, que serán construídos na Catedral.


O documento e o contido

A copia máis recente atópase no Arquivo Histórico Universitario da USC, mais supón un traslado notarial de 1435, á súa vez copiado do Tumbo de Antealtares. O documento en si, é interesante, xa que supón a fonte documental máis antiga e autóctona das que narran a inventio do sepulcro apostólico. Resulta esencial pra comprender a historia de Antealtares e as orixes da Igrexa Románica iniciada por Diego Peláez, coa colaboración e amparo de Afonso VI. A copia máis recente que se conserva da Concordia é case 4 séculos posterior á suposta data orixinal do documento.

Andrés Gambra argumenta que o documento é falso, aínda que defende que a pugna entre Antealtares e a Igrexa de Santiago puido existir. José Freire, logo de estudar minuciosamente, os primeiros textos referidos a Antealtares e a propia Concordia, advirte de que o texto presenta sinais de ser interpolado, aínda que, de novo, advirte que non hai razóns pra negar a veracidade histórica. Hai que destacar que ademais da Concordia, outros documentos de Antealtares correron unha sorte relativa. Estamos ante un mosteiro que conserva moi pouca documentación.

O texto comeza facendo unha referencia á lenda da traslación , atribuída ao Papa León, que narra o traslado do corpo de Santiago o Maior de Terra Santa cara aos confíns de Hispania. O sepulcro pasou ``desapercibido´´ ate que en tempos do rei Afonso II, produciuse a inventio daquel esquecido sepulcro por parte do anacoreta Pelaio, ratificada polo bispo de Iria, Teodomiro. A continuación dáse noticia da intervención de Afonso II, quen construíu a primeira igrexa ao redor do templo e construíu a comunidade de 12 monxes, orixe da comunidade de Antealtares, que baixo a protección do abade Ildefredo, habían de velar polo culto apostólico. Esta constitución ía acompañada dunha dotación orixinal de Afonso II, que tampouco tivo fortuna documental. A dote do Rei Casto, como era coñecido o documento, gardábase coma ``ouro en pano´´ no tesouro de Antealtares, mais desapareceu nalgún momento indeterminado. O documento define a distribución espacial e arquitectónica que lle correspondían as dúas institucións compostelás orixinais: a Igrexa de Santiago e a Comunidade de Antealtares.

A concordia da un salto de adiante de dous séculos ao momento presente da redacción do documento, polo que somos presentados co bispo Diego Peláez e o abade Faxildo. O bispo Peláez quere facer obras na catedral, invadindo o espazo que tradicionalmente lle pertencía a Antealtares, mais o mosteiro non recibiría ningunha compensación. O rei Afonso VI intercede, tomando a iniciativa e forza a resolución do conflito en 3 puntos:

- A Igrexa de Santiago comprométese a respectar os dereitos do mosteiro sobre os 3 altares da igrexa monástica que pasan a quedar incorporados dentro do espazo da nacente igrexa románica.

- Hai un acordo de reparto de esmolas entre as dúas institucións. Peláez comprométese a que os monxes reciban 1/3 das rendas do altar de Santiago.

- Delimítanse con máis claridade a distancia física e os espazos independentes do mosteiro e a igrexa apostólico.

Parece ser un acordo forzoso máis que unha concordia coma tal. O abade Faxildo non confirma o documento. De feito, nunha parte Faxildo é definido coma "sanctissimus", término que solo pódese agardar se se aplicase tralo seu falecemento, feito que acontece varios anos despois da suposta data. Parte dos asinantes deste documento non eran facilmente documentables cara ao 1077, mais si o serían na década dos 90 do século XI, é dicir case 20 anos despois da suposta data, o cal tería sentido, xa que por aquel entón, o bispo Peláez xa caera en desgraza.

Tamén a crónica xelmiriana non fai a menor referencia ao papel xogado polos monxes de Ildefredo, esquecendo igualmente o documento de Afonso II. A ``Historia Compostelana´´ refírese de forma puntual e excepcional ao mosteiro de Antealtares. Quizáis a ``Historia Compostelana´´ pretendeu deixar clara a supeditación de San Paio aos bispos de Iria e ao primeiro arcebispo de Santiago. A concordia aporta indicios de que os cambios estaban chegando ao máis antigo dos mosteiros composteláns. Fálase dun mosteiro, ate entón, ``separado´´ da Igrexa apostólica e que busca a plena independencia. Pero tamén son tempos de cambio para a Igrexa compostelá.

A concordia de Antealtares pode ser entendida coma unha sorte de fósil director de todas as transicións eclesiásticas do século XI. Non deixa de ser o canto agónico dun mosteiro que vese ignorado e postergado no arranque duns novos tempos e unha fase de bonanza económica pra Compostela.


Fontes:

- Villamil, Xesús, San Paio de Antealtares. Santiago de Compostela, Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, 2004

- Andrade Cernadas, Jose M., ``La Concordia de Antealtares en su contexto histórico´´, Los Reyes de Asturias y los orígenes del culto a la tumba del Apóstol Santiago, Ediciones Trea: Oviedo, 2017, pp.109-126

A Concordia de Antealtares (s.XI)