Café Casino



O Café Casino atópase na Rúa do Vilar, unha das vías principais da cidade de Santiago. Este café xurdiu tras as remodelacións urbanísticas do século XIX que deixaron certas zonas da cidade sen os seus característicos soportais, levantados para protexer da choiva e que foron destruídos ben por interese estético ou pola súa avanzada deterioración.

Denominación: Café Casino

Tipoloxía: Local comercial; Institución cultural

Cronoloxía: 1873 -

Categoría: Cafetería; Espazo cultural.

Localización: Rúa do Vilar, nº35.

Coordenadas: 42°52'43.0"N 8°32'40.5"W.

Propiedade: Privada.

Tras a desaparición en 1866 dos soportais en Rúa do Vilar, iniciouse a construción do local. Inaugurouse en 1873 e non tardou en converterse en lugar de reunión da burguesía, aristocracia e socios composteláns no centro histórico e a poucos metros da catedral.

A planta superior do café era un Salón Amarelo (actualmente pechado) onde se organizaban bailes, sobre todo, en datas sinaladas como Entroido ou Semana Santa. O salón do Café Casino é moi espazoso sen ningunha viga e dunha altura de cinco metros. Destacan as grandes portas decoradas con vidreiras do local, o teito rematado cunha moldura e as dúas lámpadas de araña con floróns que caen. As paredes están decoradas con grandes espellos e por outra banda, a media altura, as paredes están recubertas con 36 tallas de madeira, realizadas polo ebanista Maximino Magariños. As tallas de madeira responden a unha temática variada, desde a relixión, mitoloxía, xogos de azar, etc. A cheminea ocupa a parte central, fronte ao piano de cola, e está adornada con frisos que portan escudos de lúas ou de cinco estrelas, que referencia ao arcebispo de Santiago de Compostela e Toledo, Alonso III de Fonseca. Tamén se observan escudos das provincias galegas, da comunidade e do Estado como decoración.

No ano 2002 abriu as portas como local público. O gran salón decorado con ambiente bohemio ofrece un servizo variado a visitantes e residentes. Ademais, conta con espazo cultural cunha sala de exposicións e museo. O Café Casino recibiu a personaxes como Vale Inclán, José Saramago, Castelao que o inmortalizou no seu debuxo Cousas do Casino, diferentes actores e artistas....

Bibliografía:

Imaxes: