Instituto De Estudos Galegos Padre Sarmiento

Pequeno texto introductorio

Nome:

Sigla:

Tipo:

Datas (Fundación):

Fundador:

Sede:

Dirección:

Coordenadas:

Páxina Web:

Entidade Superior:

O Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento” (IEGPS) é un centro de investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Foi creado no ano 1943 e dende o ano 2000 é un centro de titularidade compartida do CSIC e da Xunta de Galicia.

Historia

- Creación

A desaparición do Seminario de Estudos Galegos, cuxa actividade quedou interrompida durante a guerra civil (1936-1939) deixou un baleiro na vida cultural e científica de Galicia. A perda dos seus locais no Colexio de Fonseca, recuperados e integrados pola USC, que requisou a súa bilbioteca, ficheiros, arquivos e coleccións en xullo de 1941, non acabaron co traballo do Seminario, senón que algúns dos antigos membros da institución, como Xesús Carro García, patrocinaron a creación do Instituto, mantendo conversas co Ministro de Educación, o Reitor da Universidade e o Secretario Xeral do CSIC, de modo que o 30 de novembro de 1943 acordouse crear o Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento”, adscrito ao Patronato de Humanidades Marcelino Menéndez Pelaio do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

Deste xeito, a finais de 1943 creouse o “Instituto”, baixo a denominación habitual dos centros do CSIC, constituíndose formalmente o 15 de febreiro de 1944. Ademais, engadíuselle a denominación Seminario de Estudos Galegos “Padre Sarmiento”, como acordaran no seu momento os antigos membros do Seminario de Estudos Galegos, rendendo homenaxe ao bieito galego Frei Martín Sarmiento (1695-1772) unha das personaxes máis destacadas da Ilustración española cunha vida adicada á investigación e ao saber que quedou reflectida nun amplo número de obras e escritos relativos a diversas materias: historia, xeografía, paleografía, bibliografía, filosofía, agricultura, historia natural, antropoloxía, ética, dereito, educación.... Así pois, fíxose realidade o soño do Padre Sarmiento de aglutinar un grupo de amantes da verdade que traballaran sobre uns mesmos principios e para un mesmo fin en prol de Galicia, como reflexou na súa obra Onomástico Etimolóxico da Lingua Galega.

- Desenvolvemento

Ata o ano 1994, o Instituto pervivíu baixo enormes dificultades e unha actividade moi limitada.

Un ano despois da súa constitución, o Instituto instalouse provisionalmente no baixo da casa número seis da Rúa Nova e alí permaneceu ata 1946, baixo condicións desfavorables para o desenvolvemento da súa actividade. Tras diversas xestións, pola Orde do Ministerio de Educación e Ciencia do 10 de novembro de 1944 cedeuse ao CSIC, para a súa habilitación como sede do recente creado Instituto, o edificio contiguo ao Colexio de Fonseca -construído a comezos do século XVIII para acollela biblioteca deste, pero que ata entón estaba ruinoso- que foi restaurado nos anos posteriores. Trala súa primeira xunta, o Instituto organizouse en dez seccións: Xeografía, Prehistoria, Historia, Arqueoloxía, Arte, Filoloxía, Literatura, Etnografía e Folclore, Estudos Composteláns e Peregrinacións, Bibliografía e Publicacións, a imitación do antigo Seminario figurando ao fronte das mesmas destacadas figuras da cultura galega, case todos directivos da desaparecida institución.

Co paso dos anos, o CSIC procedeu a unha reorganización do Instituto, orientándoo como un centro propio de investigación e dotándoo de persoal científico e administrativo. Este proceso, de reactivación das actividades científicas e culturais acabou no ano 2000 coa firma dun convenio coa Xunta de Galicia que convertíu ao IEGPS nun centro de investigación de titularidade compartida, de xeito que á fronte da súa Comisión Rectora agora figuran o presidente da Xunta e mailo presidente do CSIC.

- Campos de estudo

Durante a segunda metade do século XX o seu campo de actuación englobou as distintas disciplinas humanísticas, con referencia sempre a Galicia, destacando o seu labor no desenvolvemento de proxectos de investigación, así como a promoción e dinamización cultural. Na actualidade, as súas actividades cinguense ao ámbito da Historia, dende a Idade Media ata a Idade Contemporánea, destacando entre as súas prinicipais liñas de investigación os estudos sobre o parentesco e as redes de poder na Idade Media, as fontes diplomáticas, epigráficas e heráldicas, así como as peregrinacións.

Asimesmo, dispón dunha das bibliotecas especializadas máis importantes de Galicia, sinalando así os seus fondos antigos, sobre todo de prensa local e a bibliografía histórica española, especialmente galega e portuguesa. Amais conta cunha importante sección de manuscritos, entre os que destacan algúns arquivos de especial reelevancia para a historia contemporánea de Galicia.

- Edificio actual

Na actualidade, o Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento” ten a súa sede dende o ano 2000 no antigo Hospital de San Roque, un edificio construído no ano 1570, a pesar de que o cabildo e rexemento composteláns xa acordaran levantar unha capela adicada a San Roque no ano 1517, para darlle as grazas pola súa xenerosidade ante unha forte epidemia de peste da que a cidade se librou. En 1570, á Igrexa uníuselle o Hospital, levantado a cargo do arcebispo Francisco Blanco Salcedo e baixo o mestre Gaspar de Arce.

Trala súa adquisición pola Xunta de Galicia no ano 2000, o edificio foi sometido a unha profunda rehabilitación e adaptación funcional, co fin de dotalo de espazos axeitados para os depósitos bibliográficos e para o desenvolvemento de actividades de carácter científico e cultural. Así pois, as novas instalacións foron inauguradas o 14 de febreiro do ano 2001.

Bibliografía:

  • http://www.iegps.csic.es/

  • http://digital.csic.es/handle/10261/20

  • BARRIO BARRIO, Julián: Frei Martín Sarmiente, monxe bieito. Santiago de Compostela, Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento”, 2002.

  • PARDO DE GUEVARA Y VALDÉS, Eduardo José: O Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento”: sesenta anos ó servicio de Galicia (1944-2004). Santiago de Compostela, Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento”, 2005.