Facultade de Medicina

A Facultade de Medicina de Santiago de Compostela na rúa de San Francisco é a Facultade onde se imparte a docencia da Medicina na Universidade de Santiago de Compostela desde que se inaugurou o ano 1928 este edificio, construído a carón do Hospital Real (co que de comunicaba a través dunha galería cuberta), de xeito que ambos os edificios ocupaban todo un lado de dita rúa, desde a praza do Obradoiro até o convento de San Francisco, até que se acabe de construír o novo edificio da Facultade de Medicina e Odontoloxía.

Nome: Facultade de Medicina e Odontoloxía

Sigla:

Tipo: Ensino superior; Medicina

Datas (Fundación): 1648

Fundador:

Sede: Facultade de Medicina

Dirección: Rúa de San Francisco, s/n 15782 Santiago de Compostela

Coordenadas: 42°52′53″N 8°32′45″O 

Páxina Web: https://www.usc.gal/gl/centro/facultade-medicina-odontoloxia 

Entidade Superior: Universidade de Santiago de Compostela

Historia

Ao longo do século XIX, a Facultade de Medicina de Santiago de Compostela, irá vivindo un paulatino ascenso do seu prestixio social, chegando a unha culminación nas derradeiras décadas do século. Nunha situación de partida, aínda contando con pouco alumnado, acadará unha maior relevancia ate alcanzar unha categoría de primeira orde na Universidade galega. Hai que destacar a importancia que tiveron os Hospitais Públicos para entender os cambios que aparecen na docencia médica nestes anos.

O aumento de prestixio social, coincide cunha larga transformación que levará a facultade a abandonar o modelo docente predominante, moi ``escolástico´´, por un novo modelo que radica no práctico e experimental.

Haberá dous bases para a formación dos futuros médicos: a anatomía descritiva e a aprendizaxe á cabeceira do enfermo. Polo xeral, no século XIX haberá un importante protagonismo da Anatomía coma disciplina fundamental na formación médica, polo que as diseccións de cadáveres eran necesarias, aínda que nun primeiro momento chegaría a ser polémico, xa existe unha Cátedra de Anatomía dende 1751, polo que xa dende comezos do século XIX houbo máis aceptación social. Xa en 1847, a Facultade dispón dun Anfiteatro Anatómico. A nova orientación práctica da ensinanza, apareceu tamén na necesidade de crear unha Cátedra de Clínica, que permitiría aos estudantes recibir parte da súa formación nas salas do Hospital Real.

Os primeiros intentos de reforma xa existen dende comezos do século XIX, producíndose en 1801 a primeira restauración da Medicina coma facultade universitaria, aínda que convivirá co Colexio de Cirurxía ate o Trienio Liberal (1820-23). En 1807 promúlgase por vez primeira un plan de estudos de aplicación obrigatoria en todas as universidades estatais, aínda que os estudos médicos pasarán por unha etapa de confusión ate o Plan de 1824. O momento de consolidación pleno vén co Plan Pidal de 1845 e a Lei Xeral de Instrución Pública de 1857.

O Plan de 1824 dispuña que os estudos de Medicina ate o grado de Licenciado, comprenderían 6 cursos académicos, con materias coma: Anatomía. Fisioloxía, Patoloxía, Hixiene Privada e Pública, Materia Médica, Medicina Legal, Afectos Internos, Clínica e Bibliografía Médica. Ademais, no Art. 82 do Título III do Plan de 1824, sinálase que ou ben nos anos de carreira o ben nun curso separado, os alumnos deberán aprender as Cátedras de Grego e de Botánica. Esta renovación médica non alcanzou plenamente os froitos desexados, e a diferencia do Plan Pidal de 1845, non establecía as bases para que as Facultades de Medicina contasen coa imprescindible infraestrutura material e humana. 

Con todo, a Universidade está suxeita á política do momento, e como tal, sufre en 1830 o peche total decretado por Fernando VII, medida provisional que manteríase ate dous anos despois.

O 16 de Outubro de 1840, o Decano de Medicina, Suárez Silva, propoñía ao Reitor daquel momento Juan José Viñas (que incidiu na necesidade de crear un Xardín Botánico), un plan de estudos, no que atopamos unha estrutura e contido que correspóndese coa docencia nos Colexios de Cirurxía e que, xa nas seguintes décadas, inspirará as Facultades de Medicina cando se produza a unificación médico-quirúrxica. En 1843, estableceuse o Colexio de Prácticos, cousa que acabaría sendo positiva pra a Facultade, consolidando os novos ámbitos docentes cara á participación activa dos alumnos. A corta vida do Colexio de Prácticos, trouxo uns novos hábitos docentes de gran importancia na instauración do novo paradigma médico, eclosión definitiva acadada polo Plan Moyano de 1857 en outras Universidades españolas, pero que chegou antes a Santiago co Plan de Estudos no Outono de 1845.

A filosofía do novo Plan de 1845, dirixíase cara á ensinanza práctica, pero incluía tamén novidades con respecto á participación activa dos estudantes en materias coma: Arte de Receitar, Patoloxía Xeral, Anatomía Cirúrxica e Toxicoloxía, destacando nesta última que serán o máis prácticas posibles, tendo lugar no laboratorio da Facultade. O Plan Pidal de 1845 polo tanto, resalta a presencia dun novo paradigma docente baseado na orientación práctica da ensinanza e a penetración do método experimental. O Plan Pidal de 1845, favoreceu unha colaboración entre o Gran Hospital e a Facultade de Medicina, nun momento no que o Hospital Real atopábase nun momento moi difícil, ao borde da desaparición, convertido finalmente no Hospital Central de Galicia, adxudicando a súa labor asistencial e a súa condición de ``Escola Práctica de Medicina´´. O Plan, marca un punto de inflexión nos estudos médicos de Santiago, aínda que a Lei de Instrución Pública de 1857 (Plan Moyano), tivo unha gran importancia a nivel estatal, se ben a repercursión que tivo en Santiago, Madrid, Barcelona, Valencia ou Cádiz, limitouse a rectificar algún aspecto do Plan de Estudos de 1845.

Dende había tempo, xa víñase argumentando a necesidade de ter un Anfiteatro e Museo Anatómico na facultade de Medicina, habendo un plano do arquitecto Miguel Ferro Caaveiro de 1783. Nun expediente de 1846, o Administrador do Gran Hospital recordaba que en 1839 o Anfiteatro de diseccións anatómicas atopábase ao aire libre nun local contiguo ao Cemiterio da Capela da Nosa Señora das Angustias, situación que cambiou nese mesmo ano coa habilitación dun modesto anfiteatro anatómico no Hospital Real, abrindo as súas portas á Facultade de Medicina. Máis tarde, o Anfiteatro trasladouse ao Colexio de Fonseca, marcando o inicio dun auténtico Departamento de Anatomía. O anfiteatro continuo instalado en Fonseca ate 1928, ano no que a Facultade de Medicina se traslada ao novo edificio da rúa de San Francisco, onde radica actualmente. O edifico levantouse entre 1910 e 1928 polos arquitectos F. Arbós e Tremanti e Isidro de Benito. Constrúese con muros de cantería de granito e segue o canon do ecleticismo decimonónico. Na fachada principal pódense observar dúas plantas divididas por unha cornixa, sobresaíndo e predominando o corpo central con dobre pórtico e frontóns triangulares. 

O resto do século XIX, estivo marcado polo Plan Moyano de 1857 e constantes discusións polo Hospital Clínico e o Hospital Central de Galicia, sostido polo diñeiro da Deputación de Coruña, o concello de Santiago e, en menor medida a Deputación de Pontevedra. A última ampliación do Hospital Clínico no século XIX vén dada pola Clínica Pediátrica.

Xa no século XX e ata a Guerra Civil, a vida da Facultade de Medicina viuse marcada polo enfrontamento coa Dirección do Hospital e a Deputación polo problema da ensinanza clínica. Mención especial merece o intento de impartir a ensinanza práctica de Psiquiatría. 

Ao comezar o curso 1908-1909, o Decano de Medicina insistiu ante o Reitor que o estado da ensinanza clínica apenas mellorara dende 1845. Os alumnos de Medicina tomaron a iniciativa facendo folgas, seguidas por outras Facultades. O conflito rematou logo de que o Ministerio prometera construír dous edificios destinados á Facultade de Medicina e o Hospital Clínico. 


A Escola Médica Compostelá

Malia a insularidade práctica do territorio galego, os profesionais da medicina galega e compostelá sempre mantiveron un vínculo científico co mundo e Europa. A práctica médica iníciase coa propia cidade xa no século IX, determinada polo Hospital do Bispo Sisnando I. Dende ese momento hai unha decena máis de hospitais, coma o de Xelmírez, Santa Marta o San Lázaro (s.XIII), o de San Andrés (s.XV), o Gran Hospital, San Xoan e San Roque (s.XVI) ou o de Carretas (s.XVIII). Todos nacen coma froito da caridade dun bispo, monarca ou particular. Primaba o cristianismo unido ao proceso científico da época, máis a mediados do século XVI, comeza a instaurarse unha ensinanza institucionalizada que é preludio da moderna facultade médica. Así, o Hospital de Xelmírez, tamén chamado de Santiago, foi o xerme da Universidade compostelá, funcionando aquí o Estudio Vello.

Cando a Universidade xa existe de forma plena, créanse as cátedras de medicina, que pouco a pouco irán configurando a Facultade. Destacan no século XVII as de Primas, Vísperas e Método, mentres que no XVIII as de Anatomía, Cirurxía e Medicina Práctica. O prestixio do Gran Hospital chega ao seu máximo esplendor no século XIX, cando se obxectiva a Escola Médica Compostelá, sendo precisamente neste ambiente cando se establecen dous piares esencias da escola: a sagacidade clínica e a eficacia terapéutica. 

Dentro da Escola Médica Compostelá, podemos destacar a Varela Montes, polos seus tratados anatómicos, a Maximino Teixeiro ou Gil Casares, inventor do ``palógrafo´´, instrumento que rexistraba a actividade cardíaca. Destacan tamén Nóvoa Santos, publicista médico e ensaísta de categoría internacional, o cirurxián Timoteo Sánchez Freire, Gómez-Ulloa, Vicente Goyama, Novo Campelo, Varela Iglesias e o psiquiatra, anatomista e poeta Juan Barcia Caballero. 

A Facultade de Medicina en 1928

Anfiteatro Anatómico de Medicina

Bibliografía:

Imaxes: